Celso Xavier Milleiro Sánchez e Queta Molas

Joseph Bruno Schweiger Damböck, natural de Múnic (Baviera-Alemaña), fillo de Johann Schweiger Münsterer, arquitecto municipal, e Marie Damböck Weber, ambos naturais de Múnic. Casou con Bárbara Schäffer, natural de Múnic. Coñécense dúas fillas, unha das cales, Asunción Beatriz, naceu en Marín en 1938.
A finais de 1934 encargouse a unha empresa dos Países Baixos a construción dun varadoiro no peirao de Cantodarea (Marín), para a cal traballaban os irmáns Schweiger, contratistas de obras públicas e enxeñeiros.
Mais a presenza de Bruno na Galiza viña de antes, a súa presenza está documentada, xunto cos seus irmáns Hans e Otto, no Pazo de Eiras (San Amaro-Ourense) no mes de maio de 1932. Non se sabe se se trata de el, mais en febreiro de 1934 un cidadán alemán chamado José Bruno atropelou a varios rapaces en Valga, causando a morte dun neno e ferir a dous de gravidade, sendo detido e despois posto en liberdade baixo fianza.
A primeira documentación que se coñece de Bruno “O Alemán” en Marín data do mes de setembro de 1935, onde vivía nun chalé co seu irmán Hans á altura do cruce da actual rúa de Concepción Arenal con A Cañota. Algunhas persoas o lembraban conducir unha motocicleta sidecar, moi usada na Alemaña. En febreiro de 1936 foi denunciado por estafa, xunto co seu irmán Han, por débeda contraída con Francisco Cruz Álvarez, por non lle pagar un encargo realizado polos irmáns Schweiger.

Non sería até os primeiros días da guerra civil cando empezan aparecer moita información sobre el. Algunhas fontes orais afirmaban que xa militaba no Partido Nacional-Socialista Alemán, trasladando as aprendizaxes das accións violentas dos nazis a esta parte da Galiza.
En relación a Marín, a primeira documentación sobre os actos represivos de Bruno aparece na noite do 4 ao 5 de agosto no asasinato do marinense e militante comunista José García Bustos “Santacomba” en Mollavao (Pontevedra), que foi redactada pola Policía de Pontevedra e na que consta na súa presenza.
Acreditada tamén a súa intervención no asasinato do pontevedrés Raimundo Rodríguez Neira a noite do 13 ao 14 de agosto na Cruz da Maceira (Piñeiro) e as fontes orais sinalaron a Bruno da morte da marinense Carmen Pesqueira Domínguez “A Capirota” na noite do 17 ao 18 de agosto no Pozo da Revolta (Mogor).
A Cruz da Maceira foi tamén un lugar de represión para os veciños de Marín, a familia de Manuel García González “O Apache” sinalan o lugar do seu asasinato, acontecido na noite do 16 de setembro de 1936. Fonte orais sinalan tamén o asasinato de Manuel “O Moaña” ou “O Xordo” (descoñecemos os apelidos), así como as violentas malleiras dadas a veciños do concello como ao dirixente agrarista e socialista José Díaz Ortiz “O Andaluz”, do republicano Salvador Iglesias de la Iglesia “O Ghaliña” e do peiteador Laureano Muradas Domínguez “Chiripas”. Moitos máis nomes ficaron no esquecemento.
Mais as accións violentas de Bruno foron aínda maiores coa veciñanza dos concellos Moaña e Cangas, polo que foi alcumado como “O carniceiro do Morrazo”.

Bruno fundou a finais de 1936 a Centuria de Zapadores Minadores, vencellada á Falanxe, sendo o seu xefe até febreiro de 1937 cando resultou ferido na fronte de Asturias. A causa destas feridas de guerra concedéronlle a Medalla de Sufrimentos pola Patria. En 1938 era o xefe da súa primeira centuria e o 30 de marzo de 1939 entraron na cidade de Valencia. Tras o fin da guerra dedicáronse a labores de reconstrución. En outubro de 1939 Bruno Schweiger volveu de Levante.
A última noticia de Bruno en Marín foi en xaneiro de 1940. A súa muller Bárbara faleceu na cidade de Lugo no mes de xullo de 1941, onde residía o matrimonio na Ronda de Santiago. José Bruno é citado como Contratista en Lugo no mes de xuño de 1946 e en abril de 1947 foi denunciado por un obreiro de Lugo por cuestións salariais, mais na instrución aparece como ausente e en paradoiro descoñecido. Despois de 1953 non se recollen máis noticias do alemán.

