O concello de Fornelos de Montes alén de ser o máis bonito do mundo, e o meu particular refuxio de acougo e paz nos momentos de desacougo e de batallas intensas, é un dos que máis fácil resulta prognosticar o resultado nas vindeiras eleccións municipais: O PSOE co alcalde Emiliano Lage á cabeza vai acadar unha maioría absoluta máis que cómoda. O Bng , liderado pola veciña de Traspielas Mila Casal , unha política moi meritoria , vai conservar a súa acta pois ten un número estable de votos fieis, pero vexo moi difícil que poida medrar, e o PP , o da procesión dos caladiños, terá moita sorte se conserva o asento que ten na corporación. A súa lista de xente moi nova e construída a toda presa ten un slogan realmente curioso “ Fagamos futuro”.E non desboto que o poidan facer, pero o PP de Fornelos fala de futuro porque carece de presente.
“ Estou coa ilusión intacta para seguir pelexando sen pausa por defender o interese xeral de Fornelos de Montes”
A escasos días dun novo proceso electoral como están os teus ánimos neste momento?
Máis elevados ca nunca. Estou namorado do meu pobo ata as trancas. Estou fisicamente moi ben e a miña ilusión está intacta, como se tivese 20 anos , para defender sen pausa o interese xeral dos veciños e veciñas de Fornelos de Montes.
Cales son as principais actuacións que executastes neste mandato que remata?
O proxecto estrela é sen dúbida a remodelación da praza do pobo. Penso que ninguén discute que o resultado é moi satisfactorio e desde logo temos unha praza preciosa que non ten comparación en ningún concello.
En ningún concello da comarca?
Eu case me atrevería a dicir que en ningún concello da Provincia, polo menos para o meu gusto e o meu sentimento. Por outra parte , como sabes, eu estou moi preocupado pola perda de poboación que sofre non só Fornelos senón todo o rural galego, e trato de que o noso pobo teña servizos adecuados para fixar poboación, especialmente xente nova. E así quixera destacar o noso ximnasio e a nosa pista de pádel
Esas son remodelacións?
Non, son novas construcións. Tamén rematamos a remodelación do pavillón deportivo e a pista polideportiva de Calvos. A zona deportiva do noso pobo é dunha calidade extraordinaria. Iso, con toda a humildade o digo, creo que tampouco o discute ninguén.
A piscina?
Necesita unha remodelación si, e temos 260.000.000€ para proceder a executala no próximo mandato, se a maioría do noso pobo nos segue distinguindo coa súa confianza, claro.
No que se refire ao saneamento avanzamos algo?
Si, tamén fixemos moito esforzo alí. Estamos rematando o saneamento de Calvos, creo que o acabaremos este ano. E arredor do 80% da parroquia de Fornelos xa o ten tamén.
Ti sempre fuches un home moi sensibilizado coas cuestións sociais. Como o levamos este mandato?
Por desgraza a pandemia supuxo que o número de familias necesitadas da asistencia dos servizos sociais do Concello fose maior. Iso supón un importante esforzo para un concello como o noso que asume competencias impropias, pois estas competencias deberan ser asumidas pola Xunta, que lamentablemente elude as súas responsabilidades. Porén quero deixar moi claro que, mentres eu siga sendo alcalde e o partido socialista siga a gozar da confianza da sociedade de Fornelos, cada familia do noso pobo que teña necesidade real de axuda sempre atopará a porta aberta do noso concello e unha man amiga para atendela.
Estás satisfeito da actuación dos servizos sociais do Concello?
Moito. Estou moi orgulloso.
Se, como parece, a maioría da sociedade volve a darche a súa confianza cales son as principais actuacións que tes pensadas para o novo mandato?
En total temos arredor de 400.000€ para investir no noso pobo alén de distintas liñas de subvencións nas que estamos traballando e ao respecto quixera mencionar as seguintes liñas de traballo:
- Atención social a quen máis o necesite.
- Mellorar o alumeado público pasándoo a LED co que iso supón de aforro para as arcas municipais.
- A remodelación da piscina que antes che mencionei.
- Remodelacións de infraestruturas danadas polas inundacións do inverno.
- Remodelación do Concello e do multiusos
- Un proxecto que temos na Xunta para conseguir fondos para a construción dun xeriátrico nas antigas escolas.
- E temos a intención de facer unha análise rigorosa das necesidades que poida ter Fornelos e acometer as actuacións que entendamos máis urxentes.
E se a xunta non volo financia, o xeriátrico non se vai facer?
Asumiremos a construción con fondos propios do concello, si ou si. Unha poboación con tantos maiores como a nosa necesítao.
Como é a lista que te acompaña?
A lista é unha construción colectiva da militancia socialista de Fornelos. E é unha lista fundamentalmente de continuidade pois entendemos que o traballo feito ten unha valoración positiva e debe continuar.
As expectativas coas que te presentas?
Renovar a confianza e obter a maioría absoluta para poder gobernar de maneira estable.