O BNG lembra ao PSOE que precisa o seu voto para acadar a Alcaldía

Logotipo BNG

Queremos o mellor acordo para os veciños e veciñas de Forcarei e hai moitas cousas que cambiar

Forcarei, 3 de xuño de 2023

A asemblea local do BNG en Forcarei valorou positivamente o resultado lectoral que permite manter a presencia nacionalista na corporación forcareiesa. Roberto Jorge Correa, actual portavoz, destacou a importancia de manter a representación do Bloque e reafirmouse “no compromiso cos veciños e veciñas mais lembrou ao PSOE que a Alcaldía depende do voto do bloque e que hai achegar posturas e amosar unha clara intención de cambio se queren o noso voto”.

A asemblea local do BNG amósase disposta a iniciar conversas co PSOE co fin de conformar un goberno forte, cunha maioría progresista, mais lembrando que hai moitas cousas que cambiar na forma de facer política. A posición do BNG a respecto da configuración dunha nova maioría de goberno esixe un compromiso por parte do PSOE para abrir unha nova etapa baseada no diálogo e na transparencia poñendo sempre por diante os intereses dos veciños e das veciñas de Forcarei.

O escenario que xurde destas eleccións cun PP preto da maioría absoluta deixa unha mensaxe clara, precisamos outra forma de facer política e o BNG ten a man tendida a un acordo de goberno que dea estabilidade ao goberno municipal.