Salvaterra necesita un cambio de goberno. Xa son moitos anos do PP no Concello, cun modelo esgotado, sen criterios de traballo definidos, sen plan futuro de vila e centrados na propaganda dunha forma de facer política que, máis que o ben común da veciñanza, parece perseguir a conservación dos postos de traballo propios. Nas eleccións do 23 o PP revalidou a maioría absoluta de auténtico milagre, pois só unhas poucas ducias de votos foron os que lle fixeron manter a 9º acta necesaria para poderen seguir gobernando. O resultado do proceso electoral municipal do 23 foi o seguinte:
| VOTOS PP | VOTOS PSOE | VOTOS BNG | VOTOS PODEMOS | TOTAL VOTOS GOBERNO | TOTAL VOTOS OPOSICIÓN |
| 2.744 | 1.476 | 1.263 | 104 | 2.744 | 2.843 |
A situación sociolóxica de Salvaterra foi nese momento de empate técnico entre quen preferiu a continuidade do PP no goberno, e as persoas que desexaban un cambio. A candidatura de Podemos, presentada por persoas que entre o 19 e o 23 non fixeron absolutamente nada de política municipal, foi construída ad hoc para as eleccións e foi unha auténtica irresponsabilidade que só beneficiou ao PP. Eses 104 votos, que supostamente eran partidarios do cambio de goberno, foron os que posibilitaron que os populares seguiran catro anos máis. Apelamos á responsabilidade e á honestidade intelectual das persoas que impulsaron esa candidatura para que non volvan repetir semellante erro, e chamen á sociedade a apoiar no 2027 a calquera das dúas opcións de esquerdas con posibilidades realistas de derrotar ao PP: O PSOE e o BNG. Nós conversamos desta volta con Félix González, o líder local do PSOE.
“ Pola nosa parte hai predisposición absoluta a construír co BNG o cambio de goberno que tanto necesita Salvatera”
Como valoras esta primeira parte do mandato PSOE de Salvaterra?
A cualificación non pode ser outra que a dun suspenso rotundo.
Por que motivo?
A xestión económica é moi mala, a xestión política é pésima. Non hai modelo de Vila,nin plan de traballo algún. O goberno limítase a xestionar o día a día como pode. E ata iso o fai mal. A transparencia é case inexistente, e o trato aos individuos e colectivos sociais é diferente en función de se os identifican como amigos, ou como non amigos.
Salvaterra segue sen PXOM?
Si, seguimos igual. É unha desgraza para o noso pobo pois o PXOM é un instrumento imprescindible para unha adecuada ordenación do territorio. O PP leva moitos mandatos con maiorías absolutas na corporación, polo tanto non tería ningún problema en aprobar un PXOM se o tiveran presentado. O caso é que non o fan. O desleixo, a preguiza e a vagancia levan a que non asuman esa elemental responsabilidade de goberno. Outro motivo máis que evidente para xustificar o suspendo rotundo, ao que me refería na resposta anterior.
Cres que por parte do goberno non hai a máis mínima intención de pórse a traballar e presentar un proxecto de PXOM ?
Por desgraza a realidade dos feitos apunta a iso. Temos un goberno ao que parece non importarlle que o concello que goberna careza de PXOM.
Outro problema recorrente na política local é a situación económica do Concello. Desde a oposición sempre acusastes aos distintos gobernos de Arturo e Marta de dilapidar os cartos, e deixar en moi mala situación as finanzas do concello polo que hai que recorrer a recoñecementos extraxudiciais de crédito con moita frecuencia. Como está a cousa neste mandato?
Seguimos igual. O recoñecemento extraxudicial de crédito é unha ferramenta extraordinaria e o goberno local converteuna en ordinaria.
Cantos levan neste mandato?
Lavan varios recoñecementos extraxudiciais de crédito e todo apunta a que haberá algún máis antes de que acabe o seu mandato, ou quedaran facturas sen pagar.
Podemos dicir con rotundidade que a situación económica do Concello de Salvaterra é mala?
Si, si que o é. Eles din que os resultados son bos, que vai mellorando a situación. Pero claro, se non contabilizan o que está sen pagar na conta 413 a realidade dos feitos queda mutilada. E a realidade é que a xestión económica deste goberno é tan mala que, como antes mencionei, converteron o que debera de ser un mecanismo extraordinario, o recoñecemento extraxudicial de crédito, nun instrumento ordinario.
A conta 413 é na que se meten as facturas de contratos sen soporte orzamentario. É moi voluminosa a conta 413 do Concello de Salvaterra?
Pasa dos dous millóns de euros. Unha cantidade enorme para o noso Concello.
En relación á política de subvencións municipais. Cal é a túa valoración?
Nós levamos moitísimos anos votando en contra destas subvencións, non porque se dean, que hai que dalas, senón polo método co que se dan.
Cal é este método?
A dedo.
Aquel problema que tivera o Concello co tema da auga está solucionado?
Xa non hai contaminación pero isto pódese volvera producir.
Como levastes o verán no que respecta ao tema dos incendios?
Por desgraza volveu arder o monte do Castelo de Pesqueiras e parte do monte comunal de Salvaterra. Todo apunta a que foi un accidente.
Que tipo de accidente?
Parece que foi un tractor que estaba rozando e unha chispa prendeu lume. Cando un incendio se descontrola como os acontecidos este verán, son os veciños os que acaban defendendo as súas casas. Nas parroquias non hai bocas de auga para enchufar mangueiras.
Consideras que a xestión do Concello en prevención de incendios é suficiente ou insuficiente?
É insuficiente e se acontece algún incendio coma os deste verán podemos ter problemas serios coma os que houbo no 2017. Penso que se deberían de abastecer ás parroquias con bocas de auga e material necesario para estes casos.
Que opinas da programación cultural deste verán?
Teño que dicir con claridade que a programación cultural de Salvaterra, non só a do verán senón a de todo o ano, é grazas á labor admirable dos distintos colectivos culturais e veciñais do noso pobo. O traballo do goberno neste tema tan importante vai na súa liña habitual de desleixo,propaganda e incapacidade.
Como está a sanidade en Salvaterra?
Nos últimos seis meses presentamos unha moción na que instabamos ao goberno local a crear unha comisión de Sanidade para facer un seguimento continúo da situación na vila. A resposta foi que o ían a estudar e non nos deixaron debater sobre o tema. A situación da Sanidade en Salvaterra é moi mellorable. Temos deficiencias moi importantes, así por exemplo: Ao longo deste verán houbo días nos que só había un médico para a tender a toda a poboación da vila.
As competencias sanitarias son da Xunta de Galicia, pero, ao teu xuízo, o Concello fai o suficiente para defender unha Sanidade de calidade en Salvaterra ou podería facer máis e mellor?
Poderíase facer máis e mellor. Deberían estar máis pendentes e insistir a autoridade competente da Xunta para resolver os déficit de médicos na vila. A poboación de Salvaterra anda sobre as 10.000 persoas. En pleno mes de agosto, con todos os turistas que poidan estar, superamos amplamente esa cifra. Se só hai un médico para atender as necesidades de máis de 10.000 persoas, é impensable que unha alcaldesa competente non estea petando na porta da Xunta un dia si e outro tamén para reclamar unha solución inmediata .
Como están os ánimos e a saúde do PSOE de Salvaterra?
Estamos moi ben. Seguimos traballando coma sempre con ánimos e ilusión para chegar a acadar o goberno de Salvaterra no 2027.
No ano 2023 non acadastes a alcaldía por menos de 50 votos. Que expectativas tedes para as vindeiras eleccións do 27?
Chegar a alcaldía claramente.
Salvaterra necesita un cambio?
Si, son moitos anos do modelo do PP, penso que este está esgotado, polo que me traslada a cidadanía cando me para pola rúa.
As relacións co BNG seguen sendo boas?
Si.
No caso no que se dera a situación de que os vosos votos e os seus sumasen a maioría do pleno, fora quen fora dos dous o partido máis votado, chegariades a un acordo para construír un goberno en conxunto en base a un programa de consenso?
Pola nosa parte hai predisposición para facelo, e penso que pola súa parte tamén.
