Os socialistas de Salvaterra propoñen unha comisión especial informativa do polígono Chan da Ponte

Concello de Salvaterra do Miño

Levaron a proposta ao Pleno Organizativo que se celebrou o pasado venres pero o grupo do Partido Popular encabezado pola alcaldesa rexeitou a creación desta comisión.

O grupo municipal socialista propuxo no pasado Pleno de Organización crear unha comisión especial de información do Polígono Chan da Ponte, xa que despois da sentenza acaída nunha das parcelas anexas o polígono Chan da Ponte, ata agora propiedade do Concello de Salvaterra, deixa o resto das parcelas do polígono, nunha situación complexa e pódese producir un efecto dominó co resto das parcelas onde están instaladas empresas.

Para a alcaldesa non parece un asunto de gran relevancia para Salvaterra xa que rexeitou no Pleno a creación desta comisión escudándose en que non había sentenzas firmes, cando non é así. É sabido por todos que unha das empresas do polígono, tras comprar unha nova parcela, tramitar unha licenza municipal para construír unha nave comercial; unha orde xudicial lle paraliza as obras tras reclamar a comunidade de montes a propiedade da parcela. A esta situación se lle unen outras empresas que acaban de investir en parcelas, para executar obras de ampliación dos seus negocios, tamén se ven afectadas ante a inseguridade que esta situación provoca. Recordamos que as parcelas industriais que se atopan no polígono foron vendidas inicialmente polo Concello de Salvaterra de Miño

Durante a campaña xa falamos da existencia deste problema e se nos tachou de facer “campaña do medo”; isto non deixa máis que en evidencia a alcaldía que lonxe de recoñecer o problema e tentar de aportar solucións.

Na campaña xa propuñamos unha solución para dar seguridade xurídica as empresas que queren ampliar o seus negocios. En palabras do Portavoz Municipal, Félix González: “Non hai outra solución que non sexa a compra vía expropiación ou compra directa de terreos rústicos que linden coa Comunidade de Montes de Salvaterra e permutalos polos terreos que ocupan as parcelas do polígono”.

Do resto do Pleno, destacan os socialistas que os soldos suben respecto a ao ano pasado conforme a lei, pero lamentan que as indemnizacións por asistencias a Plenos e Comisións dos concelleiros que non teñen dedicación exclusiva quedan conxeladas respecto do mandato anterior. Tampouco se recuperan as asignacións aos grupos políticos que conforman o Pleno municipal, que tamén teñen gastos que sufragar durante os 4 anos, tal como están noutros concellos da contorna.