Cristina Correa, Alcaldesa De Oia

Cristina Correa, Alcaldesa De Oia

Un ano máis achegámonos ata o fermoso concello de Oia para conversarmos coa súa alcaldesa e coñecer como marchan as cousas por este paradisíaco curruncho do país galego. E, un ano máis foi un pracer par min conversar con Cristina. Velaí vai o que deu de si a nosa charla

“ A DEPUTACIÓN TRATA DE MANEIRA INXUSTA AOS CONCELLOS PEQUENOS COMO O NOSO”

Facemos esta entrevista un ano despois de que nos encerraran a todas e a todos nas nosas casas, e o problema aínda non rematou. Como leva a alcaldesa de Oia esta situación pandémica?

Ben, pois esta situación é moi complicada para todo o mundo, e eu non son diferente claro. O problema, como dis ti, aínda está aí e ten moitas arestas: a puramente sanitaria , a económica ,a emocional a imposibilidade ou dificultade da interacción social ( isto último dificulta notablemente a acción de goberno ,especialmente en concellos que como o noso teñen unha elevada porcentaxe de poboación maior que non dominan o universo dixital)….En fin, vivimos tempos realmente difíciles

Como está a situación epidémica en Oia a día de hoxe ( 12 de marzo)?

Onte estabamos cun só caso

Pero na terceira onda fostes moi afectados , e foi moi curioso porque nas dúas primeiras o número de contaxios no voso pobo foi escasísimo?

Si a verdade é que si. De feito nas dúas primeiras ondadas algún medio me preguntou que faciamos nós para non sermos case afectados. E nós non faciamos nada especial. Supoño que sería a nosa idiosincrasia , somos unha localidade cunha importante dispersión poboacional, e tamén porqué non dicilo algo de sorte

E chegou a terceira e golpeouvos de cheo?

E tanto que si .Eu achácoo ás relaxacións das comidas do Nadal. Non cabe dúbida que esta é unha enfermidade súper contaxiosa, e só fai falta que un gromo se descontrole para que se espalle dunha maneira terrible

Nesta 3º onda, Oia tivo que pechar a súa hostalaría ,incluso máis tempo que os concellos veciños. Contemplamos algún tipo de axuda para o sector por parte do Concello?

Si. Anunciarémola en breve. Aínda non che podo dicir a cantidade. Farémolo nos próximos días, e desde logo que tentarémolas axilizar o máximo posible.

Pero a axuda vai ser con fondos do Concello?

Si. É preciso facer un esforzo. Agardo que no verán, co efecto vacina comecemos a vivir unha situación de certa normalidade

Como se está desenvolvendo o proceso de vacinación en Oia?

Igual que en toda Galicia, con normalidade, seguindo os protocolos e criterios que marcou o SERGAS

Chamoume a atención que antes referiras o factor emocional como unha das consecuencias negativas da pandemia. Estalo notando sobre o terreo na túa veciñanza?

En Oia hai moita poboación maior, moitas persoas viven soas e é case inevitable , ante o contexto de tanta dureza que supón non poder ver aos familiares, un aumento de todo tipo de problemas emocionais. Non descarto, como xa fixemos no confinamento, volver a prestar apoio psicolóxico. Naquel momento resultou moi ben

Que pasou o 24 de decembro, cunha especie de problema de orde pública que houbo na zona do mosteiro?

Houbo unha acumulación excesiva de persoas e xuntouse moita máis xente da que as circunstancias sanitarias permiten que se xunte. Pasou a garda civil nun control de rutina, as persoas que había alí non se disolveron e tiveron que chamar a reforzos

O PP de Oia, votou a favor da moción que presentou o BNG contraria á instalación do parque eólico na serra da Groba. Porén, no resto de concellos da comarca a posición do PP ante mocións semellantes foi a abstención. Explícanos a túa posición ao respecto?

Eu entendo que temos que apostar polas enerxías alternativas ao modelo actual do combustible fósil. Pero se a min me preguntan a miña opinión referente a chantar os muíños na nosa serra , pois digo que prefiro que se exploren outras alternativas. En calquera caso, os propietarios do solo, son os que teñen a última palabra. Ademais nós apostamos decididamente polo turismo verde e por aproveitar as inmensas potencialidades que nese eido ofrece a Groba. E claro, inzala serra de muíños non parece o máis adecuado.

Cal é a túa posición en relación coa polémica do cambio de escudo do Concello?

Neste asunto quero dicir que nas redes sociais apareceron comentarios con moi mala intención e que claramente pretendían manipular. A oposición non estivo neste asunto á altura. Calquera proposta construtiva, veña de quen veña vai ser ben recibida porque Oia ten que ter un escudo

Ah pero entón non é un cambio de escudo?, o que acontece é que Oia non ten escudo?

Efectivamente, non temos. Todo comezou porque no mandato anterior eu quixen facer unha bandeira

Tampouco temos?

Non, e a min dábame mágoa ir polo mundo adiante e que non tiveramos bandeira que nos representara. Preguntei na comisión heráldica e dixéronme que antes que bandeira deberamos de facer un escudo, que tampouco tiñamos, pois a bandeira sempre é un reflexo do escudo. A comisión heráldica fíxome algunhas propostas e a miña intención era facer unha votación veciñal ao respecto, pero resulta que iso é legalmente complexísimo. Entón adiouse o tema un tempo

Ata?

Ata que a levamos a pleno e aprobamos unha das propostas que nos fixo a comisión heráldica. En calquera caso estamos abertos e receptivos a recibirmos calquera outra proposta , que estudiariamos con suma atención. Pero o que non acepto é a insidia porque Oia, agora mesmo está utilizando o escudo do mosteiro, algo que non podemos facer.

Que pasa coa pediatra de Oia?

A nosa pediatra acolleuse a unha figura que existe chamada “ adecuación de posto”, porque non quería tratar a nen@s que fosen sospeit@sos de COVID. Situárona na Guarda , xa que alí hai outras dúas pediatras e se chega un neno con síntomas compatibles coa COVID pois será calquera das dúas quen o atenda. Esta situación era provisional e a idea é que retome o antes posible

E cando prevés que se poida amañar?

Nós xa o trasladamos ao SERGAS en diversas ocasións ,e agardo que sexa canto antes. Agora ben, unha cousa é o desexo e outra a realidade. E son consciente de que neste momento existe un déficit de pediatras

Avanzouse algo este ano no tema do mosteiro?

Estamos avanzando na liña da recuperación a través de fondos europeos

E no que respecta ao Talaso?

Nós estamos avanzando nun plan especial que conlevará unha serie de adaptacións na edificación

Pero ese tema terá que solucionarse algunha vez, non podedes estar toda a vida así?

Si claro, pero a nós non nos queda outra que cumprir os procedementos legais e o marco normativo

Segues valorando negativamente o trato que recibes da DEP?

Eu sigo pensando que tratan inxustamente aos concellos pequenos e medianos. Penso que se centran nos concellos grandes que xa teñen recursos máis que suficientes para atender as súas necesidades