Luis Gonzalo Segura ex tenente do exército español

Luis Gonzalo Segura ex tenente do exército español

Marcos Santos

O ex tenente Luís Segura estivo recentemente en Redondela presentando o seu libro “El ejército de Vox”. Luís é un vello amigo desta casa e un home dunha lucidez extraordinaria. Luís pertence ao selecto grupo de persoas cos que sempre se aprende ao conversar. Asemade posúe unha valentía persoal superlativa e unha integridade moral fóra do común, que lle levou a arriscar o seu benestar persoal en varias ocasións para defender que o que deberan ser valores humanos universais estean tamén no interior das forzas armadas. Para nós foi un pracer a súa visita ás nosas páxinas

A liña de actuación de Margarita Robles, non é diferente da de María Dolores de Cospedal”

Dous anos sen verte por Redondela Luis?

E non creas que foi fácil para min. Nesta vila eu síntome como na miña casa, pero estes dous anos foron moi difíciles para todos. Tan pronto tiven a oportunidade de volver facer presentacións Redondela foi unha das primeiras localidades que escollín, porque, como che comentei, eu síntome un choqueiro máis

A querela que che presentou Margarita Robles arquivada non?

Si, outra máis. É unha desgraza ter que aturar esta serie de denuncias infundadas que serven para o que serven ; desgastarme física, psicolóxica e economicamente

E curioso as denuncias que che presentan cando recentemente un grupo supostamente neo nazi dá unha charla nun cuartel de Valencia ?

Efectivamente, e sen ningún tipo de problema. Este tipo de episodios prodúcense dentro dos cuarteis con facilidade

Polo contrario un sarxento que acaba de escribir contra o franquismo é posible que acabe sendo expulsado do exército, igual ca ti?

Efectivamente, unha situación terrible. Pero é unha tendencia que é moi difícil de reverter porque os grandes medios de comunicación, incluso os considerados progresistas, non informan da situación. Poden comentar algo dun caso pero como se fose un feito illado, pero non transmiten que dentro das forzas armadas temos un problema.

A sensación que teño é que existe certa sensación de impunidade para a ultra dereita nas forzas armadas?

O que si teño claro é que o segmentos máis reaccionarios do exército non están descontentos coa actual ministra de defensa. Esta situación amosa que a liña de actuación de Margarita Robles non é diferente da que tivo María Dolores de Cospedal

Eu recordo a Felipe González a principios dos anos 80 transmitindo tranquilidade á cúpula militar…

E así foi, a cúpula militar converteuse nun estamento intocable. Máis alá dalgún lixeiro matiz non sufriu ningún tipo de reforma. De feito se tras a morte de Franco tivera experimentado algún tipo de reforma o que debera ter pasado é que a UMD fose o alicerce do novo exército.

Pero nos anos 90 a UMD foi recoñecida?

Non foi mais ca un exercicio de estética típico dos gobernos do PSOE. Por exemplo agora acaban de renovar ao poder xudicial, pero que máis ten mudar as caras se non se muda de modelo?

O PP propuña mudar o modelo

E eu teño que dicir que o modelo que defendía o PP de que os xuíces se escollan entre eles a min paréceme máis adecuado có actual. Non me parece o correcto que quede claro, o máis acaído é que sexan escollidos polos cidadáns , pero mellor que se escollan entre eles a que os elixan os políticos. O poder xudicial ten que ser independente e iso non se consigue con ningún tipo de cota política nos órganos de goberno dos xuíces

Falas da independencia do poder xudicial e a min venme á mente a presunta chamada dunha fiscal ao emérito para supostamente informarlle de que está sendo investigado

Obviamente España non é unha democracia plena, só o é en aparencia. Un rei non ten cabida nunha democracia agás no caso de ser unha figura meramente decorativa, claramente allea ao xogo político e absolutamente fiscalizado .O Rei goza de inviolabilidade xurídica, podería agora mesmo saír á rúa cunha pistola asasinar a quen quixera e sería xuridicamente inabordable.

Que opinas de que sexa unha xuíza arxentina a que teña que investigar os crimes do franquismo?

Como español dáme moitísima vergonza. En xeral que España siga sen xulgar ao franquismo é aberrante e amosa unha vez máis que a condición de democracia plena de España só é unha aparencia.

Cóntanos o máis relevante da túa última produción literaria :”El ejército de Vox”?

O desexable é que ese libro nunca fose publicado porque a realidade que describe non existise. Pero por desgraza en España si que fai falta pois amosa como existe unha clara relación entre o exército e a ultra dereita

Que haxa un cuartel nunha zona incide en que Vox teña un bo resultado electoral nesa zona?

Si por suposto. Creo que esa tese está amplamente constatada no libro

Ti cres que Vox debera de ser ilegalizado?

Eu creo que o franquismo e a súa apoloxía si deben de ser ilegalizados, pero ilegalizar un partido político non. Eu nunca vou defender que se ilegalice a unha organización política

Onde podemos mercar o teu libro Luis?

na miña páxina web: luisgonzalosegura.es ou pódese encargar tamén en calquera librería

Primer comentario

Deixa a túa opinión