Anxo Iglesias Covelo. Membro da xunta directiva da A.V. de Teis.

Neste ano 2026, cumpríronse 50 anos (1976-2026) da fundación da Asociación Veciñal de Teis, feito destacado na historia recente de Teis, tendo en conta o importante labor realizado ao longo destas cinco décadas.

Non menos importante é sinalar o momento no que nace a Asociación Veciñal de Teis, nos anos setenta do século XX, no final da ditadura franquista e da loita pola democracia. Nese clima político e social (1975-1976) xorden en Vigo as asociacións veciñais, que encabezarán as demandas sociais e denuncian a falta de servizos nos barrios e parroquias, daquela esquecidos polas administracións.

A primeira das loitas da Asociación como tal foron as concentracións convocadas en xullo de 1977, para denunciar os danos ocasionados polas obras de construción da autoestrada AP9, pois estas obras dividían a parroquia e pagábanlle á veciñanza polos seus terreos cantidades ridículas.

Xa no ano 1980 debemos destacar as mobilizacións para reivindicar o semáforos na encrucillada dos Caños, nunha destas concentracións a policía carga contra a veciñanza, pero finalmente conséguese que o Concello instale os semáforos.

Desde o comezo da Asociación, pero especialmente nos anos 80 e parte dos anos 90, unha das reivindicacións máis importantes da Asociación é a necesidade de dotar a toda a parroquia dunha rede de saneamento e isto supón a convocatoria de varias mobilizacións.

Unhas das loitas máis importantes da Asociación ao longo destes 50 anos, foi en 1984 reivindicar o traslado dos depósitos da Campsa en Guixar, debido á ameaza que supoñía para a veciñanza. A Asociación, durante varios anos realiza unha ambiciosa campaña ( asembleas, recollida de sinaturas, festival na carballeira, murais, …) e finalmente no ano 1991 conséguese que se asine un convenio entre o Concello de Vigo e a Campsa, para trasladar estes depósitos para uns terreos en Puxeiros.

Desde o ano 2000, diante da degradación do noso litoral e de varios proxectos que promove a Autoridade Portuaria de Vigo ( porto deportivo da Lagoa e da Cacharela e a ampliación do estaleiro Montenegro en Ríos), a Asociación desenvolve unha campaña en diferentes frontes contra estes proxectos e pola recuperación do litoral que se prolongaría até o ano 2005, coa celebración de asembleas, concentracións actos de limpeza nas praias de Ríos e A Lagoa, intervención no pleno municipal,….

As agresións ao litoral de Teis desde había décadas pola actividade portuaria e estes proxectos agresivos que pretendían estragar e deteriorar aínda máis o pouco litoral de Teis, motivaron que se organizará a III marcha contras as agresións á ría, convocada pola plataforma pola defensa da Ría de Vigo “ Cíes” que partiu de Teis.

Desde a saída dos militares dos terreos da ETEA en 2002, levamos unha intensa actividade para lograr a recuperación destes terreos para a veciñanza de Teis e denunciar o seu abandono, coa convocatoria de varias manifestacións.

Neste breve artigo citei algunha das loitas máis importantes da Asociación, pero hai moitas outras, que non quero esquecer e que tamén foron importantes ( a autoestrada Rande-Puxeiros, problemas coas drogas, o PXOM, o trazado do AVE, centro cívico, autobús ao hospital Alvaro Cunqueiro, a falta de persoal no centro de saúde,… )

Non podemos esquecer a firme decisión da Asociación na recuperación e divulgación da nosa historia, coa edición no ano 2000 dun libro sobre a Sociedade de Agricultores de Teis, no 2001 da inauguración do monumento no parque onde estaba o antigo local da histórica sociedade, a inauguración en 2008 dun monólito no parque da Guía, no lugar onde foron asasinados Ángela Iglesias e José Niebla en 1938 ou edición de 3 libros de fotografía de Teis.

Nestes últimos anos, temos que citar as mobilizacións para demandar do Concello de Vigo a reforma da piscina municipal logo do incendio sufrido hai 4 anos ou a construción dunha biblioteca para Teis ( sala de lectura que pretende Abel Caballero), ambos proxectos que sen a mobilización estarían a día de hoxe parados.

Ao longo destes 50 anos, se algo caracterizou a Asociación Veciñal de Teis, foron dúas cousas: a mobilización, como forma de loita para conseguir melloras para Teis e a independencia na acción diante de calquera administración.

Por último, debemos recoñecer o labor desinteresado de todos aqueles veciños/as que formaron parte das diferentes xuntas directivas da Asociación ao longo destes 50 anos, que dedicaron moitas horas do seu tempo para construír o que hoxe é a Asociación Veciñal de Teis, unha das máis antigas da cidade e un referente do movemento veciñal de Vigo.