Manuela Rodríguez voceira do BNG de Gondomar e deputada provincial

Manuela Rodríguez Pumar BNG Gondomar

Se hai algo que me molesta cando falo de política con alguén, é cando me espeta que todas persoas que se dedican á política son iguais e que polo tanto non cabe outra posición que a non implicación e o desinterese. A maior parte da xente que esgrime tal estupidez , como se fose un argumento solvente e rigoroso, en realidade está a mentir. Adoitan ser persoas que gozan dunha situación económica privilexiada e resúltalles máis cómodo mirar a outro lado ante o sufrimento alleo. Ese “ todos son iguais” non é outra cousa ca unha autoxustificación moral da súa propia covardía. Pero hai un segmento de persoas que en realidade si que o cre, que sofren un proceso de alienación e amosan un desinterese real cara a práctica política sen decatarse de que en realidade están a desentenderse da sanidade, da educación, das infraestruturas, da natureza, das pensións….en definitiva, quen manifeste desentenderse da política está a abdicar de defender a dignidade da súa propia vida, e da dos seus fillos e fillas.

Manuela Rodríguez é a voceira do BNG en Gondomar e un dos moitos exemplos cos que me crucei no camiño andado que amosan que non todas as persoas que se dedican á política son iguais. Hainas, e hai moitas, como Manuela que levan un feixe de tempo facendo sacrificios persoais, quitándolle tempo ás súas vidas privadas e aos seus seres queridos, para contribuír o mellor que saben e poden á construción dun mundo mellor.

Despois dunha morea de anos no BNG Manuela estrea este mandato a responsabilidade de deputada provincial. Conversamos con ela para coñecer a súa opinión de como están as cousas tanto na DEPO, como no concello de Gondomar.

Este goberno puido darlle un cambio radical a Gondomar no que respecta á dotación de servizos, pero non quixo facelo”

Como valoras a túa experiencia como deputada provincial?

Para min, defender a posición política do nacionalismo galego en calquera contexto e en calquera lugar é, ademais dun deber, unha honra. Porén, teño que recoñecer que a maioría absoluta que ten o PP na administración provincial dificulta que se poidan acadar resultados substanciais que axuden a mellorar a vida das persoas.

En calquera caso nós levamos as iniciativas que consideramos oportunas para mellorar os concellos sobre os que a DEPO ten competencias.

Como xestiona o PP a súa maioría absoluta na DEPO?

Como o fai habitualmente en calquera administración que a teña: abusando dela, e sen considerar o máis mínimo as propostas dos demais. Asemade cárganse programas, ou redúcenos á insignificancia, da administración anterior que tiñan amosado con creces a súa solvencia, o seu rigor e a súa utilidade práctica. E por riba, PP e PSOE utilizan os plenos para reproducir os seus debates e liortas madrileñas, vaia, nada edificante.

Falas de eliminación de programas anteriores, por exemplo?

Pois por exemplo dous das áreas do BNG: O plan revitaliza, as políticas de igualdade ou o importante traballo da área de memoria histórica.

No que respecta ao reparto de fondos volvemos ao modelo Louzán?

Non, de maneira tan descarada non. Pero digamos que comezan a ensinar a patiña. Agora hai unhas regras para o reparto de subvencións que non se poden saltar, pero si que están volvendo a un modelo de contacto directo coas entidades que soliciten subvencións que a eles lles funciona, porque en certa medida é unha maneira de manter unha rede clientelar.

O BNG ten 3 deputadas e 1 deputado na DEPO, como funcionades? Repartides por zonas o territorio da provincia?

Si, digamos que si.

Dime algunha iniciativa que teñas levado ti?

Pois por exemplo sobre a estrada de Nespereira no Concello de Pazos, unha iniciativa sobre o teatro Fraga en Vigo, ou unha que levarei agora sobre unhas beirarrúas sen rematar na estrada de Chaín en Gondomar.

Tes un compañeiro no pleno da DEPO que coñeces ben, verdade?

Supoño que te refires a Paco Ferreira, si, el é deputado provincial tamén.

Xa podiades aproveitar as viaxes e irdes xuntos a Pontevedra?

Non é o caso.

Paco defendeu unha moción no pleno provincial contra a suba do canon de SOGAMA. Que posición ten o BNG ao respecto desa suba?

Nós estamos a desenvolver unha campaña contra ese “taxazo”, e levaremos mocións a todos os concellos nas que facemos explícita con claridade a nosa posición contraria. Pero que vai máis alá de nos opoñer a que os concellos, e por extensión a veciñanza, teñan que pagar uns prezos desorbitados, é tamén a denuncia, máis unha vez, dese sistema de xestión dos residuos do PP obsoleto, contaminante e caro, e de aposta por un novo modelo acorde cos normativas actuais.

Ben, falemos de Gondomar. Como valoras este ano e medio que xa levamos consumido do actual mandato?

Este mandato parecía diferente pois a perda da maioría absoluta de Paco Ferreira propiciaba un xogo político que non houbo no mandato anterior.

A perda da maioría absoluta foi favorable ou desfavorable para Gondomar?

Non deu tempo suficiente para podermos valorar con rigor, pero desde o meu punto de vista é favorable que un goberno do tipo do de Paco Ferreira non teña maioría absoluta.

A que te refires con “goberno do tipo do de Paco Ferreira”?

Un goberno que fai o que lle peta sen ter en conta as necesidades reais do Concello. Que non leva adiante as iniciativas da oposición que son aprobadas nos plenos. E que asemade carece de proxecto para Gondomar e que goberna a base de ocorrencia e improvisación.

En Gondomar hai tres grupos de oposición PP, MM e BNG e nos dous primeiros aconteceron recentemente episodios moi parecidos nos que un concelleiro e unha concelleira abandonan os seus grupos municipais e pasan a non adscritos. Ti non terás pensado facer algo parecido e pasar a concelleira non adscrita?

Ha, ha ha. Non, eu sei moi ben onde estou. E ademais podo dicir de maneira rotunda que eu iso non o vou facer nunca xamais en ningún caso. É lamentable que se dean ese tipo de situacións, pero danse. Eu comprendo que un concelleiro ou concelleira poida nalgún momento discrepar, incluso discrepar radicalmente, das liñas políticas que defenda o seu grupo, pero chegado ese caso a única posición lexítima e ética é dimitir, entregar a acta e marchar.

Sabes se o PP e MM pedíronlle ás persoas que os abandonaron que devolveran as actas?

Non me consta. O que podo dicir ao respecto é que ás veces pídense as actas e non se conseguen. Nós temos experiencia.

Cres que a posición política das dúas persoas que pasan a ser non adscritas vai virar cara ás posicións do goberno de maneira sistemática?

Só o paso do tempo poderá dar resposta a esa pregunta. De momento non se pode saber.

Ti cres que volveremos ter un goberno cunha maioría absoluta de facto?

Posible é, claro que si. Ningunha das partes o negou. Que sexa así ou non, pois non o sei, dígoche o mesmo que antes: só o paso do tempo o poderá confirmar ou desmentir.

En todas as entrevistas que lle temos feito ao alcalde sempre manifestou que estaría encantado se ti formases parte do seu goberno. Despois destes dous episodios vaite querer igual? Ou se cadra un pouco menos?

O que podo dicir ao respecto disto é que este non é o goberno nin do BNG nin de Manuela Rodríguez, e non teño a máis mínima intención de integrarme nel.

Ben, a aritmética municipal parecía obrigar a que o goberno buscase acordos coa oposición, pero os que se lograron concretar foron moi poucos. Agora, que me veña a memoria, con vós só se pechou o acordo para a reforma da praza Manuel Alonso, non?

Si, ese foi un acordo pactado e froito dunha negociación e que eu saiba ese foi o único que o goberno foi capaz de pechar coa oposición, con toda a oposición. Froito dese acordo, que implicaba a asunción por parte do goberno municipal dun decálogo de compromisos que incluía as demandas da veciñanza, nós abstivémonos na votación da adxudicación do contrato para que se puidese executar e non perder máis dun millón de € para a humanización dunha praza que precisaba dunha reforma.

É estraño que sen ter o goberno a maioría absoluta en ano e medio de mandato só se chegase a un acordo substancial. A responsabilidade é do goberno, da oposición ou de ambos?

O motivo fundamental é a actitude do alcalde, non é dado a negociar. Tampouco é que tratara de chegar a tantos acordos, noutros casos en que precisaba apoios para sacar acordos adiante non amosou ningún intento por tratar de acadalos.

Cales son as liñas políticas máis importantes que está a desenvolver o BNG de Gondomar?

Insistimos en que se dote ao Concello dos servizos necesarios dos que carece, como por exemplo o saneamento. Por outra parte dámoslle moita importancia a cuestións básicas como son a dotación de posibilidades reais de conciliación para as familias. A nosa campaña integral a prol do saneamento continúa. Afortunadamente agora naceu unha plataforma veciñal por un Gondomar con servizos

Esa plataforma foi auspiciada polo BNG?

Non, nós o único que fixemos foi convocar unha asemblea informativa. Foi a propia veciñanza quen decidiu auto-organizarse. Nós celebramos que o faga e que defenda os seus dereitos de maneira colectiva. E teñen razón porque os seus dereitos están conculcándose por desleixo do goberno.

Deste goberno? Ou tamén dos anteriores?

Dos anteriores tamén, pero deste especialmente porque tivo a posibilidade, a través do plan Concellos da Deputación e dos remanentes do propio Concello, de investir moitos cartos para dotar de servizos a Gondomar. Pero a prioridade dos gobernos do PSOE e de Paco Ferreira nunca foron os servizos nin a atención ás parroquias. Só se dedicou a actuar no centro da vila e a desenvolver os ‘seus proxectos’. Este goberno puido darlle un cambio radical a Gondomar no que respecta á dotación de servizos, pero non quixo facelo.

Como está a situación do transporte?

Segue funcionando mal. O novo plan de transporte da Xunta non serviu, como xa prevíamos, para resolver os graves problemas de mobilidade que temos no Concello.

Cal é a opinión do BNG sobre a xestión que fixo o goberno coa casa Peralba?

O BNG está a favor de que o Concello se faga con patrimonio que se poida pór a servizo da veciñanza. Pero, ademais de poñer sempre por diante que hai moitas outras prioridades, no que non estamos de acordo é con que agora se adquira un segundo edificio, o bar De Lis, sen pór en funcionamento o primeiro. Eses cartos que se investiron en mercar a segunda casa deberían terse usado para reformar o edificio de Peralba e poñelo xa en funcionamento. Non parece de sentido común comprar un segundo inmoble mentres o primeiro non se reforme e se poida utilizar para algo máis que para vodas no seu exterior.

A paralización da Pasaxe é responsabilidade do goberno municipal, da Xunta ou e ambos?

De ambos.

Da Xunta parece evidente, pero do goberno municipal por que?

Por facer as cousas coa ansia de poñer bonito o currículo propio, pero sen o suficiente rigor. Moitos dos atrancos que está a ter a ordenación, legalización e desenvolvemento do polígono empresarial poderían terse evitado. E a súa parálise provoca perda de oportunidades de ampliación e mesmo deslocalización de empresas, é dicir, impide a creación de máis postos de traballo.

Gondomar por que non ten Plan Xeral?

Porque nunca foi unha prioridade real do goberno.

Como está a saúde do BNG de Gondomar e cales son as vosas expectativas realistas de futuro?

A nosa saúde é moi boa e as nosas expectativas son moi positivas. Trataremos de chegar a máis xente cada vez, co noso traballo político en prol do ben común das veciñas e veciños de Gondomar.