Nado na parroquia de Fornelos, do concello de Salvaterra, no ano 1932 toca coa punta dos dedos as nove décadas de vida cunha saúde envexable e cunha memoria prodixiosa que xa quixeran moitas persoas da miña idade. O seu pai Manuel chegou a ser tenente de alcalde Vigo nos anos 20 do século pasado e o noso protagonista rozando os 90 anos manexa con soltura un blog no que debulla o máis salientable da historia da súa parroquia natal. Estou moi agradecido ao noso común amigo Xaque, que tivo a amabilidade de presentarnos e posibilitar esta encantadora conversa
“FORNELOS TEN UNHA DÉBEDA PENDENTE COS SEUS FILLOS EMIGRADOS QUE TANTO CONTRIBUIRON AO BENESTAR DA PARROQUIA”
Recordas os anos da túa infancia Manuel?
Si lémbrome incluso do meu primeiro profesor, chamábase José Álvarez. El era de Meder, e nas súas clases , tendo eu catro anos, aprendín a ler. Pouco despois vin para Vigo, e alí estudei nun colexio salesiano e despois na escola de comercio
De feito o teu pai chegou a ser tenente de alcalde de Vigo non?
Si así é, o meu pai Manuel Estévez Cambra
E por que che trouxeron a Vigo?
Supoño que por que en Fornelos non había moitas alternativas. Unha vez que rematei os estudos traballei de reporteiro en “ El Pueblo Gallego”
Ese era un xornal de orientación falanxista ?
Si, pero non nas súas orixes. O periódico fúndao Portela Valladares, un gran republicano, pero despois do triunfo do golpe de estado foi literalmente confiscado pola falanxe
Que facías no periódico?
Inicialmente ocupábame das correccións
Vaia que interesante. E daquela non tiñas o corrector de google claro?
Ha ha ha .Non, claro que non. Daquela corrixía coa axuda dun enorme dicionario. Logo pasei a facer crónica local e por último déronme un carné para poder facer reportaxes
Acórdaste de cal foi a última reportaxe que fixeches?
Si. Foi das festas do Cristo de Cangas
Creo que coñeciches persoalmente a Celso Emilio Ferreiro?
Si, eu participaba do seu famoso faladoiro na cafetería Goya
Como era el como persoa?
Un tipo encantador e moi divertido. O problema é que ao faladoiro viña un policía secreto infiltrado
Non me digas!
E tanto, de feito foi o que os meteu no cárcere. E eu mesmo tiven que ir a comisaría varias veces. Creo que a miña amizade coa filla do comisario, que estudaba comigo, salvoume de ir a prisión.
Ti es fundador da Alianza Francesa, verdade?
Son co fundador, cun dos irmáns Conde. Daquela traballaba nun grupo de supermercados que se chamaba comercial ABC. Alí tiven un problema cun xefe e mandáronme para Ourense. Logo fun para o País Vasco e xa me quedei alí
Alí comezou a túa relación co cooperativismo?
A miña idea sempre foi a de crear cooperativas porque eu sempre entendín que esa era a forma máis adecuada de organizar as relacións humanas. En Rentería fundei cooperativas de consumo de traballo e de vivendas, e a primeira cooperativa escolar de España
Tamén tes unha importante vinculación coa artesanía?
Ao volver de Euskadi a Vigo, montei un taller de cerámica que se chamaba vieiros, pero pronto volvín a Ourense e alí estiven moitos anos coa miña actividade centrada no mundo do cooperativismo
E en Ourense seguiches relacionado co xornalismo non?
Si, pois alí escribín moito en “La Región”.Pero acabei volvendo a Vigo e fundando unha empresa de cerralleiría
Na túa produción artística hai alguén que che inspirar especialmente?
Si, Vicente Blasco Ibáñez na escrita e Joaquín Sorolla na Pintura. Grazas a el e a Manuel Colmeiro , que foi o meu profesor, aprendín a pintar
Tes moito pintado?
Máis de 100 lenzos
Ti tes un blog?
Si; condadodesalvaterradominho
Desde cando o tes?
Desde hai 11 anos
Ti tes 89 anos. É dicir que comezaches con el aos 78.Xa me explicarás como unha persoa de 78 anos ten a forza, a ilusión e as gañas de comezar no universo dixital?
Eu sempre fun moi afeccionado escribir, xa desde neno. E tiña un feixe de cosas escritas que tiña ilusión por recoller e coa axuda do meu fillo pois decidinme a recollelas no blog
Que tal te manexas co computador?
Eu creo que ben. Doulle todos os dias
Vexo que no Blog, o contido fundamental versa sobre a túa parroquia :Fornelos da Ribeira?
Si, a verdade que estou totalmente namorado da miña Parroquia e encántame dar a coñecer todo o referente á súa historia, que por certo é unha parroquia que ao meu xuízo ten unha débeda pendente con moitos dos seus fillos emigrantes que colaboraron moito con ela e nunca foron recoñecidos, como por exemplo o meu tío avó, ao que só lle puxeron unha placa, pero eu creo que hai que honrar a todos os demais
Quen era o teu tío avó?
Rogelio Estévez Cambra. El foi un dos que máis cartos puxo, foi patrocinador das escolas .El e 36 veciños emigrados de Fornelos foron por exemplo os que deron os cartos para facer o cemiterio