O programa de festas de Ponte Caldelas convértese na Constitución Caldeñola
A “Carta Magna” ofrece obrigas e dereitos para gozar das máis de 80 actividades que se celebrarán ás beiras do Verdugo
O programa de man das festas de Ponte Caldelas, que chega este ano disfrazado de Constitución Caldeñola ofrece máis de 80 actividades para gozar das festas da Vila do Verdugo. Un extenso calendario que arrancou o pasado día 15 deste mes de xuño co Entroido de Verán e prolóngase ata principios de setembro coa andaina.
O Goberno local socialista volve apostar por unha presentación creativa do programa para non deixar indiferente a ninguén. A iniciativa de disfrazar o programa de man das festas aproveitando a oportunidade que brinda o singular Entroido de Verán comezou hai tres anos co Dinamical forte, continuou o ano pasado co Códice Caldelino e este ano convértese nunha lei de leis.
A Constitución Caldeñola de 2019, sublíñase na presentación do programa, “é a norma suprema e fundamental para gozar das festas de Ponte Caldelas” e consagra como deberes achegarse aos atractivos da localidade, comprobar o carácter aberto das súas xentes e participar no máximo número de actividades posible. No seu Preámbulo destaca que o pobo caldelán, “desexando establecer o lelcer, a liberdade pr enchelo tempo libre con actividades de calidade e a soberanía para programar as súas Festas, proclama a súa vontade de facer o posible para que Ponte Caldelas non só estea de moda, senón que o siga estando moitos anos máis”.
Esta singular Carta Magna, que contén un índice dividido en 10 títulos e se remata coas súas disposicións adicionais, transitorias e derrogatoria, inclúe epígrafes específicos para a Festa Gastronómica do Emigrante (do venres, 12 de xullo, ao domingo, 14 de xullo) e para as Festas das Dores (do 23 ao 27 de agosto).
O programa inclúe as actuacións da orquestra SonDeSeu, o festival Caldelas Xoven (cun cartel que encabeza Famous, gañador de Operación Triunfo), Olympus e El Combo Dominicano. Hai tamén unha Holi Party, un feixe de propostas para os máis cativos e un protagonismo especial para a cultura, coa programación teatral por bandeira.
O Códice Caldelino terá unha tirada de 10.000 exemplares porque está pensado para ser repartido non só por Ponte Caldelas, senón tamén por oficinas de turismo e establecementos hoteleiros das cidades próximas. A gran aceptación que nos dous anos anteriores fai pensar que se acabará esgotándose.
O Goberno de Ponte Caldelas volve tamén incluír a listaxe completa dos establecementos comerciais locais agrupados na asociación Coempo, partindo da idea de que os comerciantes e o Concello sempre deben ir da man na promoción turística do municipio.
A Festa Gastronómica do Emigrante baixa o telón superando os 20.000 pratos vendidos
O evento gastronómico converteuse nunha cita que atrae a un público chegado dende toda Galicia
A Festa Gastronómica do Emigrante pechou hoxe domingo en Ponte Caldelas, cuns resultados que superaron tódalas expectativas. Ao longo da fin de semana vendéronse máis de 20.000 pratos, segundo o reconto preliminar, superando así as cifras do ano pasado. O impacto económico superou os 100.000 euros.
O evento, que reproduce a comida internacional dos países vinculados coa emigración caldelá, ofreceu un total de 12 pratos representativos destas gastronomías ao prezo promocional de 5 euros con bebida incluída. Ademais diso, os asistentes tiveron a ocasión de gozar dunha variedade de especialidades.
O Goberno local caldelá subliña a satisfacción non só do público asistente, senón tamén dos restaurantes participantes, que trouxeron ata a Alameda caldelá os sabores da comida brasileira, mexicana, italiana, estadounidense, uruguaia e, por suposto, tamén a española e a galega. Ademais, ofreceuse a posibilidade de gozar de sabrosas empanadas, postres e tamén bebidas como mojitos ou caipiriñas.
A animación musical foi outro dos alicientes deste evento, dado que contou con batukada brasileira, charanga galega e, como prato forte, o mariachi de Leonardo Flores, que fixo as delicias dos comensais durante á noite do sábado.
O alcalde, Andrés Díaz, subliñou o esforzo organizativo do Concello, que colocou 1.250 cadeiras co obxectivo de que todo o mundo poida gozar comodamente dunha festa gastronómica que, a cada ano que pasa, atrae máis visitantes.