Moncho Lareu, membro do comité central do novo partido PCRG (Partido Comunista Pola República Galega)

Moncho Lareu, membro do comité central do novo partido PCRG (Partido Comunista Pola República Galega).
G.Figueiredo

Recentemente coñecemos o nacemento dun novo suxeito político en Galicia: O PCRG (partido comunista pola República Galega). Nós falamos cun dos membros da súa dirección política o profesor vigués Moncho Lareu

A UPG deixou de ser comunista desde a ruptura de 1.976”

Moncho, es un rapaz novo pero levas toda a vida metido no mundo DA política . Estiveches na FPG, en Anova e agora comezas unha nova etapa. Como, cando, por que e para que nace o PCRG?

Ao rematar a xeira política anterior, a que comeza co 15M –aínda que en Galiza comezou antes que no Estado, Anova naceu antes que Podemos– aquí, estabamos marcados polos movementos de Galiza Non Se Vende ou Nunca Máis. Isto plásmase nunha nova forma política, pero non como “nova política”, ese termo nunca me gustou, o que había que recuperar era a política.

Antes de que existiades vós con aquel Novo Proxecto Común que cristalizou en Anova-Irmandade Nacionalista, non existía a política en Galicia?

Existía unha política bastante apresada, despois do bipartito houbo como un impasse político onde non se estaba dando resposta á crise do 2008. Así comezou esta xeira que tivo o seu momento culminante coa primavera municipalista do ano 2015.

Aquí chegastes a ter alcaldes en Ferrol, A Coruña e Santiago, non?

Si, exactamente. E seis deputados en Madrid.

Isto foi durante un mes, cando se repetiron as eleccións baixastes a cinco, e creo que 14 deputados no parlamento galego. Mesmo neste momento culminante, non tiñades implantación nas vilas e nas aldeas. Incluso as alcaldías das grandes cidades estaban un pouco collidas por pinzas, non tiñades base e militancia que puidera soster esta situación.

Efectivamente, houbo unha xeira de eleccións moi seguidas e non nos permitiu nunca que todo este proxecto se sostivera cun corpo militante suficientemente numeroso. Tamén cómpre dicir que había vilas nas que tiñamos gobernos como Cangas, Sada ou Teo. Creo que isto das mareas foi o maior fenómeno de auto organización en Galicia desde Nunca Máis. Non chegou a callar por dúas cuestións. A primeira porque non se chegaron a organizar a nivel nacional para ser un suxeito político de ruptura e, a outra, polas propias dinámicas internas de oportunismos con afán dinamitador desde dentro. O éxito obtido chamou a moita xente oportunista. E tamén polos ataques externos das forzas do réxime.

Cales son as forzas do réxime?

PP, PSOE e BNG.

O BNG tamén?

Si, demostrouno con creces ademais. Tamén os poderes fácticos como a banca ou a prensa rexionalista, con El Correo Gallego, por exemplo.

Podemos identificar a algún deses que lles chamas oportunistas?

A xente de Cerna e a xente que logo estivo a carón de Villares.

Volvendo á primeira pregunta. Na revista Espiral, unha revista independentista de debate, analizamos hai tempo que este ciclo político rematara. A partir de aí comezamos a ter charlas e debates. O PCRG nace destas conversas e de movernos polo País.

Quen son os que tedes estas conversas ou facedes estes movementos polo País?

Xeira, Movemento pola Base, FPG.

A FPG está finiquitada?

Si.

Anova está finiquitada?

Anova está moi debilitada.

Nestas conversas démonos de conta de que tiñamos a necesidade de abandonar estas estruturas tan gasosas ou etéreas e volver a ter o que é un partido de cadros e disciplinado que soporte mellor os embates do inimigo. Un partido de cadros pero que queira sumar máis xente.

Imaxino que teredes outra serie de obxectivos estratéxicos máis ambiciosos que sinxelamente aguantar os ataques do inimigo?

Si, claro. Comezando por xuntar no mesmo partido a todos os comunistas galegos que estean pola independencia de Galicia e por una República Galega.

Só os comunistas?

Si.

Aos socialdemócratas non?

Unha vez que teñamos o partido haberá que facer alianzas, a partir de aquí haberá que pensar en crear organizacións máis grandes. De momento aínda non estamos nisto.

Entón non son o voso inimigo e considerares a posibilidade de tecer pactos ou alianzas no futuro.

Efectivamente.

O día da presentación xa indicamos que temos como obxectivo aportar as nosas ideas e propostas, traballar en positivo e a reunificación do sindicalismo galego e de clase.

Isto cres que é posible?

Está difícil pero ten que ser un obxectivo. Se non pode ser a curto prazo terá que ser a longo prazo, pero hai que intentalo.

Falabas que un dos vosos obxectivos é recoller no PCRG a tódolos comunistas que traballan pola independencia do país. Sendo comunista e federalista, é posible ter cabida na vosa organización.

Para ser un auténtico federalista hai que ser antes independentista. Unha nación, para federarse con outra, primeiro ten que ter soberanía política e decidir por si mesma.

Inclúes á UPG no conxunto de comunistas galegos que aspirades a reunir?

Creo que a UPG deixou de ser comunista desde a ruptura do 76 e confirmouse na ruptura do 86. É un partido idealista e anti-materialista, pero de marxista non ten nada.

Despois da vosa presentación non se soubo nada máis de vós, en que momento político estades agora?

Estamos traballando nas células e no Comité Central, en configurar o traballo de cada área para construír o Partido.

Ides ter unha executiva clásica con secretario ou secretaria xeral?

Teremos o noso primeiro congreso nun corto prazo de tempo para poder constituír e designar ao noso secretario ou secretaria xeral. Esperemos que poida ser antes dun ano.

Falo de memoria, pero na nota de prensa que mandastes falabades de 121 persoas no grupo constituínte. De todo o país ou dalgunha comarca concretamente?

De todo o país, xa levamos traballando desde o 30 de maio desde un primeiro congreso errado e inconcluso. Non se nos deixou coller as rendas da organización aínda que gañamos o congreso e a partir de aí comezamos a traballar xa neste novo partido. Así comezamos a percorrer o País, falamos con xente que militara no PCLN nos anos 80, na FPG nos anos 90, xente que estivera na UPG, sindicalistas. Conseguimos ilusionar a bastantes persoas ao longo do País e no congreso houbo unha representación territorial moi importante.

Había xente histórica do nacionalismo?

Si. Decidiuse no congreso non publicar fotos da xente que asistía por propia petición dalgunhas persoas presentes porque de momento non queren connotarse.

Vouche preguntar por algúns e contesta se podes. Gladys Afonso estaba?

Non.

Mariano Abalo?

Non estivo, pero pode estar.

Manolo Camaño?

O mesmo.

Ides convertervos nun suxeito electoral?

O tema electoral ímolo deixar en barbeito de momento, imos ver como van evolucionando as cousas e cando cheguen as municipais do 2023 miraremos se apoiamos algunhas candidaturas municipais ou se é preciso nalgún concello crear ou fomentar algunha candidatura de unidade. Agora estamos en construír desde a base.

Comentábasme que tedes a idea de manter unha praxe política absoluta e diametralmente oposta á que mantivo as Mareas de organizacións construídas de arriba abaixo cun obxectivo claramente electoralista sen asegurar uns alicerces que a sustentaran. Vós ides a crear corpo, corpo militante, este vai ser o voso traballo político inmediato. Cando teñades este corpo pensaredes en asaltar metas maiores non?

Tamén en tecer alianzas que son precisas e construír desde abaixo, isto é o importante para non cometer os mesmos erros. Imos facer fincapé no tema da formación política e ideolóxica da xente máis nova, tanto da militancia como da xente externa que se vaia achegando.

E neste contexto tan horrible de voracidade do liberalismo económico ves verosímil que mozos e mozas de 20 ou 25 anos síntanse cómodos recibindo formación teórica marxista?

Paréceme moi necesario. Eu traballo no ensino e hai rapaces no meu instituto que cantan o “Cara el sol”. É moi necesario reverter esta situación.

Estades ilusionados co proxecto?

Tanto eu como os meus compañeiros e compañeiras, mesmo a xente maior ca min de entre 50 e 60 anos. É unha marabilla traballar así.

E tedes xente nova?

Si, tamén. A maioría da xente é menor de 30 anos, a media de idade do comité central é moi nova.