
Se contamos os conflitos e a súa localización ao longo do planeta é certo que hai guerra en todos os continentes. Uns conflitos con exércitos, outros con bloqueos económicos e informativos, con asasinatos “selectivos”, bombardeos indiscriminados sobre a poboación, golpes de estado (brandos e duros), e cambio de presidentes e gobernos ao gosto do imperio.
O Imperio Yanki, que na súa evidente decadencia e declive económico, está levando o mundo ao colapso, e pode que á desaparición, provocando a guerra na Ucraína e alimentando ao desbocado monstro sionista que “occidente” implantou en Palestina.
Quen se non está amparando as criminais actuacións da colonia sionista na Palestina? Quen permite que ese estado terrorista bombardee tres países a un tempo? É o goberno dos EEUU, coa complicidade da UE, quen está alimentando o exercito xenocida de Israel con bombas, mísiles, avións…, quen está enviando até o último ucraíno á morte nunha guerra provocada para tentar romper Rusia en mil anacos.
A man dos EEUU está detrás dos intentos de golpe de estado en Venezuela para quitar o lexítimo presidente e poñer no seu lugar un monicreque a soldo da CIA. O bloqueo a Cuba, o acoso a Corea do Norte, ao Iran, a calquera país que pretenda decidir libremente o seu futuro e gobernarse soberanamente, todo isto leva o selo do imperio.
Estamos nunha guerra mundial entre o imperialismo e a humanidade. E nesta guerra os países que forman iso que chaman “occidente”, incluída a Unión Europea, convertéronse en lacaios e puxéronse ao servizo dos intereses de EEUU. Incluso sacrificando as súas economías, como fai Alemaña que vira as costas ao barato gas ruso que alimentaba a súa industria.
E non só os países, os partidos políticos mal chamados de “esquerda” europeos sofreron unha metamorfose que os levou de condenar e denunciar á OTAN a apoiala sen fisuras contra o malvado Putin. Pouco a pouco foron renunciando aos principios ao tempo que se sentaban na comodidade dos escanos parlamentarios.
E mentres todo isto acontece continúan co espolio dos recursos do planeta e o incremento da explotación dos traballadores e traballadoras, expulsando ás persoas que viven no rural. Necesitan seguir alimentando a maquinaria de guerra e os beneficios dos fondos voitre, para que os ricos poidan darse paseos polo espazo a conta da fame no mundo.
Marín, 2 de outubro de 2024.
Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago
