Anxo Baz. Voceiro do BNG da Guarda

Anxo Baz. Voceiro do BNG da Guarda

Anxo é o actual voceiro do grupo municipal do Bng no concello de A Guarda e se obtén a confianza maioritaria dos seus compañeiros e compañeiras a súa vontade é encabezar novamente a candidatura do bloque nas municipais do 2023. Anxo ten unha capacidade política moi elevada, pero sobre todo é unha boa persoa. El é o típico home que de cando en vez se cruza no camiño dun que despois de conversar sempre che deixa a sensación ter estado cun bo tipo, deses no que se pode confiar. Estou seguro de que se a maioría da sociedade guardesa lle dá unha oportunidade encontrarán en Anxo a un excelente alcalde.

Non temos nin límite nin teito, as nosas sensacións son enormemente positivas e o noso obxectivo é gañar as próximas municipais”

Podemos dicir que vas ser o candidato do BNG nas vindeiras eleccións municipais?

Podemos dicir que se obteño a confianza maioritaria dos meus compañeiros e compañeiras do bloque de A Guarda o meu corazón e a miña cabeza si están dispostos a encabezar a candidatura do BNG. Agardo que nun período de tempo o mais breve posible poidamos facer oficial a decisión.

E cales son as vosas expectativas realistas para esas eleccións?

Son moi prometedoras. Non nos pomos ningún tipo de límite e as nosas sensacións, o que pulsamos nas rúas, é que imos obter un moi bo resultado. A xente quere saír do estancamento no que está A Guarda

Un “moi bo resultado” sería?

Ser a lista máis votada e acadar a alcaldía .

Calquera cousa que non fose iso sería un mal resultado?

Non, todo aquilo que supoña seguir medrando sería un bo resultado. Pero xa che digo que nós non nos pomos nin límites nin teito e considero que somos a alternativa, realista e seria, ao desleixo que representa o actual goberno e vémonos con moi serias posibilidades de protagonizar o cambio que A Guarda necesita.

Na Peneira de setembro falamos con Antonio Lomba e el valoraba moi positivamente este último mandato. Cal é a túa opinión?

Ben, antes faleiche de estancamento e considero que esa é a sensación maioritaria no conxunto da sociedade guardesa. Nesa entrevista que mencionas o alcalde referíase á estabilidade do goberno pero eu creo que é necesario salientar á altura de miras que tivo o BNG en cuestións tan importantes como por exemplo na ampliación e reforma integral do pavillón da Sangriña

Por que ?

Pois porque non tiña os votos necesarios para quitalo adiante e fíxoo cos nosos votos porque para o BNG o interese xeral da nosa vila sempre vai estar por riba do interese partidista.

Nesa entrevista o alcalde tamén mencionaba o novo acceso ao porto, o acceso sur, como unha vitoria e eu entendo que iso é moi precipitado pois ese acceso é aínda unha entelequia. É máis, é o erro político do goberno socialista e do PP, que optaron pola opción máis custosas das dúas existentes e que tivo un informe desfavorable de patrimonio, o responsable, ao noso xuízo, de que ese acceso non estea xa en vías de execución.

E a túa valoración sobre o resultado final de Concepción Areal?

É unha rúa que ten moitas posibilidades de mellora que necesitarían de decisións políticas que o goberno do PSOE non quixo tomar.

Recentemente enviastes unha nota de prensa na que mencionabades unha especie de “ compadreo” entre o PSOE e o PP .Ambos partidos , na Guarda, van da man?

Esas son as conclusións cando chegas a un pleno no que se debate algo tan importante como as posibilidades de execución dunha zona en pleno núcleo urbano de A Guarda. Unha zona que podería pór a disposición do Concello 15.000 metros cadrados de solo, e que ambos partidos PP e PSOE van facer que quede só en 3.000

O alcalde di que neses terreos, en concreto na finca de Fínola, quere facer un auditorio e que sen segregar esa parcela do PERI nº 5 non sería posible construílo alí. Cal é a túa opinión ao respecto?

A Guarda precisa un auditorio, desde logo que si, e esa podía ser unha zona adecuada para construílo, sen dúbida. O que nós non compartimos é a necesidade de segregación da finca de Fínola do PERI nº 5. É que non facía falta. Se non se segregase e optasen por desenvolver todo o PERI teriamos 15.000 metros cadrados nos que se podería facer o auditorio e moitas máis cousas: zonas verdes,aparcamento en superficie, vivenda protexida…Estariamos falando de pór o centro da Guarda, xusto a carón da Alameda, ao dispor das persoas.

Desde o punto de vista administrativo que opción parece máis áxil?

A opción pola que opta o BNG,sen dúbida, desenvolver todo o PERI

A administración municipal fai todo o que pode facer para tratar de arranxar o problema da paralización da comunicación por transbordador entre A Guarda e Caminha?

Esta situación de parálise é un claro exemplo da falta de proxecto político do goberno socialista. Esto non foi de onte para hoxe. O deterioro víase vir xa desde hai moito tempo e a administración municipal non fixo nada para tratar de evitalo. O desexable sería que o goberno tivera traballado nunha alternativa viable ante unha situación que, insisto, se vía vir. Non podes deixar morrer un servizo porque agora botalo a andar vai ser moi complicado. En calquera caso eu non vin durante o verán denuncia algunha do alcalde ante as promesas incumpridas da Xunta ao respecto deste asunto.

Cal é a túa opinión ao respecto das últimas festas do Monte?

Estas deben de ser as festas por excelencia do noso pobo. É certo que as deste ano non foron todo o boas que deberon pero igual ca no caso do transbordador polo que antes me preguntabas esta situación non ven de onte. Xa antes da COVID deixaran de ser as festas que foron . E o concello tiña que ter tomado antes cartas no asunto.

A situación da sanidade de A Guarda mellorou algo ou segue a ser mala?

Houbo unha mellora momentánea e puntual pero claramente insuficiente para cubrir as necesidades da poboación que atende o noso centro de saúde. O que quero deixar claro que esa mellora, agora mesmo temos 6 médicos, dos 8 que nos corresponden, foi froito da mobilización social da sociedade civil que foi a que orixinou a reacción da administración.

O conflito tan grave que viviu o ano anterior IKF, a principal empresa da Guarda, está xa solucionado na súa totalidade?

Eu non teño ningunha nova que poida indicar o contrario. Si quixera aproveitar a pregunta para expresar a miña admiración e respecto polo conxunto deses traballadores e traballadoras que amosaron un exemplo de solidariedade verdadeiramente admirable. Desde logo que o BNG sempre vai estar ao seu carón para o que precisen.

Se a situación aritmética que resulte das eleccións do 2023 non dá unha maioría clara a ninguén e se abrise a hipótese dun posible pacto co PSOE, sexan eles ou sexades vós os que quededes por diante, cal é a túa posición ao respecto?

Nós pensamos que temos moi serias opcións de sermos a formación política máis votada. Na municipais do 2019 quedamos a 289 votos de selo. Somos moi optimistas, non nos pomos teito e agora mesmo non vou falar de pactos. O noso pacto é coa sociedade guardesa, a nosa ilusión e que quen nunca se sentiu ilusionado por votar se ilusione con nós.

Que podería encontrar un veciño ou veciña de A Guarda en ti como alcalde?

Traballo incansable, humildade, honestidade , capacidade para escoitar e aprender, e igualdade radical no trato á veciñanza con independencia das súas simpatías ou antipatías políticas