O pasado domingo 7 de xuño no campo municipal do Meixoeiro o Club Deportivo Nieto, equipo de fútbol da zona de Lavadores en Vigo, celebrou o seu 90 aniversario. O acto foi especialmente emotivo, pois alén de celebrar algo tan significativo como cumprir 9 décadas de existencia serviu para descubrir unha placa en homenaxe a Enrique Fernández, un dos seus directivos recentemente falecido, que dedicou 65 anos da súa vida a traballar incansablemente para que o club puidese seguir existindo.

A existencia prolongada no tempo deste tipo de proxectos sería unha absoluta quimera de non existir figuras como Enrique, cuxo traballo altruísta, permanente e inacabable fai posible que todo poida seguir existindo con normalidade. A homenaxe que o club lle rendeu foi xa que logo absolutamente merecida, e consistiu en descubrir unha placa de recordo á súa persoa que foi presentada polo alcalde da cidade Abel Caballero en compañía do ferrolán Pablo Prieto, presidente de Federación Galega de Fútbo,l e de Manel e Eduardo, irmáns do finado Enrique.

O acto rematou cun obsequio sorpresa a Agustín, o actual presidente, que leva camiño de acabar sendo unha figura tan importante como Enrique, e coa chamada do directivo que conduciu o evento a botar unha man entre todos para poder escribir un libro sobre a historia do club que se poida publicar en coincidencia coa celebración dos 100 anos do equipo. O alcalde, recolleu a luva e manifestou que o libro era cousa do Concello, e que de agardar 10 anos nada, que habería que facelo para o próximo ano.

Parabéns ao Nieto polos 90 anos de Vida e a todos os equipos deportivos de base que lle proporcionan aos mozos e ás mozas unha oportunidade para gozar do seu tempo de lecer.