Serafín Fernández portela responsable da Unión Local da CIG na Guarda

Serafín Fernández portela
Redacción Baixo Miño

Calquera persoa que leve ao país galego no corazón e a conciencia de clase, de clase traballadora, no máis profundo das entrañas ten que sentir envexa, envexa sa, da situación do nacionalismo político e sindical na comarca do Baixo Miño. As alcaldías de Tomiño e do Rosal, unha situación moi favorable para poder acadar a alcaldía da Guarda e unha representatividade do sindicalismo nacionalista, abafadora en comparación coas outras organizacións sindicais, non xorden por casualidade, non agroman dun día para outro. Nacen porque nesta comarca existe unha xeración de homes e mulleres comprometidos e comprometidas coas clases populares do país Galego e que levan moito traballo no lombo, ao longo de moitos anos e en condicións moi difíciles, para chegar a unha situación que debe ser a meta a que aspire o nacionalismo galego en todo o país: acadarmos a hexemonía política e social. Unha desas persoas ás que este país terá que recoñecer algún día como se merece e Serafín Fernández, o Fin da Guarda, que leva toda a súa vida, con moitos e moitas, na loita por unha Galicia máis xusta.

O modelo sindical da CIG, de combate contra calquera abuso e inxustiza, é o que fai que sexamos a primeira forza sindical na nosa comarca cun 65% de representatividade”

Hai poucos meses fuches reelixido secretario da unión local da CIG na Guarda. Como está a saúde do sindicalismo nacionalista na nosa comarca?

A saúde da nosa central sindical, na nosa comarca, é excelente. Estamos en todos os conflitos sempre na vangarda da defensa de quen sofre abuso ou explotación, crecemos en representatividade e a nosa organización é a primeira referencia das clases traballadoras do Baixo Miño. A afiliación non para de medrar, e cada vez son máis as traballadoras e traballadores que se achegan á CIG na procura de axuda e de asesoramento

Sodes a primeira forza sindical na nosa comarca?

Si, con moita diferenza. Nós nestes momentos coido que superamos o 65% de representación.

Cada ves escoito máis veces a representantes dos segmentos máis combativos da sociedade laiarse de que os sindicatos, en xeral, están a converterse en meras asesorías. Compartes esta visión?

Si, compártoa en relación aos dous sindicatos máis representativos do estado. Iso non acontece na CIG, créeme que se fose así eu non estaría aquí. A CIG está permanentemente na rúa, está en todos os conflitos laborais, e en todas as reivindicacións sociais. E é o noso modelo sindical de combate contra a inxustiza o que fai que sexamos 1º forza sindical na nosa comarca.

Se cadra o conflito laboral máis importante dos últimos tempos foi o do SAF non?

Si, sen dúbida. E a CIG , como non podía ser doutro modo, tivo un papel moi importante no Rosal, Tomiño e A Guarda. En Oia, non tivemos oportunidade

O seguimento da folga como foi?

Espectacular. Na Guarda de 23 traballadoras 19 estiveron continuamente na folga. No Rosal a participación tamén foi abafadora e en Tomiño foi boa tamén. A día de hoxe o pre acordo que asinaran CCOO e UGT está suspendido.

Que valoración fai a CIG dese pre acordo que finalmente semella que non se vai executar?

Era un acordo absolutamente intolerable. Xeraba unha dupla escala salarial que calquera sindicato cun mínimo de conciencia non podía aceptar de ningunha maneira. Afortunadamente temos a maioría sindical tanto na Guarda como en Tomiño, no Rosal pronto haberá eleccións e confiamos tela tamén, e puidemos practicar un sindicalismo de combate e dignidade contra o abuso flagrante dese pre acordo que asinaran CCOO e UGT. Nós tiñamos claro desde un principio que ese pre acordo debía der rexeitado si ou si. Non é aceptable que polo mesmo traballo se cobre distinto, dependendo de si estamos ante unha nova licitación ou unha xa antiga. Pero que tipo de sindicalismo pode aceptar semellante barbaridade¡¡¡

Pois hai un tipo de sindicalismo que si asinou iso

E tivo que ser a dignidade das traballadoras a que, despois de 28 días de folga, obrigoulles a recuncar. De feito temos constancia de que delegadas das dúas centrais sindicais que o asinaran estanlles caendo pois a sinatura dese pre convenio non a entende ninguén. E tamén quero dicir que se isto durou tanto tempo foi con intención de rebentar ás traballadoras

E agora que?

Agora hai que comezar a falar de novo

O conflito do SAF é o que máis nos preocupa no presente, pero no pasado recente, moi recente, tamén tiveramos outro enormemente duro, o conflito de IKF. Creo lembrar que foron 72 días de folga indefinida. Como se resolveu?

Resolveuse de maneira moi positiva, non puidemos conseguir todo que nós queriamos, pero á dirección da empresa non lle quedou máis remedio que, grazas á enorme dignidade e valentía do seu cadro de persoal, aceptar moitas das súas xustas demandas que por suposto tamén apoiaba á CIG

Hai algún outro foco de conflito que prevés poida estoupar proximamente?

Perdóame a metáfora pero os conflitos sonche como os cogomelos, soen nacer de súpeto. A priori non temos constancia de nada importante, pero iso nunca se pode saber. Agora, o que si hai é un goteo constante de pequenos conflitos individuais. Son moitos abofé que si, e nós inserímolo no contexto tan duro que , unha vez máis, o capital obriga a sufrir ás clases traballadoras co obxectivo evidente de maximizar os seus beneficios. É o de sempre na historia do capitalismo: transvase xigantesco das rendas do traballo ao capital, e a ese atraco chámanlle “ crise”. E non é que o digamos nós, dío o propio Banco de España que a principios deste mes informaba de que os beneficios das empresas crecen 7 veces máis que os soldos dos traballadores e traballadoras.

Como son as relacións cos catro concellos que atinxen á Unión Local da Guarda?

Con Oia as relacións non existen .No caso de Tomiño e O Rosal as relacións son aceptables, e no caso de A Guarda as relacións son moi malas.

Por que?

Pois nós entendemos que a actitude de Antonio Lomba e de Montse Magallanes son manifestamente mellorables.