Escándalo en Arbo

Unha familia da localidade leva un ano e medio cunha entrada de auga permanente na súa casa, por mor dunhas obras na vía pública, e o Concello e a Xunta miran a outro lado

Os 14 anos de vida de ANP déronme para coñecer a unha infinidade de persoas e situacións de todo tipo, pero creo que ningunha tan surrealista, tan inxusta para as persoas afectadas, e tan indicativa da absoluta inepcia e da total falta de sensibilidade dun goberno municipal, como o pesadelo que veñen padecendo Marco e Sonia.

Eles son un matrimonio de Arbo que desde un ano e medio sofren unha entrada permanente de auga na súa casa, por mor dunhas obras realizadas na vía pública. Nestes 18 meses de tortura psicolóxica constante Marco e Sonia trataron de que lles solucionaran o problema de todas as formas e maneiras posibles, pero é como se estiveran batendo en ferro frío porque o resultado foi ningún. A ineptitude e a absoluta falta de sensibilidade do alcalde Horacio Gil do PP seica son máis fortes que a total desesperación de Marco e Sonia, e o problema segue aí, 18 meses despois de iniciado, continúa como o primeiro día.

A situación é tan grave que os peritos advirten que a súa casa corre serio perigo de ser inhabilitada, pois despois de tanto tempo recibindo os efectos da auga o risco de irreversibles danos estruturais é unha espada de Damocles que pende sobre as vidas de Marco e Sonia.

Se o alcalde Horacio Gil tivese a máis mínima vergonza política, e un ano e medio despois non solucionase o problema non por falta de vontade de solucionalo senón por incapacidade ou ineptitude, debera dimitir de contado e pórse a carón dos seus veciños para exixir cóbado con cóbado con eles que a Xunta, o Estado ou María Santísima se fose necesario, lle amañen o problema xa. Pero está visto que por desgraza, non a ten.

Agardo que a veciñanza de Arbo tome boa nota e nas vindeiras eleccións municipais envíe a este lamentable goberno para a súa casa.

Nós por cuarta vez desde que comezou o problema, e as veces que sexa necesario ata que se arranxe, démoslle voz aos afectados e falamos con Marco.

Marco Antonio Fernández, afectado.

Estamos cada vez máis asustados. Os peritos avísannos de que a nosa casa corre serio risco de ser inhabilitada”

Como van as cousas en relación ao problema da túa casa?

Vai todo igual.

Iso parece unha moi mala nova?

Xa me gustaría a min poderche dicir outra cousa, pero por desgraza está todo igual. Non se moveu nada.

A última vez que falaramos fixeran unha especie de drenaxe e ti dixérasme que estabas á expectativa pero esperanzado porque parecía que a cantidade de auga que entraba era notablemente inferior á que sufriades antes da devandita actuación. Polo que me dis parece que non vos arranxaron o problema?

Non, non está solucionado nin moito menos. Volvemos á situación inicial e a auga que entra é a mesma que ao principio,e ás veces incluso máis. Por outra parte na rúa de abaixo da nosa casa, na zona da Bouza, fixeron outra obra e seica causaron o mesmo problema que temos nós a outra casa.

A ineptitude do goberno de Arbo déixame abraiado. Parece difícil facelo peor aínda que o fixeran a propósito .Entón agora sodes dúas familias as que tedes que sufrir este pesadelo?

Son dúas casas, eles por sorte viven en Vigo, a súa casa de Arbo está baleira. Nós por desgraza temos que padecer esta tortura todos e cada un dos días. Estes días estiveron na casa para avaliar os danos e teñen a adega chea de auga.

Saben de onde ven a auga?

As persoas que fixeron a obra deixaron uns buratos que están cheos de auga, imaxino que virá do mesmo sitio que ven a miña. Hai unha peritaxe que di que nas obras que fixo o concello pincharon un acuífero.

A entrada de auga que sofres na túa casa segue sendo permanente?

Si, entra auga todo o día, e entra de maneira permanente.

Que vos din as administracións,Concello e Xunta?

Nada, o silencio por resposta é o que recibimos tanto do Concello como da Xunta. Nós pedimos a documentación pertinente ao respecto das actuacións que afectaron á nosa casa, e nin nos facilitan nada, nin nos contestan nada.

Recórdanos cando comezou todo?

O 9 de xuño do 2023.Levamos máis dun ano e medio con este pesadelo de maneira ininterrompida.

Como estades emocionalmente Sonia e Ti?

Pois como estaría calquera que estivera padecendo un grave problema sen ter a máis mínima responsabilidade na creación do problema: mal, estamos moi mal. Ambos necesitamos axuda farmacolóxica para combater a terrible ansiedade que este asunto nos provoca.

Que vos di o voso avogado?

Xa imos polo terceiro. Inicialmente comezamos un avogado que nos mandou a aseguradora, pero era un home de Valencia, e claro no se pode pretender levar un caso de maneira rigorosa a mil quilómetros de distancia. Logo cambiamos para unha avogada estupenda coa que estabamos moi contentos, pero aprobou a oposición para xuíza e xa non podía seguir como avogada. E agora estamos cun de Ponteareas co que tamén estamos moi contentos. Dinos que imos ir ata o final por descontado, porque é indiscutible que nós temos razón, somos vítimas dun problema que non causamos, e é intolerable que levemos tanto tempo sen que nolo solucionen.

Neste ano e medio cantas veces intentastes que vos amañaran o problema?

Perdín a conta, foron innumerables veces as que tratamos de que nos arranxaran o problema.

A día de hoxe( facemos a entrevista o 30/12) están facendo algún tipo de actuación?

Non, non están facendo nada, nada en absoluto.

Non me cabe na cabeza, é unha situación tan surrealista que resulta case asombrosa. Despois dun ano e medio que é o que fai falta para que o Concello de Arbo e a Xunta de Galicia poñan todos os recursos necesarios encima da mesa xa, e solucionen o problema de contado?

A Xunta quere que nós fagamos a obra, que nós paguemos os gastos, que nós resolvamos o problema, que lles presentemos a factura e logo pois a ver que acontece…

A medida que avanza a conversa, Marco, estásme deixando máis abraiado…pero como poden pretender iso¡¡.Non sei de que cantidades podemos estar falando, pero estou seguro de que o montante económico dunha actuación como esa, drenar e desviar un acuífero alén de reparar os inmensos danos que xa sufriu a vosa propiedade,non son asumibles para case ninguén. Que ides facer?

Pero aínda que nós fósemos millonarios, que non é o caso, e puidésemos pagar dos nosos recursos todo o que custe arranxar a desfeita, nós non podemos facer iso. Un particular non pode actuar nunha vía pública,iso é ilegal, só as administracións competentes teñen a facultade legal de actuar nas zonas públicas.

En que fase estamos agora?

O noso avogado enviou unha comunicación ao concello e tamén á Xunta exixindo toda a documentación e unha explicación ao respecto de cal é o motivo polo que non a enviaron ata agora.

Toca esperar, entón?

Si, toca esperar pero nós estamos cada vez máis asustados

Por que?

O perito da aseguradora dinos que a nosa casa corre serio risco de ser inhabilitada, pois despois de tanto tempo sendo afectada pola auga de maneira permanente a edificación corre serio perigo. Nós xa temos unha bolsa de auga que se está a acumular no noso terreo.