Luciano Otero de Alternativa Veciñal, xefe da oposición en Pazos de Borbén

Luciano Otero de Alternativa Veciñal, xefe da oposición en Pazos de Borbén.

Despois de rozar cos dedos a alcaldía nos dou últimos procesos electorais o líder de Alternativa Veciñal, e xefe da oposición de Pazos, Luciano Otero amósase convencido e ilusionado en que nas eleccións do ano próximo o seu proxecto político obterá a confianza da maioría da veciñanza da súa localidade e, por fin, este concello poderá mudar un goberno que non fai outra cousa que deixar pasar o tempo e mirar para outro lado cada vez que xorde algún problema.

Pazos de Borbén carece de alcalde. Non hai ninguén ao mando”

Luciano, podemos dicir que vas ser el candidato de Alternativa Veciñal para as vindeiras eleccións municipais?

Previsiblemente si. O que si podo asegurar é que Alternativa Veciñal vaise presentar con toda a ilusión , o ánimo e a forza para desta volta, si, poder desbancar ao goberno do PP. Con toda a modestia creo que podemos dicir que somos a única alternativa con serias posibilidades de conseguilo.

Entón, se tes a confianza dos teus compañeiros e compañeiras , tes ánimos e vontade para volver encabezar a lista de Alternativa Veciñal?

Si, rotundamente si. Considero que temos un moi importante traballo político detrás e non debemos de tiralo pola borda.

Por que pensas que Pazos de Borbén necesita un cambio político?

Por moitas cousas, por exemplo, as multas que nos veñen de saneamento e o concello non fai nada.

E estas multas son polo deixamento do Goberno municipal?

Si, claro. Mesmo este mes estamos coa campaña en contra das verteduras que hai en Amoedo. Sabemos que hai problemas difíciles de resolver, como o da depuradora, pero se non fas nada e non traballas na solución, esta non chegará nunca.

Desde a Xunta non só chegan multas pola depuradora, senón por non analizar as augas, non envialas, non ter ordenación municipal sobre isto…. Isto si é desidia do Goberno municipal.

Andrés Iglesias é o alcalde de Pazos de Borbén, ou só o é formalmente?

Creo que non temos alcalde nin goberno, que non hai ninguén ao mando. Póñoche como exemplo a estrada que vai desde os Valos a Amoedo. Debe ser o primeiro caso dunha infraestrutura, que necesita unha mellora urxente, teno todo a favor e, aínda así, non se fai.

Cando paso por esta estrada vexo carteis de veciñ@s que se laian do mal estado da estrada, que é o que lle pasa?

Esta estrada é da Deputación de Pontevedra. Ten un trazado moi antigo, o chan está nun estado pésimo. Desde o ano 2018, a Deputación aprobou un proxecto para arranxala e está paralizado pola actitude do concello.

Entendemos que se gaña de novo Andrés Iglesias e o PP todo vai seguir igual, e esta vía de comunicación que atinxe a tres parroquias do noso concello vai seguir nun estado lamentable. O desleixo do goberno municipal é máis que notable en case todo, pero neste importante asunto supera os límites do alarmante.

Cres que Andrés Iglesias vai volver encabezar a lista do PP?

Eu creo que si, que segue Andrés de cabeza de lista e Eloísa Nogueira vai de segunda.

Eloísa é a persoa que leva o peso dos plenos. Asume o papel que antes desempeñaba Severino. Como é Eloisa nas relacións coa oposición?

Pésima, deteriorouse moito o ambiente nos Plenos. Xa non hai debate nin diálogo como cando estaba Severino . Agora non responden as nosas preguntas ou dannos respostas absurdas. Cando levamos preguntas aos Plenos obrígannos a facerlle as preguntas todas seguidas e as respostas van todas seguidas tamén, sen dar opción a debate. O normal e lóxico é facer unha pregunta e contestar, facer outra, e contestala, como se facía antes.

Dime un exemplo?.

Preguntarámoslle se van axudar dalgunha maneira ás familias que teñen fillos estudando en Redondela para os que non hai transporte público. Contestáronnos que si, que as ían a axudar. Preguntámoslles como, que ían facer e respondéronnos que a pregunta xa estaba contestada.

Fixeron algo respecto diso?

Non,non fixeron nada.

Luciano, cales son os principais problemas que padece Pazos?

A lentitude e desorganización da xestión cotiá do concello para a veciñanza. Eu levei a pleno unha chamada de atención da valedora do pobo, porque un veciño meteu unha petición e non lle contestaron, volveu metela e seguiu sen contestación, meteu 5 escritos para que lle contestasen un, despois dun ano de trámites.

Hai que darlle un impulso ao concello e potenciar un plan xeral. Estamos a funcionar coas normas subsidiarias .

O PP leva moitos anos tendo maioría absoluta neste concello. Nunca deu un paso adiante para facer un Plan Xeral?

Si. Expúxose unha proposta antes do 2011, pero houbo movementos veciñais en contra, había cousas sospeitosas e presentáronse moitas alegacións. Metérono nun caixón e alí quedou enterrado.

Tamén está o do polígono de Amoedo, no canto de colaborar coa Comunidade de Montes para darlle un impulso ao polígono, mellorar as infraestruturas para que creza e veñan empresas, están con enfrontamentos. Esta é outra característica deste Goberno.

Este problema caracteriza a Galicia desde sempre. O nepotismo e a bipolarización da sociedade en amigos e inimigos. O PP de Pazos de Borbén actúa así?

Lévao ao extremo totalmente, parece que fan política de patio do colexio. Ata no Pleno de setembro impedíronnos facer as preguntas. Queixámonos, víronse acurralados , o alcalde levantou a sesión e non puidemos terminar a nosa quenda de preguntas.

Nas eleccións do 2019 o PP conservou a maioría por moi pouquiños votos. Houbo dúas casuísticas que foron , ao meu xuízo, as que lle deron o 6 concelleiro por esa marxe tan estreita:1) A decisión de Conde de presentarse.2) E unha situación un tanto anómala de presuntos censos en puntos concretos de Pazos de persoas que supostamente non viven no Concello. Quero preguntarche polas dúas:

Sabes se Conde ten intención de volverse presentar?

Creo que non, que non se vai a presentar.

E no tema de censo ides facer algo?

Imos estar moi vixiantes. Nos anteriores comicios, como viron perigar a maioría absoluta, fixeron presuntamente empadroamentos en núcleos que controlan como, por exemplo, a residencia da terceira idade ou en casa dalgúns concelleiros. Sospeitamos que houbo uns 40 empadroamentos que non son veciños de Pazos. Destes 40, algúns votaron por correo e sospeitamos que Andrés foi investido alcalde con votos fraudulentos.

Hai maneira de controlar isto?

Hai un período de exposición pública do censo.

Cales son as expectativas realistas que tes para as próximas eleccións?

Isto é moi difícil de pulsar, pero estou seguro que eles non o teñen fácil. Hai máis veciños descontentos co goberno municipal que os que están contentos. En total son uns 1126 votos para o conxunto da oposición fronte aos 850 que quita o PP. O PP non ten a confianza da maioría de Pazos. E estou seguro que desta volta a realidade sociolóxica do noso concello reflectirase nas urnas de maneira que o PP perda a maioría absoluta,

Que podería atopar en ti un veciño ou unha veciña de Pazos se foses alcalde?

O primordial, traballar e estar presente. Despois, tentar acabar co sectarismo no concello.