Ábaco Atlántico detectives privados

Ábaco Atlántico detectives privados

Con certeza todos e todas nalgún momento da nosa infancia ou adolescencia sentimos fascinación pola capacidade analítica de Hércules Poirot, polo glamour de Magnum, pola sordidez dos mundos que investigaba o inspector Colombo, polas aventuras e romances dos detectives da serie Luz de lúa. En definitiva quen non pensou, de neno, algunha vez, en ser detective privado?. Pero como é o seu traballo?, que mundo rodea o contexto dun detective da vida real? .Para coñecer as respostas a todas as nosas dúbidas achegámonos ata Ábaco Atlántico, unha axencia de detectives de Vigo, situada na Gran Vía número 5, e falamos con Pablo, un dos propietarios do despacho. El é un mozo de 34 anos graduado en ciencias policiais e detective, de perfil amable, culto, e de trato moi agradable que comezou neste mundo , por incrible que pareza , á temperá idade de 23 anos. Velaí vai a nosa conversa

As series de detectives que todos coñecemos teñen pouco que ver coa realidade”

Cantos anos de historia ten Ábaco?

Acabamos de cumprir 11

Que servizos ofrecedes?

O noso abano é moi amplo aínda que sobre todo asumimos investigacións para empresas referentes a baixas laborais, absentismo laboral ou situacións análogas. Colaboramos moito con avogados para todo tipo de temas pero especialmente relacionados con custodias, pensións, toxicomanías , débedas.. tamén tocamos temas sobre a lei de arrendamentos urbanos

En que consiste isto último?

En casos de propietarios de vivendas que as teñen alugadas cunha renda antiga e que sospeitan que o inquilino pode non estar residindo alí e exercendo a modo de sub arrendador co que estaría obtendo un beneficio cun ben que non lle pertence

Ah, e danse este tipo de casos?

En Vigo non son moi frecuentes, soen darse máis en grandes cidades, pero semella que están en tendencia ascendente

E cuestións de infidelidades investigades?

Cando un empeza no sector si, pero agora somos máis selectivos. É un tema que ten moito que ver coas emocións máis profundas das persoas e na medida do posible procuramos peneirar eses encargos

Cando un cliente entra pola porta a facerche un encargo como sabes que non é un tarado obsesionado con alguén, ou unha persoa que simplemente lle queira facer dano a outra que lle cae mal?

Calquera detective ten que ser moi escrupuloso á hora de aceptar un traballo. E o contratante ten que amosar por escrito a súa vinculación co suxeito que quere investigar e facer explícitas as motivacións que lle levan a sospeitar que a persoa investigada ten un comportamento inadecuado que é o que lexitima a investigación. Non pode ser que o xefe dunha empresa queira amolar a un empregado porque lle caia mal e contrate os servizos dun detective para ver se lle pilla nalgo. Ten que amosar a relación contractual co empregado e explicar de maneira razoada e argumentada porqué considera que o investigado está faltando ao seu deber coa empresa

Nalgunha ocasión tivestes que rexeitar a algún cliente por tervos formulado unha proposta de traballo inadecuada?

Si, moitas veces. Nós temos que respectar a lei escrupulosamente e cinguirnos a uns códigos de conduta que non se saian dos parámetros da ética. E cando alguén quere que fagas algo fóra das fronteiras da lei ou da ética non queda outra que rexeitalo.

Se alguén quere contactar con vós para contratar os vosos servizos cal é o procedemento?

Na nosa web abacoatlantico.com están os nosos teléfonos. O ideal é que nos chamen para concertar unha cita na nosa oficina, e aquí de maneira personalizada xa falamos con calma, escoitamos o problema, e procuramos deseñar unha solución adecuada

Unha investigación tipo está ao alcance de todas as economías?

Depende da natureza da investigación o prezo pode variar bastante, pero nós somos sensibles a todo tipo de situacións e procuramos ofrecer financiamento para quen o precise. O que si é imprescindible é unha provisión inicial de fondos para que non iniciemos a investigación en perdas. Eu diríache que case con certeza o traballo dun detective está ao alcance da maioría de economías, de feito en 11 anos a nosa morosidade é anecdótica

E ser detective é caro?. É dicir, tedes que investir moitos cartos en medios necesarios para poderes traballar?

Temos que ter unha flota de vehículos que no noso caso son unha moto un turismo e unha furgoneta que sempre teñen que estar en bo estado. Soemos cambialos cada cinco anos. E logo temos que ter cámaras especializadas que poden tomar imaxes a moi longa distancia

Como se fai iso de conducir e tirar fotos de precisión ao mesmo tempo?

Pois con moita pericia. Logo usamos materiais algo máis especializados como os detectores de ondas para comprobar a posible existencia de escoitas ou cámaras ilegais

Armas tedes?

Non, nin temos nin queremos

Podemos definir un perfil maioritario de cliente que acuda a solicitar os vosos servizos?

Non. Temos clientes de todo tipo

Nalgunha ocasión visitouvos algunha persoa pouco equilibrada?

Si claro, pero iso é inevitable tanto no noso sector como en calquera outro creo eu.

Como actuades nese momento?

Pois se percibimos que pode ser algún acosador ou alguén perigoso poñémonos en contacto coa policía co fin de comprobar se pesa sobre o posible cliente unha orde de afastamento ou similares co gallo de traballar coas maiores garantías e seguranza.

A relación do detective privado coa policía é boa?

En Vigo si.

O ámbito legal que vos permite traballar é moi restritivo?

Non podemos traballar en delitos perseguibles de oficio. Nós estamos regulados pola lei de seguridade privada que determina o que podemos facer e o que non

Cando entra a vocación de ser detective?

No meu caso persoal de neno. Sempre me chamou moito a atención tanto o mundo do detective como o dos avións. E canto tiven que decidir por onde orientar a miña vida escollín a profesión que teño agora. E no noso mundo se non tes a vocación moi metida non duras

Coñeces casos de compañeiros que comezaron na profesión e non aguantaron?

Si, moitos

Un detective ten que ter un perfil psicolóxico determinado?

Si, ten que ser equilibrado, ter moita paciencia , ser moi observador e estar formándose constantemente. Ter paciencia é chave , penso eu. No meu caso persoal teño estado máis de 8 horas seguidas no coche ou nun monte nunha árbore sen que pase nada, pero nada en absoluto

E como es capaz de aguantar 8 horas seguidas metido nun coche?

Pois porque ás veces non queda máis remedio. Nós o que facemos despois das 8 horas na mesma posición é facer que un compañeiro tome o relevo.

As series de detectives que todos vimos teñen que ver coa realidade?

Algo si, pero non moito. As 8 horas que estás sentado nun coche non chas poñen

Que che din o teu pai e a túa nai cando con 17 anos dislle que queres ser detective?

A min a miña familia sempre me apoiou. Ao principio o descoñecemento facíalles ver a miña profesión como unha actividade transitoria, pero o paso do tempo convenceulles de que é un bo traballo que me permitía a solvencia e independencia económica á que todo ser humano aspira

Vós comezastes moi novos, con 23 anos. Como fai un rapaz cunha idade na que moitos aínda están a facer o botellón para conseguir a confianza dos clientes potenciais?

Pois pouco menos que petando porta a porta e sendo moi ousados para chamar en todos os sitios. Logo o rigor no desenvolvemento do traballo pois permíteche medrar e que máis clientes confíen en ti

Tedes tempo para a vida persoal?

Si, somos moi organizados

E cando botas unha moza comezades a coñecervos e cóntaslle no que traballas, non alucina?

Non, no meu caso persoal en absoluto. É unha profesión normal como calquera outra

Nestes 11 anos viviches algunha situación perigosa para a túa integridade?

Si. Nalgunha ocasión seguindo a algunha persoa que conducía bébeda a 180 kmts por hora

Que fas nese momento?

Avisar á policía claro

Algunha anécdota que poidas contarnos?

Anécdotas teño un feixe delas. Algunha podo contala e outras non. Lembro por exemplo unha ocasión na que estaba desde as 7 da mañá escondido nunha árbore facendo un control e chegou un home que atou ao seu cabalo a esa árbore. Non puiden baixar da arbore ata seis horas despois que veu o home a soltar ao cabalo

E algunha situación desagradable con algún investigado?

A min en 11 anos de experiencia nunca me descubriron. Si, vivín situacións desagradables nos xulgados pois ás veces os investigados envorcan as súas frustracións no detective como se nós foramos os responsables das conductas inadecuadas que puidesen ter cometido

Rematamos Pablo , Ábaco atlántico é o traballo da túa vida?

Si, sen dúbida voume xubilar aquí. Pero a miña idea é ir reducindo aos poucos o traballo de campo e que o asuman persoas máis novas. Non quero estar aos 60 anos metido no coche