Avanza que o BNG presentará unha iniciativa no Parlamento para que a Xunta achegue o investimento comprometido para este ben arquitectónico e termal
Destaca o exemplo de hospitalidade e compromiso humano do concello pola acollida de inmigrantes, nun momento no que medra o discurso xenófobo
A portavoz nacional, Ana Pontón, lanzou unha “chamada de atención” respecto da situación na que se atopa a Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario, un ben patrimonial do que dixo “se atopa en perigo”, polo que pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que cumpra a súa palabra e achegue os fondos comprometidos dende o Goberno galego para acometer a súa rehabilitación.
Diante da propia Fonte do Troncoso, á que se desprazou co alcalde, César Gil, logo do encontro que mantiveron para abordar as principais prioridades do concello, Pontón recordou que en 2020 a Xunta comprometeu un investimento de medio millón de euros para facerse cargo deste ben, o único do arquitecto e urbanista Antonio Palacios que se atopa “nesta situación de risco”.
“Estamos en 2025 e o que comprobamos é como o goberno da Xunta esqueceu as súas promesas, os seus compromisos”, denunciou, para apuntar ao Goberno do PP como responsable do deterioro no que se atopa un ben do que destacou non só o seu valor arquitectónico, senón tamén a súa importancia dende o punto de vista da dinamización económica para esta zona do País, dado que se trata dunha fonte con augas que teñen propiedades minerais.
Pontón avanzou que o BNG levará ao Parlamento unha iniciativa para reclamar á Xunta que asuma o seu compromiso porque, recalcou, foi “o propio Rueda a través do seu conselleiro de Cultura” o que anunciou a rehabilitación do espazo da Fonte do Troncoso. “É o momento de cumprir coa veciñanza, o que non pode permitirse é que vaian pasando anos e que se siga deteriorando un ben da importancia que ten esta fonte sen que a Xunta cumpra as súas promesas”, reclamou.
A portavoz nacional, que agradeceu a recepción do alcalde e do seu equipo, felicitou tanto ao Concello como á veciñanza de Mondariz-Balneario polo “exemplo” que deron ao longo dos últimos meses en relación á acollida de poboación inmigrante.
“Creo que é un exemplo de humanidade e un exemplo de bo trato e, ademais, un espello no que podemos vernos reflectidas, de como desde a solidariedade podemos construír un país moito mellor”, destacou deste exemplo de hospitalidade que se dá ademais nun momento no que hai “discursos de odio e xenofobia en parte alentados pola extrema dereita, pero tamén pola dereita cada vez máis extrema”.
Por iso, recalcou como Mondariz-Balneario demostra que “se poden facer as cousas ben”, sendo un “pobo hospitalario” que acolle a aquelas persoas que están pasando por momentos de dificultade. “Ese é espello no que mirarnos, un espello de humanidade e de solidariedade entre as persoas que nos parece fundamental nun momento coma este”, sintetizou.
