
Se hai algún concello que, para calquera que teña ollos para ver , oídos para oír, e non estea afectado por ningún tipo de apriorismo ideolóxico ou interese persoal, precisa un cambio de goberno ese é Pazos De Borbén. Esta localidade leva xa demasiado tempo padecendo un goberno inútil, inane,banal e insubstancial do que é imposible atopar ningunha acción de goberno que lles faga merecedores de continuar dirixindo o seu concello. No que si son expertos os gobernantes de Pazos é na práctica do cancro que padece Galicia desde a noite dos tempos: a bipolarización da sociedade en amigos , para os que hai todo, e inimigos para os que non hai nada.
“ Pazos de Borbén necesita un cambio de goberno con urxencia absoluta. Precísao para saír da parálise na que está sumido, para mudar a mala xestión que sofre, para deixar de lado o sectarismo que padece, e para rebaixar tensións entre a veciñanza”
Podemos confirmar absolutamente que Alternativa vaise presentar ás próximas eleccións municipais do concello de Pazos?
Si, tivemos unha xuntanza e houbo coincidencia xeral en que todo o traballo feito estes anos debe de culminar acadando o goberno do noso concello
E podemos confirmar que vas encabezar ti a candidatura?
Si, serei eu candidato á alcaldía
Si, tamén o podemos confirmar. Vou ser eu o candidato á alcalde
Sabemos xa se vas competir contra Andrés novamente, ou se cadra será Eloisa a nova candidata dos populares?
Que eu saiba non o teñen confirmado aínda. En calquera caso Andrés penso que é un candidato xa queimado e Eloisa entendo que nin é moi coñecida en Pazos nin é que desperte moita simpatía.
As expectativas realistas cales son?
Eu creo que está todo moi aberto, máis aberto que nunca. A maquinaria electoral do PP non é absoluto desprezable, pero xa no 2019 o tiveron moi difícil, de feito se descontaramos os votos presuntamente fraudulentos dos censos supostamente irregulares eu creo que perdían a alcaldía. E nestes 4 anos se alguén intenta dicir algo que fixeran para mellorar a súa posición de goberno non vai poder porque non existe. Máis ben o contrario, por exemplo no asunto da estrada de Nespereira Cepeda eu creo que van ter desgaste. Asemade hai exemplos notorios de mala xestión como a perda dunha subvención de 600.000€ para renovar o alumeado público, sufrimos varias multas de augas de Galicia polos vertidos….Incluso na xestión do día a día a sensación maioritaria é de que estamos ante un alcalde ausente
En relación á estrada de Nespereira :hai cousa de un par de meses nunha rolda de prensa que deu o PP en Redondela, na que estaban Javier Bas e Ana Pastor, entre outros, eu pregunteilles por esa estrada e Bas díxome que o alcalde de Pazos estaba traballando ben nese asunto
É unha valoración incomprensible. Concellos de distinto signo político, do PP tamén, asinaron convenios coa DEPO como o que se lle pon sobre a mesa a Pazos, e ningún puxo problemas, mentres que o noso leva moito tempo bloqueando a situación.
Cal é o problema entón?: o concello non quere pór a porcentaxe de cartos que lle corresponderían?, non quere molestarse en chegar a acordos cos propietarios das fincas ou as dúas cousas?
Eles din que se negan rotundamente a pór 1€, e por outra parte hai algún tramo que transcorre todo por monte que o concello só tería que conseguir o acordo cos propietarios das fincas afectadas e fai dous anos que o alcalde se comprometeu a facer ese traballo e non está rematado.
O horario dos plenos está posto adrede para dificultar o acceso da veciñanza?
Póñense nun día e nunha hora laborable e o que acontece é que dificultan o acceso do público e o traballo da oposición porque nos poñen todos os atrancos posibles. A súa actitude parece que responde a unha concepción do Concello como se fose deles.
Cando solicitades algún tipo de información ou expediente actúan con dilixencia?
A trancas e barrancas. Isto non só o sufrimos a oposición, senón tamén o padece a veciñanza en xeral.
Hai uns meses entrevistabamos a algunha traballadora do SAF de Pazos que nos dicía que o Concello non lles fai nin caso. Ti sabes se é así?
Eu creo que e unha constante. Pasa co SAF, pasa cos traballadores do lixo…calquera persoa que vaia cun problema ao concello, o concello ponse de perfil e nunca está para a busca de solucións. Este goberno escápalle aos problemas
No que respecta ao asunto dos empadroamentos presuntamente irregulares que se produciron hai catro anos, supoño que desta volta estaredes vixiantes para que non volva acontecer?
Desde logo que si. Antes de que se peche o censo comprobaremos as altas e as baixas e comprobaremos que non haxa episodios de empadroamentos irregulares. Supoño que co rebumbio que se montou hai catro anos desta volta cortaranse , pero non nos fiamos.
Sabes se Conde ten pensado presentarse?
Eu creo que non se vai a presentar..Teño a sensación de que xa é firme. Creo que eses votos na súa maioría non van ir ao PP , pois entendo que fundamentalmente son votos descontentos coa xestión deste goberno
Pazos de Borbén necesita un cambio de goberno?
Con urxencia absoluta. Necesítao pola parálise na que está sumido, pola mala xestión que sofre, para rematar co sectarismo e para rebaixar tensións entre os veciños
E será desta volta?
Eu agardo que si, de feito nós entendemos que a vitoria pasa polo entendemento das forzas da oposición e trasladámoslle unha proposta formal ao BNG e ao PSOE para irmos nunha candidatura conxunta.
Que che contestaron?
Quedaron de valoralo