A invasión padecida este verán debería facer saltar todas as alertas e porén volve ser a cidadanía a que ten que saír á rúa para defender o territorio fronte á unha nova mostra de pasividade da administración. É máis, hai medidas gobernamentais que supoñen un efecto chamada en lugar de poñer trabas á entrada sen control que vivimos nas últimas semanas e que provocaron a saturación dos servizos públicos, -sobre todo da Sanidade, con recursos cada vez máis limitados- e ata das nosas rúas. Hai quen di que a súa chegada é un motor de impulso ao crecemento económico, pero non falan da outra moeda, das consecuencias negativas que traen consigo, e que van desde a ocupación de vivendas ata a imposición á poboación local da súa relixiosidade.
Falo, por suposto, do turismo masivo que unha vez máis se amoreou nas nosas costas e en cidades emblemáticas como Santiago de Compostela. Xa sei que a maioría do turisteo é boa xente, non quero que se lea isto como unha crítica persoal, pero si a un modelo masificado que está traendo ao país consecuencias ben negativas: as mellores rúas das zonas turísticas ven como se incrementa o prezo dos alugueres ata facelos prohibitivos para a poboación local a costa de destinar os mellores edificios a pisos turísticos, e máis vale ter a man unha tenda de campaña -esa que será o máis parecido a unha vivenda ao que pode aspirar a nosa mocidade- se queres aturar no verán as colas de supermercados e prazas de abastos ou agardar ata conseguir sentar nunha mesa dese café ao que levas indo todo o ano.
Xa sei, xa sei que todo isto xera riqueza mais se vives en comarcas especialmente saturadas, como a do Salnés, o aumento do PIB sáeche da pel, que como te poñas mal en agosto xa podes agardar pola ambulancia medicalizada, pois aínda hai clases e non vai estar atendéndote a ti, morta de fame, podendo pasarlle algo á xente VIP que vai a Sanxenxo, ou ao mesmiño rei emérito. E non che digo nada se es de Santiago, aí poste malo fixo se tes o infortunio de vivir no casco histórico e tes que aturar día e noite o alabaréalabaréalabaréamiseñor a berros. Iso si que é impoñer a relixión, e o demais son contos. E fai algo a administración ante ese proceder digno de ser incluído nos tratados antitortura? Todo o contrario: Efecto chamada clarísimo do Xacobeo, e veña a peregrinar xente, centos e centos durante todo o ano. Imos ter que facer quedadas culinarias no Obradoiro, como fan nas Baleares, para ver se así recuperamos o espazo, aínda que eu, a verdade, non son nada fan desa máxima de que só o pobo salva o pobo…
Miren, se non, o que está a pasar en Ceuta. Esa invasión é moito peor que a nosa, é ben certo. Non sei que faría eu se á miña vila chegaran esas hordas de xente sen escrúpulos para arrasar a praia da miña infancia. Refírome, por suposto, aos reaccionarios que invadiron a cidade autónoma para plantar lume ás poucas pertenzas que tiña a poboación inmigrante, zarandear xornalistas, berrar insultos contra o presidente de goberno e -que teima, coño- tamén contra a súa nai, todo iso adobiado, por suposto, coa rojigualda, que non pode faltar cando de reprimir se trata. Isto é moi serio. Preguntabámonos sempre como era posíbel o do gheto de Varsovia ou mesmo, máis preto de nós, a queima de libros no agosto coruñés do 36, e voilá, aquí o temos: deshumanízase un colectivo como se fose distinto a nós, convértese en inimigo, avívase o medo, e xa hai barra libre para cometer calquera atropelo. O máis grave non son estes tarados violentos (a maioría de fóra de Ceuta), o máis grave é que a voceira no Estado do principal partido da oposición xustifícao nun enfado lexítimo da poboación, mentres un deputado -ollo, deputado- do seu socio de goberno en tantas comunidades, chama directamente a caza do inmigrante -pam, pam, pam- como se fosen coellos.
En serio que ninguén vai facer nada? Comparto a indignación ante a pasividade do goberno do Estado, sobre todo ante este atentado á democracia e á humanidade. Non podo crer que os policías fiquen impasíbeis ante a chamada de socorro de xornalistas increpados e empurrados mentres fan o seu traballo. Crúzanse de brazos ante os ultras de Ceuta, cando só uns días antes batían no chan un mozo que portaba unha bandeira -que non era española, claro- ou lesionaban gravemente unha mestra por pedir melloras para o ensino público. De verdade que non o podo crer. Se isto pasa cun Ministerio de Interior supostamente socialista, que vai pasar cando goberne unha coalición de dereita e ultradereita?
Sospeito que cando iso pase -se os demócratas e as demócratas non podemos evitalo-, deixarán de coarse pola fronteira de Marrocos setenta mil persoas nun só día, e non terá que vivir a veciñanza de Ceuta, nin a de Melilla, situacións extremas como as destes días. Non facía falla ser experta en dereito internacional para saber que detrás estaba Marrocos, e ata para visualizar o aviso que USA e Israel están mandando a este goberno pro Palestina que, porén, xa vendeu o Sáhara para intentar evitar unha situación como a que, á fin, se viviu na fronteira a finais de xullo. A situación tivo -ten- que ser moi dura para a veciñanza, son consciente, e por iso paréceme aínda máis destacábel poñer no foco as ceutís que lle deron de comer ás persoas inmigrantes, os ceutís que fixeron quendas para protexer as nenas que durmiron durante días sen teito, mesmo as asociacións que desconvocaron protestas cando os reaccionarios quixeron portar a bandeira da vindicación, e apartar así da miña mente a quen nin sequera deixou pasar á Cruz Vermella para levar auga e alimento a quen non tiña nada. A todos eses musculados de bandeira que tanto berran yosoyespañolespañolespañol cambiáballos eu a Marruecos pola liberdade do Sáhara. Con Aznar de agasallo.


