
Marco Antonio e Sonia son un matrimonio residente en Arbo na rúa Vázquez Estévez número 16. El é xubilado e ela traballa en Valeixe. Puxéronse en contacto con nós para denunciar a grave situación pola que atravesa a súa vivenda habitual, afectada por unhas terribles inundacións , permanentes un día si e outro tamén , desde o día 9 de xuño e que foron motivadas polo desvío dunha veta de auga causado por unhas obras nunha rúa próxima. A situación é tan grave que non só está a provocar notables danos na vivenda de Marco e de Sonia, senón tamén na súa saúde. Así por exemplo o pasado día 23 Sonia era diagnosticada de un “síndrome de ansiedade desde hai tres meses con empeoramento progresivo”. Nós falamos con Marco Antonio.
Marco Antonio Fernández, afectado.
“ O alcalde, Horacio Gil, pasa do noso problema”
Canto tempo levades vivindo no voso domicilio actual?
Arredor de 25 anos
Cantas persoas vivides alí?
Temos dúas fillas pero xa son independentes, agora mesmo vivimos un matrimonio: a miña muller Sonia e máis eu.
Cal é o problema en concreto?
O problema témolo desde o día 9 de xuño resultante dunhas obras nunha rúa nova, que abriron cerca da nosa vivenda, que provocaron o desvío dunhas vetas de auga que desde entón afectan á nosa casa.
Afectan de maneira moi grave?
Si, gravísima. Hoxe mesmo no momento de falar contigo teño o salón totalmente asolagado.
Como tratastes de solucionalo?
Desde o primeiro día nós chamamos ao concello para informarlles do problema.
Supoño que virían decontado?
Non, tardaron dúas semanas en aparecer.
Dúas semanas ¡?
Si, dúas semanas. Tamén dei parte no seguro e puxen unha denuncia na garda civil, pero de momento a 21 de setembro( o día de realizarmos esta entrevista), máis de tres meses despois, seguimos igual sen solucionar o problema.
Que vos dixeron os operarios do concello?
Que as obras desviaron unha veta de auga. Déronnos largas co tema do seguro, pero non concretaron ningunha solución. Nós chamamos ao concello constantemente, porque a entrada de auga é todos os días, pero seguen sen facer nada.






A auga entra a diario?
Si, todos os días. Non hai ningún día que non entre. Os mobles estragáronse todos.
Chegastes a falar co alcalde Horacio Gil?
Si.
E que vos di?
Pasa do asunto.
Que administración fai a obra?
A Xunta e o Concello.
Alén dos mobles tivestes algún outro tipo de dano?
Estanse comezando a fender as pedras da casa. A TV, sofá, estufa…estragados, polo medio da adega pasa unha especie de canal de auga…En definitiva, a situación é realmente grave e o que me interesa é que solucionen xa o problema, porque se o seguro me repón o que se estragou e o problema non se amaña, imos estar nas mesmas.