A veciñanza pode gozar xa dos novos parques das Bornetas e A Gándara en Guillarei

A veciñanza pode gozar xa dos novos parques das Bornetas e A Gándara en Guillarei

Son espazos inclusivos, integradores e para toda a familia nos que amais de xogos infantís se instalaron tamén biosaudables

Tui. Venres, 13 de agosto de 2021.

Dous novos parques pensados para o disfrute de toda a familia, ao combinar xogos infantís con elementos biosaudables, están xa a dispor da veciñanza. Ambos foron financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación.

O primeiro deles está situado na sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres, nas Bornetas, e pode gozar do mesmo o público en xeral. Cunha superficie de 346 m2 con céspede artificial. Na área de xogos infantís destaca a montaña, con zona de escalada por cordas, 15 puños de escalada, un trampolín circular, un tobogán para os máis pequenos, e un túnel é un dos elementos destacados do novo parque. Os nenos e nenas poden gozar tamén dunha randeeira (columpio) de dobre asento: asento plano e asento tipo berce para bebes; balancín dobre e dunha torre dobre con escaleira colgante, muro inclinado de escalada, e tobogán. Mentres na zona de biosaudables instaláronse elementos de cintura para 3 usuarios, de esquí de fondo elevador para 2 usuarios e unha bicicleta estática. O muro perimetral do parque loce os graffitis realizados por Gori.

Coa mesma liña de traballo de acondicionamento e recuperación de espazos de lecer ao aire libre actuouse tamén no parque da Gándara en Guillarei. Creáronse dous espazos diferenciados, ambos con céspede artificial. Un de 650 m2 destinarase aos xogos infantís e outro de 190 m2 á colocación de biosaudables e mesas de xogo. Así a zona de xogos infantís conta cunha tirolina de 24 metros de longo, cun bambán dobre e un bambán adaptado para persoas con mobilidade reducida, o primeiro destas características instalado en Tui. Amais colocáronse dous xogos combinados, un con dúas torres principais, tobogán, rocódromos, rede de escalada e panel lúdico; e con dúas torres tobogán, un panel lúdico e un túnel. Instalarase amais unha casiña tipo cabana, dous balancíns simples e un dobre.

Mentres na zona de biosaudables colocouse un elemento de exercicio de cintura para 3 usuarios, un esquí de fondo, un elevador para 2 usuarios, e unha bicicleta estática. Tamén se colocou unha mesa de ping-pong e tamén un taboleiro de xadrez, xunto a un conxunto de mesa con bancos.

Dende a concellería de Parques e Xardíns, fan un chamamento a poboación ao respecto e coidado tanto destes novos espazos de lecer coma dos outros existentes no municipio. Avanzan que continuarán traballando para que todos os parques infantís do termo municipal estean nas mellores condicións.