Análise de resultados nas municipais do 28M

28 M Eleccións
Alma López e Tino Lago

Neste traballo ofrecémoslle unha análise dos resultados electorais das pasadas municipais. A continuación veremos a situación global actual, comparada coas dos tres últimos procesos electorais , das tres principais forzas políticas do noso país. O PP gaña as eleccións con solvencia. Suma 130.000 votos máis que o PSOE e 300.000 máis que o BNG. A penetración dos populares é aínda moi poderosa e cómpre traballar arreo para poder disputarlle con posibilidades de éxito a hexemonía social. Recupera parte dos apoios que viña perdendo desde o 2011, cando os seus votos eran superiores á suma dos do PSOE e do BNG, e a devandita recuperación é moi preocupante aínda que a suma de votos dos socialistas e dos nacionalistas segue a superar en máis de 100.000 aos que obteñen os populares. En relación ao nacionalismo a lectura global é moi positiva: 54.000 votos e 134 concelleiros e concelleiras máis que hai catro anos só se pode cualificar como un moi bo resultado. Xa está en niveis previos a Amio o que sen dúbida é unha moi boa nova.. Porén alén de luces moi importantes, como por exemplo a alcaldía de Santiago que vai ter unha soberbia alcaldesa na persoa da escritora Goretti Sanmartín,ou as vitorias en Cangas e Soutomaior, tamén houbo sombras significativas como as perdas de Rianxo, Ribadeo ou as 3 alcaldías do Condado: Ponteareas , As Neves e Mondariz. Para o BNG non queda outra que seguir batendo unha e mil veces nas conciencias e nos corazóns das persoas .En Xullo terán unha nova oportunidade de incrementar substancialmente a súa presenza no parlamento do estado, e no 2024 de facer a Ana Pontón presidenta da Xunta. Se puido ser na capital de Galicia, tamén será posible algún día no país enteiro.

O País Galego

2023 CONCELLEIROS/AS VOTOS PORCENTAXES

PP 1765 554.112 38.45%

PSOE 1010 420.377 29.17%

BNG 590 248.676 17.25%

2019 CONCELLEIROS/AS VOTOS PORCENTAXES

PP 1632 504.521 33.39%

PSOE 1181 496.379 32.85%

BNG 456 194.365 12.86%

2015 CONCELLEIROS/AS VOTOS PORCENTAXES

PP 1753 528.954 35.73%

PSOE 1038 390.064 26.35%

BNG 468 190.158 12.84%

2011 CONCELLEIROS/AS VOTOS PORCENTAXES

PP 1998 710.192 44.85%

PSOE 981 411.389 25.98%

BNG 589 261.466 16.51%

Área de influencia de A Nova Peneira

E agora imos coa análise, un por un, dos 34 concellos da nosa área de influencia

Tino Lago

COMARCA: O MORRAZO

Concello de Vilaboa

Corporación actualCorporación 2019
PSOE 76
PP 54
BNG 13

Análise

A previsible baixada do BNG, cuxa saída do goberno bipartito non foi entendida pola veciñanza e que perdeu ao seu principal activo co abandono de Ornela Fernández, repártena a medias o PSOE e o PP que soben unha acta cada un. Este era un concello no que a dereita tiña depositadas as súas esperanzas, de feito a presentación dos candidatos e candidatas populares da provincia fixérona en Vilaboa, pero non foron quen de desbancar ao goberno socialista que repetirá e cunha situación aritmética máis cómoda, pois acadan a máxica cifra de 7 actas e gobernarán con maioría absoluta. O alcalde será de novo o socialista César Poza.

Concello de Moaña

Corporación actualCorporación 2019
BNG 107
PP 66
PSOE 13
XM 01

Análise

Demoledora vitoria do BNG da brillante alcaldesa Leticia Santos que acada , malia a oposición trapalleira e chafallas da dereita local e o desleixo da Xunta, unha comodísima maioría absoluta que lle permitirá gobernar en solitario e con comodidade. É xusto destacar o grande traballo que no mandato anterior realizaran os socios de goberno do PSOE. De feito Leticia sinalou en ocasións a comodidade que lle supuxo traballar con Marta Freire, a anterior voceira municipal dos socialistas de Moaña. A alcaldesa será de novo, e será con toda probabilidade ata que ela queira selo, a nacionalista Leticia Santos do BNG.

Concello de Cangas

Corporación actualCorporación 2019
PP 107
BNG 63
PSOE 34
AV 10
EU 10
ACE 04
AVANTE 03

Análise

Pouco faltou en Cangas para que a tolemia fratricida do antigo espazo ACE lle dera a alcaldía á dereita, que novamente lideraba Jose Enrique Sotelo. Afortunadamente os números non foron suficientes, e con toda probabilidade Araceli Gestido do BNG será a nova alcaldesa, como resultado dun pacto a catro que debe incluír ao PSOE a Esquerda Unida e a AV da ex alcaldesa Vitoria Portas. Non será fácil , son bastantes actores que terán que facer o necesario para entenderse, pero terá que ser , non queda outra. No caso contrario a alternativa sería terrible: o infausto Sotelo alcalde de Cangas de novo. Agardo que a lección deste mandato, de a onde levan as leas internas , quedase clara, e os partidos implicados no futuro goberno de Cangas se comporten coa lealdade e responsabilidade necesarias para construír un goberno que se dedique a traballar en prol do ben común da veciñanza canguesa. Non nos cabe dúbida algunha de que a lucidez, empatía e capacidade de traballo de Araceli contribuirán a levar a bo porto o necesario goberno de progreso para esta vila. A decisión de Avante de non presentarse foi un factor relevante, entendo eu, para asegurar o goberno de esquerdas. E así o recoñecemos valorando de maneira moi positiva a sua xenerosidade e intelixencia política. A nova alcaldesa será Araceli Gestido do BNG

Concello de Bueu

Corporación actualCorporación 2019
BNG 88
PP 76
PSOE 22
ACB 01

Análise

O BNG perde a maioría absoluta e non lle quedará outra que entenderse co PSOE, pero non debe de ter problema en seguir gobernando esta vila. A verdade é que a tendencia do Bloque de Bueu é descendente, pois dunhas maiorías esmagadoras que chegou a gozar vai diminuíndo aos poucos os seus apoios ata a situación actual de vitorias moi axustadas. No ano 2011 por exemplo, o BNG obtivo 4608 votos e 12 actas, mentres que o PP acadou 1798 e 4 asentos. Nas pasadas eleccións só 200 votos separaron a ambas forzas: 2778 para o Bloque e 2593 que confiaron nos populares. A cuestión é saber por que ?, cal é o motivo que explique ese descenso continuo en apoios que sofre a candidatura do alcalde Félix Juncal?. Despois de mergullarnos ata o máis profundo na realidade da vila, despois de preguntar a ducias de veciños e veciñas cremos ter a resposta: O PP leva tempo desenvolvendo unha propaganda moi agresiva que trata de presentar a un goberno cansado e relaxado que se toma a súa responsabilidade con escaso interese. Pero a realidade é que non é así. O goberno de Bueu traballa moito e ben. Entendo que deben tomar nota e contrarrestar a propaganda da dereita con campañas de imaxe, desde xa, para que a veciñanza poida analizar en base aos feitos e non en base ao que só é propaganda .Se é así non deben e ter problemas en conservar este goberno. No caso contrario a tendencia é que no 2027 sexa para o PP. O alcalde será de novo Félix Juncal do BNG

Concello de Marín

Corporación actualCorporación 2019
PP 1215
PSOE 55
BNG 41

Análise

Despois de moito tempo comeza a se albiscar algo de luz en Marín. A sobre representación da que gozaba o PP, resultado da delirante multiplicidade de ofertas que presentou a esquerda marinense nas municipais do 19, acabouse. O PP baixa 3 asentos que recolle o BNG de Lucía Santos, que se sitúa en disposición realista de competir con posibilidades de éxito pola alcaldía nas municipais do 2027. O PSOE mantén un resultado practicamente idéntico ao do 2019 e coa oposición que fan, de moi pouco nivel, non parece posible que poidan agardar unha variación substancial con carácter inmediato. Recollen o voto dos máis fieis, só iso e nada máis que iso. O BNG Sobe 1.100 votos, recibe a maior parte do voto disperso do 19, e se converte sen dúbida na referencia da oposición marinense. Por outra parte o PP de María Ramallo baixa 455 votos. Non é que sexa unha baixada especialmente significativa pero parece indicar unha interesante tendencia descendente. En Marín prodúcese de maneira recorrente un fenómeno curioso : a moi alta abstención. Case 42 puntos de abstención é algo anormalmente alto, e sería desexable que se tratase de comprender os motivos que a impulsan, e traballar para evitalos. A alcaldesa será de novo a popular María Ramallo.

COMARCA: REDONDELA

Concello de Redondela

Corporación actualCorporación 2019
PP 109
PSOE 77
BNG 32
AER 13

Análise

E de novo a vida de Brian, novamente, creo recordar que por cuarta vez, o alcalde ou alcaldesa de Redondela está nas mans de AER. Eles anunciaron que de ningún modo apoiarían nin a reelección da alcaldesa Digna Rivas, nin a Javier Bas. Afirman que queren un goberno de esquerdas e que apoiarán a calquera outro candidato ou candidata proposto polos socialistas, ou no seu caso unha alcaldía do nacionalista Xoan Carlos González. Os nacionalistas xa manifestaron que esta última solución non a ían aceptar, e ao meu xuízo fan ben pois esa non foi a vontade maioritaria da veciñanza de Redondela. Esta é moi clara: Redondela quere un goberno de esquerdas liderado polo Partido Socialista. Os amigos de AER equivócanse. Os seus votos son 858, e con ese volume non se pode pretender condicionar a vontade de 7.521 persoas que son a suma dos votantes do PSOE e do BNG. E por outra parte AER non é ninguén para decidir quen vai ser a candidata ou candidato do Partido Socialista. Iso terano que decidir os seus afiliados e afiliadas. Se de verdade queren un goberno de esquerdas obriga aos socialistas e aos nacionalistas a asinar un programa político de máximos, teñen o goberno nas vosas mans, pois aproveitádeo. Pero a política seria consiste en falar de política non de persoas.

Non apoiar a Digna, de facto supón apoiar a volta de Javier Bas á alcaldía de Redondela. Pois se no pleno de investidura hai empate a 10 votos o alcalde será Javier Bas posto que o PP foi a forza máis votada. Se nos días que faltan ata a investidura non se reconduce a situación poden darse dúas hipóteses:1)Que o PSOE acepte a chantaxe e Digna dea un paso atrás.2) Que non o faga e teñamos de novo ao PP na alcaldía de Redondela. Cando se publiquen estas páxinas xa teremos alcalde ou alcaldesa, non me atrevo a prognosticar cal será o resultado, si a expresar o meu desexo: que a boa xente de AER entre en razón e faga política, non quite nin poña persoas.

Concello de Pazos de Borbén

Corporación actualCorporación 2019
PP 56
AV 43
BNG 10
PSOE 10
CS 02

Análise

Por fin, unha e mil veces por fin, o PP nefasto, cacique , nepotista, vago e ausente que levaba toda a eternidade gobernando este concello perde a maioría absoluta .Entendo que non queda outra que os tres partidos que suman a máxica cifra de 6 actas: AV , BNG e PSOE teñan que se pór de acordo , calquera outra hipótese sería disparatada, e facer ao veciño de Nespereira e líder de Alternativa, Luciano Otero, novo alcalde de Pazos de Borbén. Parabéns á veciñanza de Pazos que, se non se produce ningunha loucura, por fin vai ter un goberno digno, e parabéns tamén ao presunto ex alcalde Andrés Iglesias que xa se verá liberado da molestia de ter que achegarse polo concello de cando en vez. O novo alcalde será Luciano Otero de AV

Concello de Fornelos de Montes

Corporación actualCorporación 2019
PSOE 57
PP 31
BNG 11

Análise

O PSOE de Emiliano Lage mantivo a maioría absoluta con solvencia pois recibe un 58,55% dos votos emitidos. Pero faino con máis dificultades das previstas pois o PP, cunha lista de rapaces e rapazas feita a toda presa, a última hora, e con moitos problemas, acada unha suba máis que notable e a todas luces inesperada. Os populares soben dúas actas e algo máis de 200 votos. O BNG liderado pola veciña de Traspielas Mila Casal mantén o voto que ten e repetirá cunha representante. A vida á ás veces inxusta e a realidade absurda. Se alguén fixo oposición no pasado mandato foi Mila Casal, se alguén estivo nos distintos conflitos foi o Bloque. Pero quen recibe premio é o PP que non fixo nada, absolutamente nada, nin estivo nin está e veremos agora se os seus 3 representantes , xente moi nova e sen experiencia, son quen de baixarse á lama e traballar no día a día .Pois saír na foto sae calquera, pero para traballar na política de base non vale todo o mundo. Só o tempo o pode dicir….O alcalde será de novo Emiliano Lage do PSOE

Concello de Soutomaior

Corporación actualCorporación 2019
BNG 66
PP 67
PSOE 10

Análise

O necesario cambio político chega por fin ao concello de Soutomaior. O BNG que no 2019 quedara ás portas da alcaldía , só 43 votos lle deran a vitoria ao popular Agustín Reguera , gaña desta volta con solvencia e sácalle case 200 sufraxios de vantaxe aos populares. Entra o PSOE na corporación coa edil Verónica Montero, unha moi boa candidata, e o brillante profesor Manu Lourenzo, que terá que dimitir do seu posto de deputado no parlamento galego, será o novo alcalde do seu pobo. Ten moito traballo por diante xa que a desastrosa xestión do PP déixalle unha herdanza moi difícil de xestionar, todos os indicadores económicos de Soutomaior son pésimos. Pero estamos seguros de que o éxito vaino acompañar e Soutomaior ten alcalde para moito tempo. O novo alcalde será Manu Lourenzo do BNG

COMARCA: BAIXO MIÑO

Concello de Tui

Corporación actualCorporación 2019
PSOE 68
PP 63
BNG 42
C21 11
CS 02
EN MAREA 01

Análise

O escenario resultante das eleccións de Maio seméllase un pouco máis a auténtica realidade sociolóxica da sociedade Tudense, pois a esquerda non ten unha maioría tan ampla como puidera parecer da observación dos resultados do 2019. O descenso do PSOE era previsible pois non soubo capitalizar o enorme caudal de apoio que recibiu no mandato anterior e houbo importantes focos de tensión, como por exemplo o aparcadoiro soterrado, que facían prever unha forte caída da lista que lideraba Quico Cabaleiro. Alegrámonos especialmente de que á dereita Tudense non lle deran os números para formar goberno e máis que especialmente da moi relevante suba do BNG que duplica os seus asentos, pasa de 2 a 4 e os seus votos pasa de 1.002 a 2.055. Xa temos comentado nalgunha ocasión que en todos estes anos de camiño polo universo da política galega nunca nos encontramos a ninguén tan brillante , tanto no que se refire ás súas cualidades políticas como ás súas virtudes morais, como a médica Carme Núñez, líder do BNG de Tui. Agora poden darse dúas hipóteses , ambas van rematar da mesma maneira,co socialista Quico Cabaleiro como alcalde de Tui,1) O PSOE e o BNG son capaces de superar as súas malas relacións e constrúen un goberno estable de progreso. Sería a máis lóxica e a desexable.2) O escenario anterior non é posible e o PSOE pacta con C21 e constrúe un goberno en minoría. Non é moi probable, C21 fíxolle unha moción de censura ao propio Quico Cabaleiro no mandato do 2015, e sería un goberno moi débil con 7 de 21.Pero tampouco a desbotemos de todo. O alcalde será de novo Quico Cabaleiro do PSOE

Concello de Tomiño

Corporación actualCorporación 2019
BNG 911
PP 64
PSOE 22

Análise

O BNG de Sandra González conserva a maioría absoluta pero ollo: perde 2 actas que sobe o PP, e baixa 539 votos, mentres que os populares soben de maneira notable pois acadan 883 votos máis que hai 4 anos. Non son capaz de explicar, sen especular, esta situación. Aparentemente en Tomiño non aconteceu nada significativo, este mandato, que fixera prever unha suba tan grande dos populares e unha baixada significativa do BNG. Agardo que desde o goberno se analice con rigor os motivos que puideron orixinar esta situación e sexan capaces de corrixir os erros, se os houbera, que motivaron que o PP poida aspirar a ter posibilidades no 27 nun concello no que de ningún modo debera telas. A alcaldesa será de novo Sandra González do BNG

Concello de Oia

Corporación actualCorporación 2019
PP 66
PSOE 44
BNG 11

Análise

A xustiza e a inxustiza son ás veces conceptos abstractos e intanxibles e ás veces realidades terriblemente concretas. E se hai unha realidade concreta radicalmente inxusta nestas eleccións é o resultado do BNG de Oia. Soben 105 votos e 6 puntos, pois pasan dos 193 e 9% do 2019, a 298 e 15% do 23, pero faltáronlle 28, si só 28, para acadar a segunda acta , a costa do PP que tería perdido a maioría absoluta, e en consecuencia a alcaldía, que conserva por só 28 votos, si só 28. Xuster, o líder dos nacionalistas neste concello traballa como un animal. Semella ter o don da ubicuidade, pois non hai conflito no que non estea nin problema ao que non se achegue para tratar de botar unha man na resolución. Porén un PSOE que só aparece pouco antes das eleccións recibe 380 votos máis( acadou 678) e multiplica por 4 os concelleiros que ten o BNG. Tardará máis ou menos pero se non se desanima Xuster acabará sendo alcalde de Oia con seguridade. A alcaldesa será de novo Cristina Correa do PP

Concello de O Rosal

Corporación actualCorporación 2019
BNG 67
PP 65
PSOE 11

Análise

O BNG perde a maioría absoluta e déixase 200 votos con relación aos resultados obtidos no 2019.Empata en actas co PP que é a forza máis votada por 41 votos. Imaxino que non terá ningún problema en pactar co PSOE, de feito non lle vai quedar máis remedio, e que Anxela Fernández seguirá sendo a alcaldesa desta localidade. Que puido pasar para que acontecese este descenso non previsible? pois nun mandato o BNG non tivo tempo material para ter desgaste . O PP presentaba un bo candidato? Non, rotundamente non. O seu único “mérito “é ser neto dun ex alcalde do Rosal. Fixo algo o BNG que lle fixera merecedor de castigo, non rotundamente non. Pódese dicir que O Rosal é agora un concello moderno , máis xusto e obxectivamente mellor do que o era antes. O problema estivo, ao meu xuízo en que os nacionalistas subestimaron á poderosísima maquinaria do PP que fixo un traballo moi meritorio, nos meses previos, de captación de vontades case casa por casa. Faría ben a militancia do Bloque local en tomar nota e tratar de contrarrestar pois no caso contrario este concello pode pasar de novo, no 27, a mans populares. A alcaldesa será de novo Ánxela Fernández do BNG

Concello de A Guarda

Corporación actualCorporación 2019
PP 86
PSOE 35
BNG 55
CELSO FARIÑAS 11

Análise

A Celso Fariñas seica lle tocou a Lotaría. O PP gobernará en minoría ou pode incluílo no próximo goberno a cambio do seu voto. E claro, o seu voto non vai ser de balde. Atrevémonos a prognosticar que será a cambio dunha concellería de certa relevancia e sobre todo e ante todo a cambio dunha liberación. É especulación, pero case me atrevo a asegurar que acabará sendo realidade. E tamén afirmo que é máis que probable que o PP leve o voto de quen se di unha persoa de esquerdas, pois os populares carecen de escrúpulos para pactar con calquera. Escrúpulos que si parecen ter os nacionalistas que polo que se ve non teñen moito interese en formar goberno co señor Fariñas. O preocupante da realidade política de A Guarda non é o caso de Fariñas, un home que tardará máis ou menos pero acabará por desaparecer da política pois non significa nada, senón que o que perdeu o PSOE apañouno o PP no canto do BNG. Iso é un síntoma inequívoco de que a realidade sempre pode ir a peor e que a penetración sociolóxica da mensaxe da dereita é maior do que parece ser. O novo alcalde supostamente será Roberto Carrero do PP.

COMARCA: TERRAS DE PONTEVEDRA

Concello de Ponte Caldelas

Corporación actualCorporación 2019
PSOE 88
PP 33
BNG 22

Análise

O previsible foi o que aconteceu en Ponte Caldelas: Vitoria esmagadora do Partido Socialista de Andrés Díaz cun resultado idéntico, en número de actas, ao do 2019 pero cunha suba porcentual da lista socialista de case 9 puntos e de cerca de 200 votos. O PP e o Bng manteñen os mesmos asentos que tiñan no mandato anterior, 3 e 2 respectivamente, pero en ambos casos baixan en voto real pois o PP perde 77 sufraxios e o BNG déixase 66.En definitiva ; vitoria incontestable de Andrés Díaz que ve avalada a súa xestión por unha abafadora maioría da sociedade de Ponte Caldelas. O alcalde será de novo Andrés Díaz do PSOE

Concello de Cerdedo-Cotobade

Corporación actualCorporación 2019
PP 109
PSOE 23
BNG 11

Análise

O PP acada unha maioría abafadora neste concello e incluso aumenta un asento máis na corporación pois pasa de 9 a 10, xa que recolle o que perde o PSOE. Porén o aumento da representación prodúcese polo incremento da abstención pois o voto real dos populares é case idéntico ao que acadaron no 19, perden un só voto. En calquera caso a maioría popular neste concello é incontestable. Acadar un 68% dos votos é un resultado extraordinario. Veremos o que acontece cando se esgoten os fondos extra que recibe o concello pola fusión dos antigos Concellos de Cerdedo e de Cotobade. O nacionalismo sobe en apoios, acada 71 votos máis, pero é unha suba insuficiente para medrar en actas. O alcalde será de novo Jorge Cubela do PP

COMARCA: TERRA DE MONTES

Concello de Forcarei

Corporación actualCorporación 2019
PP 55
PSOE 55
BNG 11

Análise

O resultado é idéntico ao do 2019 pois o PP gaña as eleccións por arredor de 150 votos pero non lle dá para a maioría absoluta, e será novamente o concelleiro do BNG , Roberto Jorge Correa o que faga á socialista Veronica Pichel alcaldesa. Agardemos que desta volta, Verónica Pichel, tome conciencia da situación aritmética real, ela non gañou as eleccións, gañounas a popular Belén Cachafeiro, e é alcaldesa grazas ao BNG, e non goberne como se tivera unha maioría absoluta que non ten. A alcaldesa será de novo Verónica Pichel do PSOE.

Concello de A Lama

Corporación actualCorporación 2019
PP 77
UCIN 20
IPR 10
PSOE 12
CS 01
BNG 01

Análise

O abandono de Jorge Canda, quen despois de décadas como alcalde renunciou a encabezar a candidatura popular por un problema de saúde, non supuxo problema algún para os populares que conservan a alcaldía con solvencia. Só perden 48 votos con relación ao 2019.Entran con forza dúas candidaturas independentes UCIN, encabezada polo ex PP Carlos Riveiro, e IXR que lidera a brillante avogada Andrea Cordeiro. Ambas defínense como candidaturas transversais compostas por persoas de espectros ideolóxicos moi diversos. Teño serias dúbidas de que iso poida ser posible e non se trate só de instrumentos construídos para tratar de asaltar a alcaldía que se vaian esvaecendo no día a día. Veremos como evolucionan os acontecementos. Desaparece o BNG que paga a peaxe dun moi mal concelleiro no mandato anterior que por non facer non facía nin acto de presenza nos plenos. O novo alcalde será David Carrera do PP.

COMARCA : VIGO

Concello de Vigo

Corporación actualCorporación de 2019
PSdeG-PSOE: 19PSdeG-PSOE: 20
PPdG: 5PPdG6: 4
BNG: 3BNG: 1
Podemos-Marea de Vigo: 0Marea de Vigo: 2

Análise

O socialista Abel Caballero, aos seus case 77 anos de idade, iniciará o vindeiro 17 de xuño un quinto mandato como alcalde da cidade máis grande de Galicia. Revalidou a maioría absoluta que o caracteriza desde as eleccións municipais de 2015, mais cunha porcentaxe de voto (60,86%) que baixa considerablemente respecto da de hai catro anos (67,64%) e pode indicar que o proxecto do PSdeG-PSOE en Vigo ten tocado teito. A maioría de Caballero segue sendo incuestionable e salva aos socialistas da debacle absoluta, pero nos resultados do 28 de maio tamén destaca o avance do PPdG, cunha lista renovada liderada por Marta Fernández-Tapias, e sobre todo o gran salto do BNG á custa de Marea de Vigo, que nestas eleccións se presentou en coalición con Podemos. A dereita popular sumou case 5.000 sufraxios e un concelleiro aos catro que xa tiña, pero o BNG de Xabier P. Igrexas duplicou a porcentaxe de voto (de 5,66% a 11,09%) e pasou de un a tres concelleiros. Podemos-Marea de Vigo, que en 2019 puido manter o pulo de 2015 con dous concelleiros, queda fóra da corporación municipal. Malia obter un 4,82% dos votos e ser a cuarta candidatura máis apoiada, está opción política liderada por Rubén Pérez na cidade olívica queda sen representación. Tampouco conseguiron concelleiros Ciudadanos e Vox, mais este partido de ultradereita avanzou notablemente en porcentaxe de voto, pasando do 1,30% ao 2,64%. Así e todo, o goberno de Vigo continuará sendo progresista, con maior presenza nacionalista na corporación municipal.

COMARCA : A LOURIÑA

Concello de Mos

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 10PPdG: 9
PSdeG-PSOE: 4PSdeG-PSOE: 5
BNG: 3BNG: 1
GañaMos: 2

Análise

O PPdG, con Nidia Arévalo á fronte, consolidou a súa maioría absoluta en Mos, gañando case 500 votos que lle supuxeron o seu décimo concelleiro na corporación municipal. O outro triunfador da xornada electoral foi o BNG liderado por Gustavo Barcia, pois duplicou o número de sufraxios que recibira en 2019, pasando de 10,08% a 20,67% en porcentaxe de voto e rivalizando co PSdG-PSOE como principal forza de oposición. A socialista Victoria Alonso, malia estar visibilizada durante os últimos catro anos como responsable de Cultura e Igualdade na Deputación de Pontevedra, non puido mellorar os resultados de hai catro anos e perdeu uns 780 votos que representaron un edil menos na corporación municipal. O notable avance do BNG en Mos estivo condicionado pola retirada de GañaMos do escenario político. Esta formación, que en 2019 obtivera uns mil votos e 2 concelleiros, anunciou en abril que non presentaría candidatura ás eleccións municipais de maio e pediu o voto para calquera partido de esquerdas que non estea encabezado por un tránsfuga, en referencia directa a Román González, que fora portavoz municipal de GañaMos entre 2019 e 2021. González, que se presentaba como candidato de Podemos nesta cita electoral, non puido entrar na corporación municipal.

Concello do Porriño

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 16PPdG: 8
BNG: 3BNG: 2
PSdG-PSOE: 2PSdG-PSOE: 4
Son en Común: 2
U.D.D.L.: 1

Análise

Os resultados do PPdG no Porriño, onde Manuel Alejandro Lorenzo acadou a maioría absoluta co 65,72% dos votos e 16 concelleiros, foron os máis sobresaíntes desta formación política nunca vila galega de entre 20.000 e 40.000 habitantes. Neste sentido, o candidato popular puido rendabilizar nas urnas o seu ano e medio na alcaldía, despois da moción de censura de decembro de 2021 que puxo fin ao inestable goberno de coalición liderado pola falecida Eva García de la Torre. Os propios socialistas, que perderon máis da metade dos seus votos e quedaron como terceira forza política da corporación municipal con dous concelleiros, atribúen este resultado á súa accidentada saída do goberno. Neste contexto, e tendo en conta a división da esquerda en varias candidaturas, quen puido sumar foi o BNG. Cuns 450 votos máis, a lista encabezada novamente por Pedro Pereira foi quen de gañar un concelleiro e converterse no principal partido de oposición ao PPdG no Porriño, desbancando aos socialistas.

Concello de Salceda de Caselas

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 6PPdG: 6
MS: 4MS: 4
PSdeG-PSOE: 2PSdeG-PSOE: 3
BNG: 1BNG: 0

Análise

En Salceda de Caselas prognosticábase un avance do PSdG-PSOE, sobre todo pola visibilización de Verónica Tourón na alcaldía durante os últimos dous anos de mandato, mais foi precisamente a súa candidatura a que máis votos perdeu en comparación con 2019. Tanto PPdG como Movemento Salceda e BNG avanzaron en número de sufraxios, mantendo a súa representación na corporación municipal ou recuperándoa, como no caso da formación nacionalista. As matemáticas permitirían un segundo mandato de coalición progresista entre Movemento Salceda e PSdG-PSOE, pero este desenlace dependerá das negociacións políticas entre Loli Castiñeiras e Verónica Tourón, que se prevén tensas e difíciles despois de catro anos de coalición nos que se manifestaron discrepancias entre as súas alcaldesas. De non chegar a un acordo antes do 17 de xuño gobernaría a lista máis votada, que é a que encabeza Santiago Rodríguez Dávila.

COMARCA : O CONDADO

Concello de Ponteareas

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 7PPdG: 5
BNG: 6BNG: 9
ACIP: 4ACIP: 4
PSdeG-PSOE: 2PSdeG-PSOE: 3
IP: 1
PEC: 1

Análise

O efecto Nava Castro sentiuse nos resultados electorais de Ponteareas. A sombra de Pepe Castro é alongada, e o PPdG apostou forte por esta candidatura, mesmo situando ao histórico alcalde e pai de Nava Castro como último suplente aos seus 90 anos. Os populares, que co 30,38% foron a lista máis votada, gañaron dous concelleiros e asegurarían a súa volta ao goberno municipal co apoio de Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP), partido independente que encabeza Juan Carlos González Carrera desde que abandonou as siglas de PPdG e Unión de Condado Paradanta (UDCP) e se enfrentou ao clan Castro. Esta formación mantivo os seus catro concelleiros e agora é clave para facilitar ou non a recuperación da alcaldía por parte do PPdG. BNG e PSdG-PSOE, que gobernaron xuntos desde 2015, suman desde o 28 de maio oito concelleiros e precisan o apoio de tres máis para volver formar goberno de coalición. O BNG, que liderou o proxecto progresista co falecido Pepe Represas e a súa sucesora na alcaldía Cristina Fernández, perdeu máis de 600 votos con respecto a 2019 que representaron tres concelleiros menos. Os socialistas, con Delfín Domínguez á fronte, tamén baixaron uns 250 votos e pasaron de tres a dous concelleiros. Dentro da esquerda política, a forza que recolleu eses votos de BNG e PSdG-PSOE foi Ponteareas en Común (PEC), que con 818 sufraxios logrou un concelleiro. Tamén acadou representación na corporación municipal Domingo Freitas con Independientes Ponteareas (IP), mais sen posibilidade de marcar a diferenza. De presentar candidatura no pleno de investidura, o BNG podería recibir os apoios de PSdG-PSOE e ACIP para manterse na alcaldía. Aínda que esta posibilidade non está descartada, considerando as malas relacións persoais entre González Carrera e o clan Castro en Ponteareas, o máis probable é que primen os intereses ideolóxicos e que os concelleiros máis conservadores, incluídos González Carrera e Freitas, faciliten ou mesmo apoien un goberno de Nava Castro en Ponteareas.

Concello das Neves

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 6PPdG: 4
BNG: 3BNG: 4
PSdeG-PSOE: 1PSdeG-PSOE: 3
AENE: 1

Análise

A maioría absoluta do PPdG truncou inesperadamente o proxecto político do BNG nas Neves, que aspiraba a ser a candidatura máis votada o 28 de maio e asegurar un terceiro mandato, con Xosé Manuel Rodríguez como alcalde. Tanto o BNG como o PSdG-PSOE, o seu socio de goberno durante os últimos oito anos, perderon apoio nas urnas e representación na corporación municipal. O BNG, cuns 120 votos menos, baixou a tres concelleiros. Con todo, a caída do PSdG-PSOE que encabezaba Marcelino Couto foi aínda maior: perdeu 325 sufraxios e quedou soamente cun concelleiro. Parte das papeletas que recibira a candidatura socialista en 2019 foron nesta ocasión á Agrupación de Electores das Neves (AENE), liderada por Eduardo Mariño, concelleiro socialista hai catro anos. O bastón de mando pasará con total seguridade a José Manuel Alfaro, que aproveitou o descontento das áreas máis rurais do concello para criticar ao goberno municipal nos meses previos á cita coas urnas e obtivo a confianza da maioría de veciños e veciñas.

Concello de Mondariz

Corporación actualCorporación de 2019
ApM: 5ApM: 4
PPdG: 3PPdG: 2
BNG: 2BNG: 3
PSdeG-PSOE: 1PSdeG-PSOE: 1
Ciudadanos: 1

Análise

Os independentes de Alternativa por Mondariz, con Xoán Carlos Montes “Calis” á cabeza, volveron ser a candidatura máis votada por terceira vez consecutiva nunhas eleccións locais. A corporación municipal saída do 28 de maio continúa altamente fragmentada e polarizada arredor da figura do ex alcalde, que esperta notables antipatías entre o BNG, o PSdeG-PSOE e o PPdG polo seu carácter populista. Con todo, os seus cinco concelleiros –un máis que nos anos 2015 e 2019– contrastan coa baixada en votos e concelleiros do BNG, que afrontaba estes comicios desde a posición privilexiada do goberno e da alcaldía, con Xosé Emilio Barros como candidato. O PPdG, que renovaba liderado con Pablo Barcia, puido recoller boa parte dos 350 sufraxios de Ciudadanos hai catro anos e sumar un terceiro concelleiro que o converte actualmente na principal forza de oposición. Así e todo, a investidura de “Calis” como alcalde non está asegurada e dependerá da posible confabulación tácita dos concelleiros de oposición na súa contra, como xa ocorreu hai catro anos, cando o BNG decidiu presentarse como alternativa e recibiu un maior consenso na corporación municipal. Non obstante, se consideramos a perda de apoio nas urnas e o veto histórico ao PPdG que manteñen os nacionalistas, o máis probable é que a partir do 17 de xuño goberne en minoría a lista máis votada.

Concello de Mondariz-Balneario

Corporación actualCorporación de 2019
BNG: 5BNG: 3
PPdG: 2PPdG: 4
Independientes por Mondariz Balneario: 0
Saidoiro: 0

Análise

A anunciada marcha de José Antonio Lorenzo despois de 40 anos na alcaldía fixo agromar novas candidaturas en Mondariz Balneario que ameazaban con repartir os votos e prexudicar ao BNG. Así e todo, a candidatura nacionalista encabezada por César Gil puido sumar 70 votos e chegar aos cinco concelleiros, que lle aseguran a maioría absoluta e a alcaldía durante os vindeiros catro anos. O PPdG, que presentou a Marisa Domínguez como sucesora de Lorenzo, non convenceu e acadou soamente o 26,57% dos votos. O BNG de Mondariz Balneario supera así os traumáticos resultados de 2019, cando quedaron a tres votos da lista máis votada e denunciaron a presunta manipulación dos censos electorais para beneficio do PPdG. Nesta ocasión, os nacionalistas reivindicáronse como unha candidatura veciñal de amplo espectro político unida polo cambio e saíulles ben.

Concello de Salvaterra de Miño

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 9PPdG: 7
PSdeG-PSOE: 4PSdeG-PSOE: 4
BNG: 4BNG: 2
Podemos: 0

Análise

Marta Valcárcel mantivo a súa maioría absoluta como candidata do PPdG en Salvaterra de Miño, concello que neste mandato aumentaba a representación política na corporación municipal, de 13 a 17 concelleiros. Neste contexto gañou dous edís, mais visto en perspectiva baixou lixeiramente en porcentaxe de voto. O PSdG-PSOE mantivo os seus catro concelleiros a pesar de tamén perder apoio nas urnas. O BNG, con Patricia Mariño como cabeza de lista, foi a única forza política que avanzou en número de votos e concelleiros, igualando en representación cos socialistas e ameazando a maioría absoluta de Valcárcel de cara aos próximos comicios. Podemos, que presentaba candidatura con Félix Pérez, restoulles unha centena de votos aos partidos máis progresistas, pero non puido entrar na corporación municipal.

Concello da Cañiza

Corporación actualCorporación de 2019
PSdeG-PSOE: 7PSdeG-PSOE: 6
PPdG: 6PPdG: 6
BNG: 0
Ciudadanos: 1

Análise

A desaparición de Ciudadanos, cun concelleiro en 2019, e a presentación de candidatura do BNG na Cañiza parecían beneficiar ao PPdG, mais finalmente foi o PSdG-PSOE encabezado por Luis Piña quen rendabilizou os cambios. O alcalde socialista, que se presentaba como a única alternativa ao regreso do popular Miguel Domínguez, concentrou o voto de esquerdas e tamén recolleu case 200 dos 246 sufraxios que obtivera a candidatura de Ciudadanos hai catro anos, demostrando que esta marca política en decadencia segue actuando como bisagra do bipartidismo. O prexudicado nesta dinámica foi o BNG, que aspiraba a entrar na corporación municipal con Jesús Manuel Longueira como cabeza de lista pero finalmente quedou ás portas.

Concello de Covelo

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 8PPdG: 8
BNG: 2BNG: 2
PSdeG-PSOE: 1PSdeG-PSOE: 1

Análise

En Covelo, o BNG foi o único partido que medrou en número de votos, mais a relativa estabilidade de PPdG e PSdG-PSOE fixo que se repetise o mesmo escenario político de 2019 na distribución de representación na corporación municipal. A maioría absoluta do popular Pablo Castillo segue a ser incuestionable, mais na oposición obsérvanse certos cambios. Neste sentido, cómpre destacar que a distancia entre BNG e PSdG-PSOE en porcentaxe de voto ampliouse considerablemente de 2019 a 2023: o BNG subiu de 16,36% a 20,64%, mentres que o PSdG-PSOE baixou de 15,19% a 10,06%, o cal pode marcar tendencia de cara a futuras eleccións.

Concello de Crecente

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 7PPdG: 8
BNG: 1BNG: 1
PSdeG-PSOE: 1PSdeG-PSOE: 2

Análise

En Crecente, onde se reducía de 11 a 9 o número de concelleiros da corporación municipal debido á perda poboacional do concello, o PPdG comandado por Julio César García Luengo consolidou a súa maioría absoluta co 77,31% de porcentaxe de voto. Entre as forzas de oposición, o PSdG-PSOE foi o gran prexudicado, pois perdeu case a metade dos seus votos habituais e quedou, cun edil, por abaixo do BNG.

Concello de Arbo

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 8PPdG: 6
AGRELAR: 2AGRELAR: 5
IPPA: 1

Análise

A Agrupación de Electores a la Alcaldía de Arbo (AGRELAR), con Baltasar Vallejo como cabeza de lista e o ex alcalde Xabier Simón na candidatura, non puido sumar apoios para ameazar a maioría do PPdG e viu considerablemente reducida a súa representación na corporación municipal despois de dúas citas municipais, as de 2015 e 2019, quedando a uns 50 votos da vitoria. A distancia cos populares é agora moito maior. Das once actas que se reparten actualmente –en 2019 eran nove–, a candidatura popular que encabeza o alcalde Horacio Gil recollerá oito –dúas máis que hai catro anos–, mentres que a candidatura independente de carácter conservador liderada polo exalcalde do PPdG Manuel Rivera estará representada cun concelleiro. O BNG, con Diego Prieto como cabeza de lista, mellorou resultados, duplicando a porcentaxe de voto, pero os seus 146 sufraxios foron insuficientes para entrar na corporación.

COMARCA : VAL MIÑOR

Concello de Nigrán

Corporación actualCorporación de 2019
PSdG-PSOE: 11PSdG-PSOE: 13
PPdG: 5PPdG: 4
BNG: 1BNG: 0

Análise

A pesar de manter unha sólida maioría absoluta en Nigrán, o PSdG-PSOE baixou notablemente en número de votos, perdendo case mil entre 2019 e 2023. Estes sufraxios acabaron previsiblemente nas candidaturas do BNG, Esquerda Unida e Somos Nigrán. Con todo, entre as forzas de esquerda, tan só a candidatura liderada por Xavier Rodríguez puido converter o apoio recibido nas urnas en representación política. Ao duplicaren o número de votos, os nacionalistas puideron entran cun concelleiro na corporación municipal. Cara á dereita no espectro político tamén aumentou a súa representación o PPdG, con María José Pino como cabeza de lista, pois sumou 650 votos e un edil máis. A candidatura do PPdG puido concentrar este ano boa parte do voto que se repartiu en 2019 entre diferentes candidaturas municipalistas que non conseguiron representación naquel momento, como Unión Centrista de Nigrán ou Nigrán Decide.

Concello do Baiona

Corporación actualCorporación de 2019
PPdG: 11PPdG: 6
PSdG-PSOE: 5PSdG-PSOE: 6
BNG: 1BNG: 2
NB: 2
Ciudadanos: 1

Análise

O PPdG, con Jesús Vázquez Almuiña como cabeza de lista, foi o claro vencedor das municipais en Baiona, acadando un 50,27% dos votos que lle permite gobernar en solitario con maioría absoluta. Tanto o PSdG-PSOE como o BNG, que afrontaban os comicios desde a alcaldía e desde o goberno, baixaron considerablemente en número de votos e, polo tanto, tamén en representación política. Podemos, aínda que non entrou na corporación municipal, mantivo a súa porcentaxe de voto; mais as 830 papeletas recibidos hai catro anos pola candidatura independente de NÓS Baiona nos se materializaron en apoios progresistas. Pola contra, o PPdG atraeu aos votantes de Ciudadanos e concentrou os sufraxios de carácter conservador.

Concello de Gondomar

Corporación actualCorporación de 2019
PSdG-PSOE: 8PSdG-PSOE: 9
PPdG: 6PPdG: 4
MM: 2MM: 2
BNG: 1BNG: 1
Ciudadanos: 1

Análise

Paco Ferreira, do PSdG-PSOE, non puido repetir a maioría absoluta de 2019, aínda que se mantén como a candidatura máis votada do 28 de maio en Gondomar. Tanto o Manifesto Miñor (MM) de Xosé Antonio Araúxo como o BNG encabezado por Manuela Rodríguez Pumar conservaron a súa representación na corporación municipal. Destas dúas forzas políticas, os nacionalistas foron os que máis melloraron os seus resultados previos en número de votos, pasando de 450 a 807, aínda que MM tamén sumou uns 75 sufraxios nesta cita electoral, en parte pola desaparición de Gondomar Concello Aberto (CABE), que en 2019 recolleu 371 papeletas. O partido que máis avanzou en porcentaxe de voto, así e todo, foi o PPdG. Con case mil sufraxios máis que en 2019, pescados principalmente entre os votantes de Ciudadanos. A candidatura que lidera Paula Bouzos sumou dous concelleiros aos catro que xa tiña e achégase perigosamente ao PSdG-PSOE. Ferreira, non obstante, non debería ter problemas para conservar o bastón de mando en Gondomar porque os números chéganlle para un goberno en minoría se se absteñen MM e BNG.