A Xunta pecha a EEI da parroquia viguesa de Zamáns
As distintas administracións teñen a obriga de dotar a todas as zonas que administran de servizos suficientes e dignos para que as persoas poidan desenvolver, se así o desexan, un proxecto vital persoal alí onde son naturais. Galicia é un país que historicamente leva padecido a peste da emigración desde a noite dos tempos. Ao longo da historia, xeracións de mulleres e homes tiveron que marcharse do lugar onde naceron, no que experimentaron as súas primeiras experiencias vitais, no que riron, choraron, sufriron e amaron por primeira vez, non porque sexamos un pobo especialmente viaxeiro, senón porque decisións políticas que toman outros fan que a moitas mozas e mozos non lles quede outra que emigrar para poder sobrevivir. Cando Rosalía cantaba aquelo de “ Adiós ríos adiós fontes, Adiós regatos pequenos, Adiós vista dos meus ollos, non sei cando nos veremos” non foi porque tivera un momento de especial intensidade intimista relacionado cunha despedida, foi porque estaba describindo a triste realidade deste país; sendo potencialmente ricos como somos, en moitas ocasións non queda outro remedio que marchar porque non temos servizos suficientemente dignos ao noso carón. O rural galego é un paradigma especialmente grave desta situación e a nefasta política educativa da Xunta que, cal moderno Atila, pecha colexios ao longo e ancho de toda a xeografía de Galicia non fai máis que dificultar que as mulleres e homes que queiran vivir no rural poidan facelo. Dicía o presidente Feijoo, a comezos desta lexislatura, que esta sería a do rural, se cadra esqueceu dicir que sería a do desmantelamento do rural.
Non sei exactamente cantos anos de vida ten a escola de Zamáns, pero demos unha volta pola parroquia e preguntamos a distintas persoas que andan polas 8 décadas, e as versións son coincidentes en atribuírlle entre 65-70 anos de vida. Seica todo comezou hai arredor de 70 anos, cun incendio que destruíu por completo o antigo colexio, situado nos baixos do que é o actual centro cultural. O concello mercou entón o que era unha vivenda familiar particular, e desde aquela, de maneira ininterrompida ata hoxe, foi a escola da parroquia. Tres xeracións pasaron xa polas súas aulas; avós fillos e netos de Zamáns aprenderon as súas primeiras letras e experimentaron os seus primeiros xogos colectivos no interior das vellas pedras da unitaria hoxe pechada. Foi escola de educación infantil e primaria, chegou a dar acubillo a ducias e ducias de nenas e nenos, non hai moito tempo 19 crianzas eran alumnas e alumnos desa escola, e nos últimos anos unha media de 9 alumnos e alumnas estudaban alí. De feito no curso 2.018-2.019 atendeu a esta cantidade de nenas e nenos, só no curso que comezará no vindeiro mes de setembro baixarían as e os matriculados do número mínimo de 6 que esixe a norma para manter unha unitaria aberta, pois son 5 os matriculados. A Xunta, de maneira inmediata comunicou o seu peche sen dar segundas oportunidades, e por aforrar unha cantidade ínfima de arredor de 1.000€ de dotación de material que é o gasto que lle dá esa escola á administración autonómica, pecha a escola. No momento presente só unha profesora presta os seus servizos na unitaria de Zamáns, ao ser un centro de ensino público, supomos que será funcionaria xa que logo a Consellería terá que proporcionarlle un novo destino, e considerando que o edificio é de propiedade municipal e o seu mantemento corre pola conta do concello, só o aforro da ridícula cantidade de dotación que achega a Xunta fai que 70 anos de historia colectiva, de lembranzas e sentimentos de tres xeracións de vigueses e viguesas de Zamáns sexan guindados á papeleira, como un vulgar obxecto de usar e tirar pola Xunta de Galicia.