Lucía Santos e o BNG de Marín sen límites

Presentación Lucía Santos

O pasado sábado 14 de outubro o BNG de Marín presentou, no multiusos da praza de abastos, ás 10 persoas que ocuparán os 10 primeiros postos na súa candidatura ás eleccións municipais que se celebrarán o próximo ano. Lucía, que de novo será a cabeza de lista dos e das nacionalistas marinenses, estivo acompañada pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e por Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. Asemade, alcaldes e alcaldesas nacionalistas de Concellos próximos como a de Moaña ou os de Bueu e Poio alén de deputados como Luis Bará, ou Manu Lourenzo achegáronse a Marín a arroupar coa súa compañía a Lucía, a candidata nacionalista, que estes catro anos , nun contexto enormemente difícil, bateuse o cobre con valentía , intelixencia e dignidade contra a inacción da maioría abafadora que ten o PP de María Ramallo na corporación marinense, e sendo ela a alternativa e oposición real nun concello no que o PSOE nin estivo, nin está nin o espera case ninguén.

O acto no que o BNG de Marín presentou aos seus 10 primeir@s candidatos e candidatas foi un éxito indiscutible, máis de 200 persoas ateigaron o recinto no que se desenvolveu, véndose moitas delas na obriga de presencialo de pé pois as previsións máis optimistas de asistencia dos organizadores superáronse con creces. A actuación musical de Jasper que deu paso aos discursos de Crsitina, de Ana e de Lucía fixo agromar as emocións das persoas que acudiron á presentación. E as palabras das 3 mulleres que interviron recordando os modelos de vilas e cidades BNG que ao longo de todo o país galego supoñen un sopro de aire fresco , alternativo ao nepotismo característico do PP terminou for facer estoupar os aplausos e a esperanza de tantas veciñas e veciños que aspiran a que o cambio que necesita Marín chegue máis pronto que tarde. E si, Marín necesita un cambio con urxencia. A alarmante perda de poboación que sofre a vila marinense desde que o PP de María Ramallo accedeu ao goberno é un indicio máis que claro do que acontece nas localidades sen esperanza nin futuro: as persoas, especialmente as mozas e os mozos, teñen que marchar a construír un proxecto de vida lonxe de onde naceron pois alí onde desexarían facelo se lles negan as oportunidades.

A candidatura dos nacionalistas que encabeza Lucía Santos e cuxos 10 primeiros postos foron presentados no acto ao que nos referimos está composta dunha mestura de xente moi nova, extraordinariamente formada como por exemplo a número 2 Celia García e o número 3 José Souto e xente moi veterana cuxa experiencia será sen dúbida un plus importante á hora de conformar corpo político como por exemplo o veciño de Seixo e ex deputado Bieito Lobeira.