A galicia con sentidiño

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

_A Galicia con sentidiño_ é un territorio inzado de celulosas fedorentas que botan fume sen parar, arrodeadas de grandes latifundios produtores de “arcolitos” e parques eólicos. Cun rural abandonado e sen vacas, con unha costa chea de hoteis e chalés para desfrute dos ricos da capital do reino.

Así será o paraíso terreal en que pretenden transformar o noso país, este é o verdadeiro programa electoral do partido español que nos goberna, un partido bicéfalo formado polo PP e o PSOE ao servizo de fondos de investimento transnacionais do espolio. Un PP e un PSOE que xogan o seu papel de policía bo e o policía malo, pero seguen sendo polis. Cada un no seu papel, o PP na Galiza e o PSOE no estado.

Como encargado para continuar coa desfeita de Galiza puxeron ao recadeiro de Feixoo, o eslamiado Sr. Rueda, que como bo encargado maltrata e putea aos seus subordinados (que somos nós o pobo galego).

Para convencernos das bondades desta política de espolio e destrución contan cuns medios de comunicación privados ben regados de euros, e un control total sobre os medios públicos. A TVG e a Radio Galega foron transformadas nun NODO mediocre onde dar conta das viaxes e actuacións varias do Presidente da Xunta e os Conselleiros por canta festa/romaría hai en Galiza. Cando traballan estes señores se nunca están no despacho?

Tamén contan cunha rede caciquil alimentada por concellos, deputacións e consellerías que se estende por todos os recunchos de Galiza e funciona mellor que as redes sociais, as institucións ao servizo do partido. Asfaltan pistas, carretan vellos, prometen choios…

Para acadar o paraíso necesitan eliminarnos.

E aos poucos van facendo desaparecer este país, atacando a liña de flotación do noso ser que é o idioma. Acadaron o que non puido o franquismo, colocaron o castelán por riba do galego na Galiza. Se non lle poñemos fronte a súa política de exterminio do galego terá éxito, eles saben que sen o idioma a nación deixa de ser.

Queren limpar o rural de xente molesta. Cando Feixoo en cada nova lexislatura dicía que esta sería a do rural esquecíase de rematar a frase: a da eliminación de servizos públicos para facer máis difícil a vida dos molestos habitantes do rural galego. O obxectivo: a desaparición das nosas aldeas e das nosas explotacións gandeiras que obstaculizan a “modernidade” eólica con cheiro a eucalipto.

Fan negocio cos servizos públicos. A privatización tamén serve para desprazar a poboación ás cidades, especialmente da sanidade ou da asistencia ás persoas maiores, ao tempo que enche os petos dos fondos especuladores e dos amigos conseguidores. Garantindo unha nova vida despois da “política” en calquera consello de administración como pago polos servizos prestados.

Sen coches de liña e sen camiños de ferro cada vez é máis complicado desprazarse, as parroquias e aldeas quedan incomunicadas e só queda como alternativa o coche particular. Conclusión: marchamos para a vila ou a cidade. E nas cidades… podemos traballar no sector servizos. Que os turistas necesitan que os atendan.

Polo camiño do “sentidiño” imos mal, moi mal.

Marín, 2 de Xuño de 2025.