Milana Bonita
Co comezo do novo curso a Xunta de Galicia do Partido Popular, sempre aplicada no que a iniciativas reaccionarias se refire, vén de dar un paso máis no empeño por esganar a liberdade de cátedra das docentes e, a través das instrucións enviadas aos centros para rexer o devir do ano académico, non só limita o número de actividades complementarias que se poden realizar por trimestre senón que obriga a informar dos seus contidos xa no principio de curso.
Igual haberá alguén que pense que está ben que a rapazada deixe de andar todo o día de excursión ou recibindo charlas sen que a familia saiba de antemán o que se lles está a contar, pero iso é porque non viu A lingua das bolboretas ou O mestre que prometeu o mar e non caeu na conta de que moito máis importante que transmitir coñecemento á rapazada é espertarlle a curiosidade, facela pensar, dubidar… en definitiva: Formar cidadanía crítica.
Trátase de escoller entre dous modelos de ensino: O que quere abrir portas e ventás para coñecer outras realidades e escoitar voces que afonden na defensa dos valores democráticos -porque ese é o papel do Estado e polo tanto do ensino público: transmitir valores acordes co recollido no noso ordenamento xurídico, independentemente da ideoloxía de cada casa- e o que quere que volvamos á memorización de conceptos sen dubidar nin saírnos unha liña do que recollen os libros de texto. Obrigar a chapar ou animar a pensar…que opción cren que sería máis acaída para reverter eses tristes datos do informe PISA que din que cada vez a nosa rapazada ten máis problemas de lectura e comprensión?
Porque á fin, non se enganen, ningún modelo é aséptico nin a directriz, inocente: O que fai é dar unha nova volta á chave coa que a Xunta quere pechar a boca do profesorado máis comprometido, limitalo para que non poida programar charlas sobre igualdade, con contido LGBTIQ+, sobre memoria histórica ou simplemente destinadas a entender a actualidade. Imaxinen que hai un docente que a raíz do debate no Congreso sobre o decreto de Vivenda quere levar unha inquilina e un propietario á aula para que, escoitando ambas visións, o alumnado poida formarse un criterio propio sobre un tema de máxima actualidade. Pois non podería facelo, porque como era imposíbel que en setembro soubese o que ía pasar un mes despois, non o incluíu na programación. Ademais, podería entenderse que o debate de ideas distintas vai contra esa “neutralidade ideolóxica” que o PP impuxo no país o curso anterior e que agora vén completar con este control sobre a programación.
O quid da cuestión é saber que é para o PP ser neutral. Podería pensarse que unha persoa sen ideoloxía é coma un unicornio, só existe na imaxinación.. pero vale, aceptemos que existe, que ser neutral é unha calidade para dedicarse a isto do ensino e que, por tanto, foi unha esixencia á hora de escoller o equipo da Consellería de Educación e, sobre todo, o máximo responsábel de controlar o cumprimento dese tipo de directrices, é dicir, o subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Enrique Prado Cueva. Pois van sorprenderse, ou non, pero lonxe de ser neutral, o señor Prado tense mollado ata as trancas como columnista do xornal dixital El Catoblepas afirmando cousas como que o franquismo tivo luces e sombras (xa saben, nin moi ditador nin moi demócrata); que os autores en galego son de pésima calidade (das autoras non dixo nada…) ou que o profesorado tende a ser “una nueva clase ociosa de funcionariado”, así en castelán, claro, que xa sabemos que todo o español es muy neutral y mucho neutral, como diría Mariano, é por iso Prado utiliza Generalidad como termo absolutamente falto de connotación ideolóxica para definir o goberno catalán.
Nesa liña -oh, que sorpresa- gabou sen poñerse roibo a acción política de VOX, definiu o BNG como “nacionalismo fascista excluínte” e a ideoloxía do PSdG nada máis e nada menos que co neutral termo de “nacionalsocialismo”. Iso provocou que, en plena polémica pola esixencia de “neutralidade ideolóxica”, BNG e CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, esixiran o seu cese inmediato pero -nova sorpresa- aí segue Prado Cueva un ano despois, obrigando ao profesorado a mandarlle o que vai falar no novo curso para inspeccionar se é neutral. Os paxaros tíranse ás escopetas. E digo eu, xa que o informe PISA di que está empeorando a capacidade de lectura e comprensión na cidadanía, por que chamarlle neutralidade cando queremos dicir fascismo?
Que este señor sexa o máximo responsábel de inspeccionar o coñecemento que recibe a nosa rapazada no ensino público paréceme de tal gravidade que non entendo como non provocou unha folga de profesorado. Aínda que quizais si o fixo pero á xaponesa porque, afortunadamente, segue habendo docentes, centros de ensino e ata institucións que, malia a todas as súas instrucións, cada día programan máis actividades de transmisión dos valores democráticos. E falta fan. Conto só unha anécdota: un par de rapaces rompen a aplaudir mentres se lles explica nunha destas actividades que, durante a ditadura franquista, unha muller tiña que pedirlle permiso ao seu home para asinar un contrato, saír do país ou dispoñer dos seus propios cartos. E aínda que sei que é un aceno preocupante, eu quedo con que eran dous entre sesenta e seis estudantes, e estou convencida de que, malia toda esta onda reaccionaria impulsada de xeito nada inocente por moitos grupos de poder, entre eles o goberno galego, o sentir maioritario da rapazada non se ve representado por ese aplauso senón polas acampadas nas prazas ao berro: Aquí están as antifascistas!. Porque, como contou hai un tempo unha muller que fora alumna de María Vázquez, a mestra de Miño asasinada polo franquismo, a pegada dos reaccionarios nunca é tan fonda como a pegada dunha mestra e, afortunadamente, na Galiza a maioría de docentes saben que a neutralidade non existe e que a súa obriga é incidir na transmisión de valores democráticos.


