Memoria daqueles tempos que queren repetirse

Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Acudín de novo a un acto de reparación, este pasado luns, día 25 de agosto, fun á entrega dos restos de dous represaliados á familia. Estaban nunha fosa en Visantoña (Mesía, A Coruña), moi preto de onde vivo. Foi un acto moi emotivo no que estaban autoridades da zona e familiares, tamén simpatizantes desta causa que busca a reparación e a xustiza no relato veraz da historia. Volveron á casa e á familia aqueles corpos que pagaron coa vida o desexo dun mundo mellor e máis xusto, unha ideoloxía que aínda non entende moita xente. Chamábanse José Galán Núñez “Dereito” e Manuel Ramiro Souto “Souto”. Víanse perfectamente as botas e os ósos dentro dunha bolsa enriba da mesa e baixo a bandeira da República e a Galega, restos que despois foron enterrados no Cemiterio de Almeiras.

As análises confirmaron a morte violenta por arma de calibre 9 mm. e tal como puiden ver directamente en agosto do ano pasado, estando alí as persoas encargadas da recuperación, cando foi a exhumación e o traballo delicado da ARMH. Estaban nunha única caixa de piñeiro verde. Ao redor do lugar xuntamos, durante varios días, familiares e veciños rodeados dun enorme silenzo e dese acto reflexivo que acude á nosa conciencia cando nos preguntamos por que sucederon estes e outros moitos feitos, onde naceu tanto odio. Moito silenzo no arredor. Hoxe tamén estamos acugulados de odios e de violencias, de xentes que non queren entender e que se cren posuidores da única verdade.

Non é a primeira exhumación á que acudo, estiven en moitas máis, e faltan tantas! Tamén naquelas primeiras e sempre nos arrodea un silenzo incomprensible de preguntas íntimas, de respostas que non sabemos. Lembro aínda cando foi a do pai de Darío, cando con noventa e pico anos atopou os restos do seu pai, alcalde de Castro de Rei e desaparecido nun paseo que lle deron os que tomaron a xustiza pola man. Choramos xuntos. Foi en Cortapezas, moi preto de Portomarín, hai xa moitos anos. Non había partidos políticos. Sempre silenzo. Moitas preguntas, onde estaban? A onde pode levarnos a violencia, o odio? A onde poden chegar os seres humanos co seu pensamento único e ensoberbecido, xactancioso e egoísta.

Había un enorme silenzo tamén no Salón de Plenos, penso que a xente tiña ganas de amosar o seu agradecemento a esta devolución, a este pequeno bico nos ollos porque en realidade foron estas persoas quen salvaron a nosa dignidade contra a ditadura e o franquismo, contra a imposición e diante daqueles que non deixaban dicir, nin pronunciar a palabra “liberdade”. Certamente, como indicaba Emilio Silva, deberían estar moitas e as máis responsables autoridades do Estado e de Galiza, mais non foi así. Este tema da “Memoria Histórica” resulta ser un tema de segunda orde, que seica dá poucos votos, un tema do que a sociedade ten escaso coñecemento e que forma parte fundamental da nosa “democracia”, por escasa que pareza, porque explica tamén as nosas orixes e momentos que non deben repetirse. Foron elas e eles quen termaron desa condición digna, a de dicir non ao atropelo, á corrupción, á mentira. E todos deberiamos saber que pagaron coa vida. Gardar memoria dos feitos para que non volvan, é un dereito e unha obriga.

Por iso convén dicilo e non deixar que queden aí, como un obxecto máis para o recordo. Non, foron dous guerrilleiros e son dous heroes. José Galán nacera en Alvedro e a principios dos anos corenta desertou do servizo militar en Lugo e fuxiu ao monte integrándose nos destacamentos Arturo Cortizas e Enrique Líster, máis tarde no 1951 intégrase na IV Agrupación Guerrilleira de Galiza con Manuel Ponte. Agachouse con Foucellas e con Manuel Vilar nunha cova, na Regueira, onde se enfrontou á Garda Civil, e morre este último e deteñen ao célebre Foucellas. O 22 de xuño de 1952 sorprendidos en Visantoña foi abatido. Tamén a familia del foi represaliada, sufrindo continua vixilancia e rexistros, así como desterro a Zamora e Zaragoza.

En canto a Manuel Ramiro Souto, dicir que naceu en Culleredo, en Almeiras, en 1926 e a finais dos corenta, bótase ao monte cos seus tíos Ramón e Xosefa, enlaces da guerrilla. No 1948 coa caída de Gayoso (secretario de organización do P. C.) e de Seoane (xefe do Exército Guerrilleiro de Galiza) participa en varias accións con outros compañeiros, seu tío, e os chamados Pedro Borrás, Calias, Flores, M. Vega e Doctor. No ano 48, con varios compañeiras e compañeiros, foron acurralados. Logra fuxir e intégrase na IV Agrupación Guerrilleira de Manuel Ponte ata o 22 de xuño, en que tamén, no tiroteo final, cae abatido xunto a José Galán. Enterráronos xuntos nunha mesma caixa de pino. Ósos, as botas

Alí estaban os seus restos, na mesma foxa, na mesma terra, e aquelas botas que fixeron camiño e marcaron unha senda. Agora sabendo daquel camiño que eles comezaron, e pasado o tempo, convén saber que camiño collemos nós mentres deixamos que se enterre a súa memoria e o seu patrimonio na defensa da liberdade. Onde está esa vontade de construír, desde ese símbolo de entrega por uns ideais moito máis xustos? Quizais andemos algo desviados da senda que nos debera levar á razón e ao entendemento. De momento sabemos que para que non sucedan de novo, os feitos acontecidos, convén lembralos e telos ben presentes.