Non foi ata os Xogos Olímpicos de París do 1990 que se creou a categoría feminina na que as mulleres podían competir en certas disciplinas “aceptables” para o xénero feminino, coma o tenis ou a hípica. A segregación por sexos no deporte non é un capricho das feministas, senón que se establece para garantir a equidade nas competicións e a integridade das deportistas, especialmente nos deportes de contacto como o boxeo ou as artes marciais. Desta maneira, lógrase compensar as diferenzas biolóxicas que situarían ás mulleres en desvantaxe con respecto dos homes, quen polo xeral posúen unha maior forza, capacidade pulmonar e masa pulmonar, entre outras características.
É por isto que as abolicionistas nos sorprendemos ao presenciar a indignación do sector queer ante recente decisión adoptada polo Comité Olímpico Internacional (COI) de impedir que as persoas que pasasen pola puberdade masculina compitan en categorías femininas. Esta restrición está dirixida en concreto ás mulleres trans e ás persoas con desenvolvemento sexual diferente (DSD), quen combinan características sexuais femininas e masculinas. A partir de 2028, as atletas serán sometidas a probas para as que deberán obter un resultado negativo para o xene SRY. Este xene, ao localizarse no cromosoma Y, é o responsable do desenvolvemento dos caracteres sexuais masculinos no embrión. Estas medidas aplicaranse a nivel mundial e a única excepción será o caso das persoas que padecen o síndrome da insensibilidade completa aos andróxenos (CAIS), o cal impide que pasen a pubertade masculina.
Nos últimos anos, presenciamos casos cando menos cuestionables de atletas masculinos que aseguraban ser mulleres trans e, en consecuencia, esixían competir na categoría feminina. Un dos máis soados foi o do nadador estadounidense autodemominado Lia Thomas, que competiu na categoría feminina universitaria despois de ter participado previamente na masculina. A súa vitoria no campionato nacional da National Collegiate Athletic Association (NCAA) xerou unha intensa controversia e levou a numerosas deportistas a cuestionar se as regras vixentes garantían unha competición xusta: as autoidentificadas mulleres trans estaban a monopolizar os premios femininos. Ademais, as queixas das atletas por feitos como o seren forzadas a compartir vestiarios con homes biolóxicos (véxase o caso de Lia Thomas) foron tachadas de transfobia e a súa preocupación interpretouse como un comportamento incompatible cos valores do deporte, o cal supuña unha afronta contra os dereitos das persoas trans. Ante o repunte das protestas, federacións como World Athletics, World Aquatics ou a Unión Ciclista Internacional xa non puideron ignorar máis esta situación que, entre outros aspectos, para moitas mulleres podía conlevar a fin da súa carreira. Decidiron endurecer as súas normas a partir de 2022 e 2023, restrinxindo a participación de atletas que pasaran pola puberdade masculina nas categorías femininas de élite.
Actualmente, atopámonos inmersas nunha estendida e sorprendente controversia. Mentres que afirman ser feministas, os sectores queer loitan pola inclusión das “mulleres” trans mesmo en ámbitos que poden danar a saúde física das mulleres. A isto chamámoslle inclusión e progresismo? A súa manipulación descarada da realidade chega a extremos como negar os efectos da puberdade masculina no corpo dos homes e esixir que a estas persoas se lles permita competir contra mulleres. Este caso non é unha excepción, senón que a retórica queer segue avanzando na súa burbulla de igualdade selectiva e dogmatismo, mesmo se o mundo se move no sentido contrario. E as mulleres, nesta ocasión, parece que non estamos na súa axenda.

