
O Partido Socialista, presenta un novo candidato á alcaldía de Salvaterra. El é Félix, un home de Oleiros, novo en idade pero xa veterano na militancia socialista. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ O partido socialista de Salvaterra sae a gañar. Salvaterra precisa un cambio e o momento é agora.”
Félix queremos coñecerte un pouco máis?
Son natural da parroquia de Oleiros teño 35 anos. Son xestor administrativo e tamén profesor, formo a desempregados e a persoas maiores. Nacín en Salvaterra, vivo en Salvaterra e sinto ao meu pobo no máis profundo de min. Xa teño experiencia na política orgánica, pois fun concelleiro entre o ano 2015 e o 2018.Aprendín moito nese período tan intenso da miña vida .Pero, con moito pesar, non me quedou máis remedio que dimitir pois por motivos de forza maior tiven que pasar un tempo en Italia.
Cando se iniciou a túa relación co mundo da política?
Fíxenme militante do Partido Socialista aos 20 anos. Malia que aínda son unha persoa nova a miña relación coa política, e co PSOE, é moi longa e intensa .Sempre militei no PSOE.
Por que o Partido Socialista?
Porque creo que é o partido que máis representa á sociedade española: plural e diversa. E persoalmente creo que os valores da socialdemocracia: fraternidade, colaboración e xustiza social son os máis adecuados para construírmos unha sociedade xusta que poida convivir en paz. En España, ou nas comunidades autónomas e concellos, sempre que hai gobernos socialistas avánzase en dereitos , protección social, e conquistas para as maiorías. Cando ven a dereita chega o retroceso outra vez.
Hai 4 anos, despois da xubilación de Arturo Grandal, había unhas expectativas moi elevadas de cambio en Salvaterra. Moita xente pensaba que Rocío Bernárdez ía ser alcaldesa, e esa expectativa non se cumpriu. Agora parece que a expectativa de cambio non é tan grande, non ?
Pois nós percibimos que si que o é. Os e as militantes socialistas de Salvaterra levamos moito tempo coa nosa xente, nas rúas camiños e corredoiras do noso Concello, e o que nos transmite a veciñanza, na súa grande maioría, é que chegou a hora do cambio, que Salvaterra precisa saír xa da esclerose política na que está sumida .
O cambio de alcalde Arturo Grandal á alcaldesa Marta Valcárcel, ao tu xuízo, supuxo algún tipo de modificación política?
Non.
Como valoras estes 4 anos de goberno?
Nefastos, non avanzamos nada. Parecía que coa entrada dunha nova alcaldesa, unha rapaza nova, con novas ideas, novos impulsos chegarían por fin ao noso concello. Pero, por desgraza, seguimos igual.
Cales son os principais problemas que padece Salvaterra?
Este goberno carece de modelo de vila. Limítase a ir zafando como poden, e para iso mal, os problemas do día a día. Así pois Salvaterra quédase atrás e nin se converte nun destino atractivo para vivir, nin pode evitar que moita xente moza teña que buscarse a vida fóra do noso pobo. Ese é un moi grave problema. Por outra parte a situación da nosa sanidade é realmente mala, comezando polo centro de saúde que se queda pequeno, e a alcaldesa e o seu goberno miran para outro lado. Asemade o saneamento é moi deficiente e necesita de actuacións urxentes en moitos puntos do noso concello.
O Partido socialista ten un modelo de vila para Salvaterra?
Si, desde logo que si .Queremos facer unha vila xusta, amable e humana, unha Salvaterra para as persoas na que se trate por igual á veciñanza de todas as parroquias e ás do centro urbano.. O primeiro e indispensable: queremos facer un Plan Xeral, e levar a cultura e o deporte ás parroquias. Temos casas de cultura pechadas ás que queremos darlles vida de novo, e facer semanas culturais en todas as parroquias.
O PP leva unha chea de anos con maiorías absolutas, por que non hai un plan xeral?
Iso téñeno que contestar eles, igual que tampouco hai uns orzamentos, levamos cos orzamentos prorrogados desde o 2017. O desleixo e a incapacidade do PP que non é capaz de levar uns orzamentos a pleno,con maioría absoluta, son máis que evidentes.
Salvaterra ten un tecido asociativo de enorme importancia. O goberno do Partido Popular trata por igual ás asociacións que pode identificar como amigas que ás asociacións que pode identificar como non amigas?
Non, non trata por igual a “amigos e a os que entende como non amigos”. Así por exemplo hai dous equipos de fútbol da mesma categoría, terceira autonómica, e as cantidades que reciben por parte do Concello son distintas.
No caso que chegues a ser o alcalde de Salvaterra comprométeste a desterrar este modus operandi e tratar a todo o mundo por igual?
Por suposto, e as subvencións que saquemos serán sempre por con concorrencia competitiva.
Cal é a túa opinión do Estado da Eurociudade?
Na práctica non existe. Creo que a Eurociudade é unha oportunidade para atraer fondos da Unión Europea e poder desenvolver proxectos tanto para Monçao, en Portugal, como para Salvaterra. Non só hai que sacar noticias respecto diso cando hai eleccións.
No verán houbo unha epidemia que produciu gastrite e problemas intestinais. Había voces que o asociaban ao estado da auga de Salvaterra. Cal é o criterio do PSOE respecto diso?
En Salvaterra hai que buscar un novo punto de captación da auga. No ano 2017, que era eu concelleiro, xa se pensaba facer un punto de captación no Río Miño. Pasaron 6 anos e aínda non se fixo nada, o río Tea ás veces, case non leva auga e se contaminou foi por causas alleas ao goberno municipal. O que se lle achacou ao goberno foi a falta de explicacións, non se deu ningunha. De novo un desleixo por parte do goberno municipal que non trata como debe, un tema tan esencial como é a auga.
Como é o perfil dos candidatos e candidatas que te acompañan na lista?
É unha lista renovada na que tentamos manter o equilibrio entre mocidade e veteranía. Xente cun perfil moi social, implicados e implicadas co pobo e con moitas ganas de traballar.
Cales son as expectativas realistas coas que te presentas?
Saímos a gañar. Estamos convencidos da vitoria. Salvaterra precisa un cambio e o momento é agora.
No caso de que o PP perda a maioría absoluta todo apunta a que teredes que conformar un goberno bipartito co BNG. Como levas ti iso dos consensos?
A política trátase diso, de artellar pactos e consensos. Eu son un home dialogante, e desde logo que estarei encantado de sentarme con Patricia e construír co BNG un goberno progresista e de cambio.
E para acabar Félix, que podería atopar un veciño ou veciña de Salvaterra en ti como alcalde?
Unha persoa traballadora e preocupada polos seus problemas, que me tomaría a política en serio para desenvolver un Plan Xeral, solucionar o problema da auga e pensar nas parroquias.
Crees que están maltratadas as parroquias de Salvaterra.
Si, excepto este último mes próximo ás eleccións.
Primer comentario