A regueifa no Viso de Redondela

Josiño da Teixeira Regueifa A Nova Peneria
Marcos Santos Artigo opinión a Nova Peneira
Marcos Santos

JOSE MANUEL DURÁN COUÑAGO “ JOSIÑO DA TEIXEIRA”

Josiño é un regueifeiro da Teixeira,

alá fun con el de lideira

a coñecermos esta arte,

E malia que poida parecer xuíz e parte

confeso con alegría

que o rapaz é pura poesía

Ti es músico, reguifeiro e carteiro?

Regueifemos un pouco, case me da un ataque de salouco, equivócaste co de carteiro, en realidade son carpinteiro

Que é iso da regueifa?

A palabra ten unha orixe árabe, significa molete de pan. O seu cerne dáse na comarca de Bergantiños, e que facían nas vodas é contratar un improvisador por parte da noiva e outro pola parte do noivo. Após o baile comezaba a controversia en forma de verso entra os contendentes o que tivera a honra de gañar, era o que cortaba a regueifa( a bola de pan) e repartíaa entre os convidados.

E como se determinaba o gañador da regueifa?

Polo número de aplausos.

En Galicia hai moita máis improvisación verdade?

Siii, o brindo do Courel, os atranques do Ulla no Entroido as bombas de Ourense. Agora non, pero aquí en Redondela nos maios facíanse coplas improvisadas.

A regueifa ten unha orixe feminina, non?

Si, pero neste mundo machista no que vivimos este é un campo no que tamén as mulleres sufriron discriminación e de feito prohibíuselles practicala. A muller leva moi pouco tempo regueifando en público.

Ti como comezaches na Regueifa?

Con coplas tradicionais en festas e aniversarios, sen saber o que era a Regueifa, e despois de ter contactado coa asociación ORAL de Galicia, que considero que son os que salvaron a Regueifa.

O talento para a Regueifa é innato ou apréndese?

Un pouco de todo penso eu.

Ti tamén dás clases de Regueifa, non?

Si, comezas con xogos de rimas e logo ven a parte musical, e logo desenvolvo a metodoloxía da asociación ORAL de Galicia.

E se algún lector ou lectora quere aprender?

Pois que vaia á páxina do concello de Vigo e que se apunte á escola, a inscrición é gratuíta, e as clases son todos os mércores de 6 a 7.30

Onde soes regueifar?

En festas populares e eventos varios, en concertos…É unha arte que ofrece posibilidades moi versátiles.

E nas vodas?

Pois agora, nas vodas están tendo un certo reponte. Un tanto diferentes ás de antes que eran máis “maliciosas”, xa que agora enfócanse polos camiños da simpatía…

Algunha especialmente simpática?

Si, lembro unha en Boimorto no que o pai de moza era alcalde do PP, e o pai do mozo era alcalde do BNG.

Ti que practicas a cultura popular polas vilas e aldeas do noso país, que nos podes dicir da situación do idioma?

O idioma galego está maltratado e vive nunha situación moi perigosa.

Alén da regueifa practicas a percusión nun grupo que se chama “ tanto nos ten”?

Efectivamente e xa levamos tres discos, facemos música tradicional que nós chamamos “furtiva” porque ten un importante compoñente de actualidade cunha intención reivindicativa e social.