Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Levamos días, meses, anos e uns imprevisibles calendarios sen saber xa canto tempo de guerras e convulsións sociais restan no mundo. Alá polo espazo da distancia, no lonxe, si, pero que xa afectan ao enteiro deste planeta. Nesa onda expansiva tamén estamos incluídos nós que, de momento, miramos desde o abrigo borroso da néboa, sen que nos miren moito, agachados no silencio diante destas guerras sen sentido que os que as promoven fan con todo o sentido de cambiar o poder de sitio e facerse con el a toda costa.

Diante están un tal Trump e outro tal Netanyhahu, ambos desencadeando a maior conflitividade que se acorda. Capaces de imaxinarse nesta volta e neste mundo no que tamén nós estamos un mundo ardendo no seu propio lume, nas nosas propias cinzas. Pero é que non aprendemos? Seguiremos envellecendo, entre lamentos, sen facer nada para que non se repitan as monstruosidades?

Outros non asoman tanto pero están na movida e resultan ser animadores do tango, desta perversión feita de crimes. Morte e destrución, mágoa e derrota. Derrota, porque sempre a guerra é unha derrota e cada derrota é unha perda, unha desgraza, desastre, fracaso, revés. Morte porque é un vencemento onde comen os voitres e sacan beneficio os raspiñeiros. Morte porque eses sinónimos son os que nos fan pensar, á marxe de tanto egoísmos e de tanta ansia de poder, de tanto dominio que é o que procuran para que todos obedezamos os seus caprichos, os caprichos -neste caso- de descerebrados que xa causaron un inmenso dano e aos que se lle sumarán outros máis pérfidos aínda, onde serán eles os beneficiarios do crime. Morte e derrota tamén, porque calquera guerra supón o triunfo da sen-razón, dos medos, da falta de intelixencia e entendemento para chegar a acordos, moito antes de coller unha arma sequera, moito antes de dispoñer das vidas alleas.

Esas persoas que nomeei son capaces de destruír e matar todo o que se lles poña diante, só precisan unha neurona tola e deciden de súpeto abrasar aquela parte do horizonte. Causan morte e mais morte, fano por interese, claro. Morte por interese -o seu- e porque ninguén lles leve a contraria. Morte facendo abuso de poder e, como xa pasou noutras, segundo a historia conta, serán lembrados polos seus crimes á humanidade. Morte porque omitiron e non fan caso da Lei nin do dereito, sinalan e disparan. Se queren, nin avisan. Morte porque aprópianse do alleo, rompen fronteiras, ameazan e negocian á baixa para gañar sempre. Morte por levantar conflitos onde non había, polo menos tantos, contenciosos, actitudes broucounas e ostentosas, presumidas, golpes demoledores, mortos, desprazados. E o que é peor: non saben cara a onde van. Mortes mentres se moven dando bandazos e a estender conflitos involucrando países que nada tiñan que ver, búscanlles opositores, bloquean pasos e executan a represión e os prezos dos elementos máis básicos para a sobre-vivencia, e así sumar vítimas. Antes de nada, morte para enfrontarse a todos, sempre desde a avantaxe dramática do poder que teñen destruíndo todo, vidas e vivendas, expulsando aos lexítimos donos, destruíndo as economías do mundo e pervertendo as relacións internacionais. Morte e máis morte, e mentres tanto xa preparan novas guerras e buscan novos inimigos nese andazo de represión internacional e de sancións, de bloqueos que anuncia xa a fame e a desgraza. Despois chegan eles e reparan, salvadores do dano que previamente causaron.

E o peor non é so iso, senón que xa teñen seguidores servís nos arredores. Xentes sen escrúpulos que xa avalan eses procedementos e que poñen por diante a salvagarda do valores que, xa noutrora, non foran válidos nin resolveran os problemas que tiñamos. Volvemos entón cara atrás? Será que perdemos o tren, perdemos o horizonte, perdemos a xustiza, perdemos a verdade? Quizais sexas todo iso, e ademais que esquecemos moi axiña e non quixemos lembrar o acontecido proximamente, aquela enorme lección do pasado próximo que aínda ecoa, nas cunetas, nos muros dos cemiterios, nos silencios das silveiras. Ese pasado que ninguén quere asumir e que, á súa vez, tantas mortes e dores custou?.