Manuel Caride , responsable comarcal do BNG de Vigo

Manuel Caride , responsable comarcal do BNG de Vigo

Despois das pasadas eleccións autonómicas nas que o BNG obtivo un resultado extraordinario en todo o país galego e particularmente brillante na comarca de Vigo, chegando incluso a gañar as eleccións nesa cidade por primeira vez na súa historia, non cabe dúbida de que a organización comarcal do BNG Vigo é unha das triunfadoras do 18F pois os resultados acadados non fixeron outra cousa que avalar sen ningún tipo de matiz o seu traballo. Nós tivemos unha extensa conversa co seu responsable comarcal, Manuel Caride. El é un veterano militante nacionalista que ten na súa cabeza os catro puntos cardinais do mapa político das oito localidades das que é responsable. Asemade é un home tranquilo é discreto co que, como sempre, foi un pracer conversar.

Existen perspectivas realistas de que no 2027 o BNG poida optar a alcaldía de Vigo”

Non creo que che resulte moi complicado responder á primeira pregunta que , como non podía ser doutro modo, é sobre a túa valoración do resultado do Bng nas recentes eleccións autonómicas?

Son,tanto a nivel galego como no que atinxe á nosa comarca, uns resultados históricos que superan todos os nosos teitos e que só merecen o cualificativo de extraordinarios.

Ti es un militante nacionalista e alén da mera conxuntura electoral, que é importante, tamén estás interesado en aumentar o número de persoas comprometidas co nacionalismo para que a idea de que o noso, é un país de seu poida seguir existindo nas xeracións futuras. Cantos votos dese inmenso caudal de confianza que recibiu o BNG poderán ser no futuro inmediato corazóns conquistados?

Eu estou moi interesado en que o nacionalismo galego chegue cada vez a máis persoas, iso é indiscutible. E ademais da cuestión emocional teño ese interese porque estou firmemente convencido de que é o camiño correcto para mellorar a vida cotiá das maiorías sociais do pobo galego. Cuantificar o que me pides non é posible. Agora ben, só o feito de que alguén colla unha papeleta do BNG é moi positivo e indica con claridade de que a potencia de crecemento do nacionalismo en Galiza non ten teito .Ningunha persoa das case medio millón que nos votaron o 18 F descoñece que o BNG é unha forza política nacionalista.

O BNG subiu 155.000 votos , PSOE+SUMAR perderon arredor de 70.000 e o PP subiu tamén cerca de 70.000.A importante suba en votos que tivestes son todos do que perde o PSOE e Sumar máis da abstención? Ou lograstes penetrar algo no corpo tradicional de votantes do PP?.

Eu destacaría o feito de que moitos novos votantes optaron polo BNG, algo moi importante para o futuro do nacionalismo. En relación ao que me preguntas do PP non teño datos concretos para podelo contestar con rigor. Imaxino que algo pode haber pero non sabería dicir canto. En calquera caso teño a convicción de que a maioría do voto novo que captamos ven de xente cun pensamento de esquerdas e que sinte ao país.

É posible penetrar en maior medida no voto tradicional do PP?

Posible si que é. Doado penso que non. No voto do PP hai unha vinculación a factores socio económicos que crean redes clientelares contra as que é moi difícil loitar.

Falemos da túa comarca. Ti levas máis de 30 anos militando no bloque nos que viviches procesos electorais de todo tipo. Algunha vez o BNG quedara de primeira forza na cidade de Vigo?

Non, é a primeira vez na historia que iso acontece. E tamén é a primeira vez que o BNG, nunha cidade, queda de primeira forza nunhas eleccións de carácter xeral. O fantástico traballo que se está a facer no concello de Vigo, tanto institucional como de rúa, liderados por un Xabier Pérez Igrexas que é o mellor político desta cidade é unha das chaves que explica o por que do magnífico resultado na nosa cidade.

É razoable pensar que no 2027 o BNG teña perspectivas realistas de acadar a alcaldía de Vigo?

Si, pensar que imos ter perspectivas de lograla si que é razoable. Ollo non digo que o vaiamos acadar e nin moito menos que sexa algo fácil. Pero que no 2023 non era unha opción realista e que no 2027 todo apunta a que si o vai ser, si que se pode dicir.

Nas oito localidades que abrangue a comarca de Vigo da que ti es responsable os resultados foron excelentes?

A valoración global é excelente, si. Quedamos primeira forza en Vigo e Redondela e segunda forza no resto de concellos agás en Fornelos que fomos terceiros.

Ben, analizadas polo miúdo as circunstancias referentes ás últimas autonómicas quero pedirche unha valoración sintética da situación política local das oito localidades que competen á comarca da que ti es responsable:

Vigo

Como antes che mencionei estamos a realizar un inmenso traballo, tanto no Concello como na rúa. Estamos marcando o pulso da actividade municipal e somos a referencia da oposición sen ningún tipo de dúbida.

O modus operandi do alcalde segue a ser o mesmo?

Si, o seu carácter autoritario non mudou o máis mínimo e en grande medida segue a definir a actividade política do goberno municipal.

Redondela

Alégrome especialmente polo extraordinario resultado desta localidade na que gañamos as eleccións con cerca do 40% dos votos. Os compañeiros e compañeiras do BNG local recibiron moitas presións, que en ocasións transcenden o campo da política para entrar en intolerables valoracións morais e o excelente resultado acadado en Redondela non fai máis que avalar o seu traballo.

Cando falas das “intolerables valoracións morais” refíreste a última campaña do PP que acusa ao voso voceiro local de “ machista”?

Calquera que coñeza a Xoan Carlos González sabe que esa acusación non é máis que unha intoxicación interesada que non responde en absoluto á realidade. Se por algo se caracteriza Xoán Carlos é pola defensa da igualdade e a asunción dos principios do feminismo.

Pazos de Borbén

Estamos a desenvolver un traballo de oposición construtiva, que é o lugar no que nos colocaron as urnas, e marcando o pulso da actividade política do Concello. En Pazos a situación non é nada fácil. Vimos de varios mandatos nos que o Bng non tiña representación no concello. E nas pasadas eleccións municipais o noso traballo de rúa e a grande calidade política do noso candidato Xurxo Pardo fixo que a situación do nacionalismo nesa localidade comezara a se normalizar. Estou convencido de que todo irá aos poucos a mellor.

Ves algunha opción de que ao longo deste mandato o BNG poida entrar no goberno de Pazos?

O BNG local tomou no seu momento a decisión de non facelo e polo que eu sei polo de agora non hai nada que indique que se vaia mudar de criterio. En calquera caso esa é unha pregunta que debe de responder a asemblea local.

Fornelos de Montes

Se en Pazos a situación é difícil e en Fornelos é máis aínda. Este é un Concello no que a súa socioloxía fai terriblemente complexo artellar unha organización local sólida. E por iso desde aquí quero expresar a miña profunda admiración e respecto por todos os compañeiros e compañeiras do Bloque que traballan en circunstancias tan complicadas, en particular pola nosa brillante concelleira Mila Casal Blanco. Neste tipo de concellos a maioría de xente ten que traballar fóra. E atopar persoas que lle poidan adicar tempo é moi complexo.

Pero o PP local reforzouse con xente nova e tivo un moi bo resultado nas municipais?

Con todos os respectos: A nós non nos vale calquera cousa. Nós queremos persoas con compromiso co país.

Mos

En Mos vivimos un moi bo momento cun traballo de resposta contundente ás políticas agresivas da alcaldesa Nidia Arévalo. Nós tesmos 3 concelleir@s e o PSOE 4 pero a ninguén se lle escapa que a oposición do Concello de Mos é o BNG. Este é un Concello no que se aprecia con claridade o que debe de ser eixo da nosa actividade política: A combinación do traballo institucional co traballo de rúa. Cando mantemos con firmeza esta liña de acción política ao bloque vaille ben.

De feito en Tameiga os resultados foron excelentes?

Extraordinarios, si. Falo de memoria pero creo que nesa parroquia pasamos do 40% de voto e que gañamos en todas as mesas de Puxeiros.

Cal é a túa opinión de como van evolucionar os acontecementos do proxecto do Celta en Tameiga?

O PP está embarcado nunha operación para beneficio dunha entidade privada, en particular da familia Mouriño. Eu creo que van tentar tratar de chegar ata o final. Mais teñen en fronte a unha veciñanza e unhas comunidades de augas e de montes que, fronte á especulación, acreditan nun futuro sostíbel para o seu monte. Nesta loita contan, desde logo, co total apoio do BNG.

Gondomar

En Gondomar estamos tamén nun momento doce e de crecemento. Foi unha mágoa non acadarmos a segunda acta nas pasadas eleccións municipais, de feito quedamos a moi poucos votos de logralo. Nesta localidade só temos unha concelleira, Manuela Rodríguez, pero ela fai política , tanto desde un punto de vista cuantitativo como desde unha óptica cualitativa, dunha maneira máis importante que todo o resto da oposición xunta. O goberno de Paco Ferreira, un alcalde cun talante moi parecido ao do seu homólogo vigués, está moi debilitado, comeza a acusar o desgaste do seu modo de facer política e nós estamos en clara progresión ascendente.

O camiño parece que se dirixe á consolidación do BNG en Gondomar, un BNG que viviu circunstancias moi difíciles?

Si, é certo. Circunstancias que afortunadamente xa non existen en moitas outras localidades e en algunhas como Gondomar están en camiño de desaparecer. Teño a convicción de que a casa común do nacionalismo galego, que é o que pretende ser o BNG, está en camiño de consolidación nesta localidade e non só a nivel político senón tamén a nivel social.

Tivestes algunha oferta do PSOE para entrardes no goberno?

Fixeron a oferta, pero non se estimou. Só se mantiveron contactos para un posible acordo de investidura que non callaron.

Nigrán

Neste concello dábase unha situación moi curiosa: antes destas últimas municipais non tiñamos representación na corporación pero a afiliación estaba a medrar de maneira realmente notable o que indica que as compañeiros e compañeiros de Nigrán estaban a facer un traballo social que era apreciado e valorado pola veciñanza. Afortunadamente nas pasadas municipais logramos recuperar a representación e confío en que o bo traballo do noso concelleiro Xavier Rodríguez exercerá de catalizador para consolidar ao BNG nese concello.

En que liñas se está a traballar no BNG de Nigrán?

Estamos tratando de afortalar a organización local para dotala de cadros políticos que nos poidan axudar a ampliar a futura representación que estou seguro imos ter nese concello.

Baiona

Baiona é unha localidade moi complexa na que viven importantes segmentos de poboación que non son da vila e na que hai que contar con colectivos de persoas que fixeron casa alí e que son dun estrato económico alto ou moi alto que tradicionalmente apoian a quen entenden que defende os seus intereses e que claramente non é o BNG. En Baiona estamos nunha fase na que temos que encontrar cal é o mellor camiño para relanzar ao BNG.

En calquera caso os resultados das autonómicas tamén foron moi bos en Baiona?

Desde logo que si, andamos nun 30% do voto que non deixa de ser un resultado extraordinario. En Baiona dáse un fenómeno peculiar:temos un corpo de voto moi fiel, que nunca nos abandona nin sequera nos peores momentos. E ese é un mérito que teñen os compañeiros e compañeiras desa vila.