Cristina Fernández Davila, Alcaldesa en funcións do Concello de Ponteareas

Alcaldesa Ponteareas

PEPE REPRESAS É O MELLOR ALCALDE DA HISTORIA DE PONTEAREAS”

Tino Lago

O alcalde de Ponteareas, Pepe Represas, viuse na obriga de renunciar ao seu cargo por problemas de saúde. Pepe vai ser substituído por Cristina, a número 2 da candidatura do BNG nas pasadas eleccións municipais. No momento de redactar este texto Cristina aínda é alcaldesa en funcións, pois non se celebrou o pleno que a designará alcaldesa da súa vila de maneira oficial. Pero a cómoda maioría aritmética da que goza o goberno municipal posibilitará a alcaldía de Cristina sen o máis mínimo problema. Nós fomos ao concello a coñecela e aínda é moi pronto para emitir calquera valoración, pero quixera quedarme coas palabras de Cristina que titulan esta entrevista para dicir que eu non sei se Pepe é o mellor alcalde da historia de Ponteareas , non os coñecín a todos, pero si sei que é o mellor de todos os da historia recente, a unha distancia quilométrica de calquera outro. E tamén sei, con certeza absoluta, que Pepe é unha persoa cuxa calidade humana daríalle contido a aquelas fermosas palabras de Pondal, no himno do noso país, cando falaba dos bos e os xenerosos. Será un enorme pracer para min volver conversar algún día con Pepe, e desde as nosas humildes páxinas envíolle unha inmensa aperta fraternal, inmensa como o máis inmenso dos océanos, e exprésolle os meus mellores desexos pois as persoas como el son as que fan mellor á humanidade.

De onde es Cristina, que estudaches e como chegaches a vida política?

Son orixinaria do rural de Vigo, pero afincada na cidade por motivos de traballo. Ata que casei vivín no barrio de Coia de Vigo é logo de aprobar varias oposicións conseguín unha praza aquí en Ponteareas. Primeiro fun funcionaria do Estado e agora son funcionaria da Xunta de Galicia, estiven 23 anos traballando no IES Val do Tea como Técnica Administrativa. Levo 31 anos vivindo na vila.

E cando entraches en política?

No ano 2011, pero xa levaba tempo en contacto co BNG a través das reivindicacións que tiñamos na Federación de Anpas do Condado Paradanta. Eu era a presidenta. Aínda que tratabamos con distintos partidos foi o BNG o que apoiou as nosas peticións e recoñecía as nosas necesidades educativas naqueles momento.

Eu xa coñecía a Pepe represas desde os anos 90, era o meu veciño, pero a nosa relación política comezou coas nosas reivindicación desde a Federación de Anpas. A miña militancia e vida política sempre estivo no BNG. Eu xa era votante deste partido.

Cando o BNG gaña as eleccións en Ponteareas, no primeiro mandato de Pepe Represas, xa entraches como concelleira ?

Eu presenteime por primeira vez na candidatura do ano 2011, pero entrei como concelleira substituíndo a Bolivar por un problema de saúde no ano 2012. Estiven na oposición ata o ano 2015, aquí ía de número dous nas listas. Nesta ano sacamos 5 concelleiro@s e conseguimos chegar ao goberno municipal.

Este ano fóra un goberno tripartito non?

Si, foi un goberno tripartito e contando co apoio puntual de Esquerda Unida .

Este foi un goberno cunha situación aritmética, delicada E difícil. Porén, deu un salto espectacular nas seguintes eleccións e pasouse a ter unha maioría moi cómoda, por que?

Eu creo que a veciñanza decatouse de que o estabamos a facer ben e o equipo que presentabamos para o mandato do ano 2019 era un equipo potente de persoas moi preparadas e moi implicadas socialmente.

Un dos eixos esenciais do voso goberno foi o da xestión económica. Cando Pepe chegou a economía do Concello estaba practicamente en banca rota. A melloría foi substancial. Que se fixo para afianzar esa mudar a situación económica?

Reducir gastos superfluos e comezar a pagar todas as facturas atrasadas, había moitísimas, ata sen contabilizar. Decatámonos de débedas pola prensa, houbo una débeda de Augas de Galicia, se non me lembro mal, que nola reclamaron na portada dun periódico. Estivemos tres anos aboando facturas e moito que ver nesta boa xestión foi o traballo de Xosé Represas e o concelleiro de economía daquela que era Francisco Floreal Alonso (Pancho).

A última concelleira de facena do goberno do PP era Belén Villar que é a actual xefa da oposición, non?

Si, unha persoa que non foi quen de levar a cabo un só orzamento mentres estivo de concelleira, e iso que era un requisito para o plan de axuste que tiñan que levar adiante.

Consideras que Belén Villar ten responsabilidade na desastrosa xestión económica que fixeron os anteriores gobernos do PP?

Si.

Podemos dicir que o Concello de Ponteareas agora mesmo está saneado?

Si, está estable.

Todas estas humanizacións que estades a desenvolver no centro do concello son consecuencia da mellora da xestión económica?

Si, senón non poderiamos facelo. Cando comezamos co noso mandato había un crédito que se pedira para alimentos, para mercar pins para dar un día dunha festa determinada e para pagar unha orquestra. Non se pode facer unha festa se non se pode pagar. Se hai que endebedarse ten que ser para dar axudas e servizos sociais á cidadanía ou mercar patrimonio local, non para facer festas.

Fálanos do máis salientable das humanizacións que estades a desenvolver.

Temos case rematada a EDUSA (estratexia de ámbito saudable de Ponteareas) e a máis destacables nestes intres é a Praza Bugallal que estamos facendo. Esta obra rematarase ao longo deste anos, e imos ter un espazo peonil de cerca de 20.000 metros cadrados.

Estes procesos de humanización sempre son complicados e polémicos. Consideras que a cidadanía da vila ten unha tensión excesiva fronte os cambios que inevitablemente provocan?

A xente está molesta inicialmente, como é normal, cando lle mudas os hábitos e costumes de circulación, aparcadoiro do automóbil ou mesmo das compras. Pero vai beneficiar a moitos veciños e veciñas que van poder desprazarse a pé para facer as súas compras e valorar varias ofertas de diferentes comercios, á larga vainos beneficiar a todos. Gañan os comercios, as persoas que teñen máis espazos para pasear e os nenos e nenas para xogar e estar na rúa, e vai a haber máis oferta e demanda de vivendas tamén. Imos reducir un 75% as emisións de CO2 e isto estamos obrigados a facelo pois para o ano 2030 o CO2 vai ter que estar practicamente fóra das cidades.

E a reforma do mercado?

Este é un proxecto moi interesante e precioso. Nesta instalación non só vanse beneficiar aos praceiros e praceiras, senón que o edificio vai comunicar a parte baixa da vila coa zona do auditorio a través da zona da Perillana.

Como está a situación da pandemia no concello?

Onte, 6 de maio, había 27 casos. Os contaxios van en descenso e estamos en nivel medio-baixo, a ver se a situación comeza a darnos un respiro. O determinante para que a situación se normalice vai a ser chegar ao 70% da poboación vacinada.

Outros alcaldes e alcaldesas de concellos veciños cos que teño falado dinme que esta situación de crise sanitaria provocou que haxa moita máis demanda de familias aos servizos sociais para atender as súas necesidades máis básicas, pasou tamén aquí en Ponteareas?

Si, é verdade. Incluso en familias que eran coma a miña. Esta pandemia puxo en relevo dúas cousas:

A situación de desigualdade das mulleres con respecto aos homes, que en moitos casos supuxo que estiveran encerradas cos seus maltratadores. Isto foi terrible, mesmo saíron moitos casos de persoas que nin sequera se daban de conta de que estaban nesta situación.

E tamén puxo de manifesto que calquera familia en calquera situación, pode chegar a este punto extrema de necesidade.

Os servizos sociais do concello están preparados para atender este aumento de demanda de axuda?

Si, reforzáronse os servizos para poder atender toda a demanda. Neste caso tamén foi moi importante o servizo de voluntariado.

Que vai pasar con Corpus este ano?

Estamos esperando todo o que podemos para ver a situación epidemiolóxica e o que nos permite facer. Faremos algo dunha dimensión máis local que depende tanto do nós coma dos e das alfombristas. Agardo que a normalidade regrese pronto e o Corpus de Pontearaes poida volver o antes posible como o que é:unha festa de dimensión universal que contribúe a situar ao noso pobo no mundo.

O PP queixase de que a escola infantil vai diminuír en máis de 20 as prazas. Cóntanos a vosa versión ao respecto?.

O PP sempre terxiversa o que sucede. Nos seus mandatos fixeron obras que non se correspondían coas que pedía a Xunta co cambio de lexislación para escolas infantís. Houbo dúas aulas que nunca foron autorizadas e neste momento a Xunta comeza a sancionarnos por esa situación. Temos dúas opcións:

Pechar a escola infantil e que todos os nenos queden sen praza para poder facer a obra que vai levar un ano de tempo, a Xunta nos di que temos que pechala.

Ou a opción menos mala que é facer a obra en canto se poida e neste momento rebaixar esas dúas unidades. Estes nenos non se quedaron sen praza, senón que se recolocaron, en canto se puido pola pandemia, nas aulas autorizadas.

Outro tema recorrente das queixas do PP e o recibo do lixo, que pasa con isto?

É unha taxa que ten que cubrir o importe do servizo de recollida do lixo a través do imposto, coma todos os outros servizos municipais. Estas taxas foron subidas no ano 2013 cando eles sacaron o plan de axuste. Non se pode baixar a taxa un 10% como piden porque non cubririamos os gastos do servizo.

Destácanos algún proxecto que teñades para as parroquias?

Temos a humanización nas pistas que van ao Torreiro de Guláns e ao colexio, que quedaron moi ben. E a outra a de Ribadetea. Penso que se poden facer máis en Torreiros e nas entradas dos centros culturais ou mesmo das igrexas. Temos algún proxecto bastante avanzado para conseguir financiamento e licitación xa, parques públicos, parques forestais, en montes comunais…

O noso periódico fai unha gala de entrega de premios cada dous anos, facémola no Porriño. O amigo Pepe asistiu as dúas últimas galas, este ano aprazámola para o 2022 por mor da pandemia, esperamos poder seguir contando coa asistencia da alcaldesa de Ponteareas.

Si, estarei estar con vós ese día.

Como estás de ánimos e de ilusión para afrontar esta nova etapa de ser a alcaldesa dunha vila coma Ponteareas?

Para min é unha honra non soamente representas aos meus veciños e veciñas, senón tamén moi emocionada por coller un legado tan importante coma o que deixa Pepe Represas.

Xosé represas é o mellor alcalde da historia de Ponteareas?

Sen dúbida. Nos soamente por todo o que fixo, senón porque traballou para Ponteareas sen pensar en nada máis que o ben común.