No ano 2017 o vigués Ricardo Castro accedía á secretaría xeral da CUT, e naquel ano fíxenlle unha entrevista no bar do noso común amigo Nolo, na parroquia redondelá de Reboreda. Desde aquel momento, todos os anos por estas datas, regularizamos o costume de conversar para coñecer como van as cousas polo sindicato do que é máximo responsable.
Esta entrevista que poderán ler a continuación é a derradeira como SX da CUT, pois no congreso do próximo ano Ricardo non se volverá presentar e retirarase aos cuarteis de inverno no que respecta á práctica sindical. El entende que a central, como calquera proxecto colectivo, precisa renovar os seus órganos periodicamente.
Eu vou botar de menos estas conversas con quen é un tipo lúcido e consciente que, milite onde milite, sempre ten que estar do mesmo lado de quen temos conciencia de clase e pensamos que o pobo galego é un pobo de seu que debe de ter a posibilidade de decidir o seu camiño. Velaí vai a 10º, e derradeira entrevista a Ricardo Castro como SX da CUT.
“ A CUT ten cadros con peso sindical suficiente para poder ser SX”
A actual etapa como SX comezou no 2017.Desde aquela cada ano, e xa van 10, fágoche unha entrevista para coñecer o teu punto de vista sobre a realidade das cousas. Esta vai ser a derradeira entrevista que che faga como SX da CUT?
Si, vai ser a última. Eu entendo a necesidade de renovar os órganos de dirección da centra sindical, como de calquera proxecto colectivo. E no congreso que teñamos o ano próximo xa non vou presentar a miña candidatura.
En que data teredes o congreso?
Non o saberemos con certeza ata o 10 de xuño, pero será no primeiro semestre do 27 con seguridade.
Hai algún límite estatutario que che impida presentarche a un novo mandato?
Non, non o hai. É unha cuestión de vontade persoal, non existe ningunha razón estatutaria que mo impida.
Só é cuestión de vontade? Ou tamén estás canso?
Todo incide. Pero o esencial é o que che comentei: A miña convicción persoal de que para a saúde de calquera proxecto colectivo é imprescindible renovar periodicamente os órganos de dirección.
Vai ser unha renovación só da figura do SX, ou haberá máis cambios?
Vai ser unha renovación máis profunda.
Quen te vai substituír? Vitor Mariño, Raquel Lema…?
Non está decidido aínda. Alén dos nomes que mencionas hai outras persoas que tamén teñen posibilidades. Afortunadamente na CUT temos cadros con peso sindical suficiente como para poder exercer de SX de maneira notable.
Haberá candidatura de consenso, ou prevés conflito?
Nunca na historia da CUT se escolleu a figura do SX de ningunha outra maneira que non fose a través dunha candidatura de consenso. Desta volta intúo que será igual, malia que por descontado pode presentarse quen queira.
Facemos esta entrevista o 26 de maio e neste momento Vigo vive un conflito laboral dos traballadores e traballadoras do lixo. Imaxino que cando publiquemos xa estará solucionado, pero neste momento a cidade fermosa da que presume o alcalde é unha cidade chea de merda de esquina a esquina. Cal é a túa valoración dese conflito?
Insíroo na tendencia actual consistente en adelgazar todos os servizos públicos. O que se fai é minimizar os gastos destinados a atender as necesidades básicas da poboación, e derivalos a outros destinos como o populismo barato do alcalde nas luces de Nadal de Vigo. O concello de Vigo funciona mal. Priorizan a estética e a publicidade sobre as cuestións realmente relevantes que están totalmente esquecidas.
Mencionas o “populismo barato” do alcalde de Vigo. O seu anuncio de facerlle unha estatua a Iago Aspas é populismo barato?
Si, si que o é. Eu prefería gastar eses cartos nas persoas que construíron esta cidade, ou en solucionar os terribles dramas individuais das persoas que non teñen teito e dormen todos os días na estación de autobuses, ou que non teñen que comer. E por desgraza penso que a tendencia é ir a peor. Estamos entrando nunha fase da historia onde ter un traballo non impide que sexas pobre.
Cal é a valoración da CUT sobre o recente conflito do metal?
Nós non temos representación, pero temos afiliación e opinión. A nosa visión é moi crítica, para min o que pasou este ano é unha fotocopia do que aconteceu no anterior convenio: A folga non é máis que unha posta en escena porque o preacordo xa está asinado de antemán. E paréceme que hai unha postura cómoda da CIG.
En que se concreta esa suposta postura cómoda da CIG?
En que segue o xogo de CCOO e UGT. Se queres que o conflito sexa realmente o camiño para solucionar este asunto é necesario facer moitas máis asembleas das que se fan. A CIG é o sindicato maioritario de Galicia, o que ten máis representación, o que ten máis afiliación, e polo tanto o que ten máis responsabilidade
Se de verdade quixera acender o conflito, a CIG ten capacidade para podelo facer se quixera.
Como vai a saúde interna da CUT?
Seguimos medrando en afiliación e de forma máis lenta en representación.
Este ano hai eleccións en Stellantis, a principal empresa de Galicia, e onde a CUT ten unha importante representación. Como as encarades?
Con moito optimismo. Agardamos que a nosa política sindical estes anos chegara á maioría social dos traballadores e traballadores, que moitas desas persoas perdan o medo a votar con liberdade, e que se reflicta nuns resultados positivos para nós.
Agardas crecer ou daríaste por satisfeito se mantedes o que tendes?
Eu agardo crecer.
Hai algún sector onde teñades perspectivas positivas de crecemento?
Estamos nunha dinámica moi positiva no sector de automoción e en alimentación tamén.
O que se albisca en Pescanova de tratar de levar o convenio a Madrid, é un fenómeno só desta empresa?
Non, é unha nova táctica da patronal que nós observamos con moita preocupación pois levando os convenios a Madrid perseguen que CCOO e UGT sempre teñan maioría, e en consecuencia obter na sinatura dos convenios condicións mellores para os empresarios e peores para a clase traballadora.
Rematamos: Unha vez que se acabe a túa etapa como SX que vai ser da vida sindical e profesional de Ricardo Castro?
Seguirei sendo militante da CUT e colaborarei en todo o que me pidan na vida do sindicato, pero como antes che mencionei non vou estar en ningún organismo. E no que atinxe á miña vida profesional enfocareina traballando na empresa privada.


