
As obras do Auditorio encargáronllas aos arquitectos do Escorial.
As de urbanización da Rúa da Ponte a Pepe Gotera e Otilio.
E as do Río Lameira teñen de capataz ao Santo Job.
Nunha recente xuntanza cos medios de comunicación a Alcaldesa de Marín fixo unhas declaracións grandilocuentes e auto laudatorias sobre o ben que o estaba facendo o goberno municipal. Seica o 2025 foi un ano de “moitísimas obras” e que todas estaban planificadas e co seu correspondente control económico.
O que a nosa alcaldesa define ante a prensa como “intenso ritmo de obras”, é percibido polo resto dos humanos como unha interminábel relación de obras comezadas e non rematadas que fan que Marín pareza un campo de batalla.
Non poñemos en dúbida as afirmacións da nosa eterna alcaldesa. Todos somos conscientes do “ben” planificadas que están todas estas actuacións. Especialmente na rúa da Ponte con auga desbordando a rede de sumidoiros, comercios anegados e ruídos polas traballos en horario nocturno. Imaxino que tamén controlarán a gran cantidade de horas extras que fan os operarios e exixirán as empresas que as paguen.
Os atrasos no Auditorio non son tal, están estratexicamente planificados para garantir que despois da inauguración teña as características filtracións de auga, como xa aconteceu co pavillón da Raña e o da Cañota. As obras do auditorio ou do saneamento do río Lameira cumpriron os “planificados” prazos de execución acumulando atrasos e atrasos necesarios.
O magnífico control económico, non llo discuto, deben facelo cun ábaco. Seguro que as empresas construtoras si que lle saíron ben as contas cos continuos incrementos orzamentarios. Os últimos de 600.000 euros a maiores para o auditorio e 465.000 euros para o saneamento do río. Pregúntome se nesas contas que botan irán tamén incluídos os custos para reparar as chapuzas que están facendo e que aparecerán “sorprendentemente” despois da inauguración oficial.
O Partido Popular patroneado pola corsaria Ramallo estanos deixando unha vila espectacular.
É tan atractiva que pola semana ás nove da noite non hai case ninguén polas rúas e os bares comezan a botar a persiana. Nas fins de semana a animación e tan grande que ás dez e media pode considerarse unha vila deserta. Algo debe influír a gran oferta cultural e de ocio que temos en Marín. Só temos que ler o programa de Nadal, e igual de raquítico e malo como o do ano pasado.
E agora que imos celebrar o Fin de Ano, unha data na que tradicionalmente as rúas e os negocios de hostalería tiñan xente, o goberno municipal na súa loita contra a vida mundana e indecente pretende limitar o horario dos bares, como xa o fixo no San Migheleiro. E que no PP son máis de procesións, misas e festas corsarias.
Así vai Marín, converténdose nunha cidade dormitorio.
