O BNG demanda o servizo de matrona, unha ambulancia medicalizada e melloras na atención sanitaria en Cerdedo-Cotobade

Logotipo BNG

Ernesto Filgueira: “Seguiremos a reivindicar a necesidade de que a Xunta solucione as graves deficiencias sanitarias que ten o noso concello: que repoña o servizo de matrona, que contemos cunha ambulancia medicalizada, que reforce a enfermaría e que cubra as baixas e vacacións do persoal sanitario”

Cerdedo-Cotobade, 29 de xuño de 2023

“Para o BNG que se garanta o dereito á saúde de toda a poboación é un obxectivo irrenunciábel”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, para quen non é de recibo que a Xunta non lle faga fronte ás necesidades da atención primaria no noso país e no noso concello.

“Precisamos -dixo o portavoz nacionalista- que se atenda en condicións a atención primaria, cubrindo as baixas e vacacións do persoal, precisamos que se reforce o servizo de enfermería que está baixo mínimos, precisamos que volva o servizo de matrona aos nosos centros de saúde, e unha ambulancia medicalizada que dea resposta ás urxencias. Non pedimos nada do outro mundo, só o básico para se nos garanta unha atención sanitaria en condicións”.

O PP leva catorce anos deteriorando a sanidade pública para favorecer a privada, e as veciñas e veciños non podemos baixar a garda. Temos que defender a sanidade que necesitamos, porque coa nosa saúde non se xoga. “Pedímoslle ao PP que rectifique dunha vez, e dote aos centros de saúde de Cerdedo-Cotobade dos medios humanos precisos para que poidamos contar con unha atención sanitaria eficaz e digna”, concluíu Filgueira.