Festa da langosta de A Guarda

A Festa da langosta e da cociña mariñeira da Guarda A Nova Peneira

Os Meninos pecharon 3 días de festa na Guarda entorno á Langosta e á Cociña Mariñeira

A Guarda acolleu esta fin de semana a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, un evento gastronómico que congrega a milleiros de persoas no Porto da Guarda e no que se degustaron ademais moitos pratos da Cociña Mariñeira. En canto ao aspecto gastronómico, a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira contou con 24 pratos da Cociña Mariñeira encabezados pola Langosta, que tiña un prezo de 25€.

Contouse ademais con outros pratos como percebes, calamares, croquetas, empanadas, navallas, polbo, entre outros. Para a sobremesa un postre especial, a Rosca de Xema, acompañada tamén dos bos caldos da D.O Rías Baixas.

A xornada do domingo da XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira arrancaba coa amenización musical do grupo O Trebón dos Xidos e posterior pasarrúas musical para nenos coa gamela guardesa.

Cara ao mediodía continuaba a xornada cun concerto acústico do grupo Awen e os comensais comezaban a encher por terceiro día a carpa habilitada no Porto para a ocasión.

Pola tarde houbo nesta xornada inchables acuáticos para os máis cativos, congregando a máis dun cento de rapaces e rapazas.

Tamén pola tarde celebrouse unha actuación infantil de Pako Pakolas co seu espectáculo «Contos, Cores e Rock´n´roll».

E xa para pechar esta XXIX edición, e como ven sendo habitual, celebrouse unha noite de fados coa actuación de Os Meninos, tradición e modernidade no mundo da música portuguesa.

A XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira puxo o seu punto final a unha nova edición cargada de actividades e, sobre todo, boa gastronomía que propiciou unha excelente acollida de comensais, provenientes de toda a península, que non quixeron deixar pasar esta oportunidade para degustar os 24 pratos ofertados.

Segundo datos recollidos dos restauradores participantes, en total servíronse preto de 500kg de langosta nos 3 días de duración desta edición, destacando a masiva afluencia de comensais o que provocou que se superaran novamente as previsións e se esgotasen moitos dos 24 pratos ofertados.

A Guarda despide a XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña coma un evento plenamente consolidado, dando xa a benvida tamén ao XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebra do 11 ao 14 de xullo. Precisamente este mediodía facían a súa chegada boa parte das embarcacións que participan neste encontro, nun convoi que partiu dende as Illas Cíes, despois de navegar dende diferentes puntos da xeografía galega.