Xustiza social

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Hayek entende que o sintagma “xustiza social” contén unha contradición porque, entende, o seu verdadeiro significado é “inxustiza social”. Mais recoñece que ten unha enorme eficacia política. Vexamos.

Para ver onde está a contradición Hayek comeza por indicar que a palabra “sociedade” e, sobre todo o adxectivo “social” inducen á confusión. “Socius”en latín era compañeiro. “Sociedade” remitía a un grupo de compañeiros. A individuos que compartían fins e colaboraban conscientemente para conseguilos. Isto vale para moitos grupos sociais actuais, clubs deportivos, asociacións de veciños, sindicatos, organizacións nacionais, etc., etc. Pero, non vale para designar o que chama “orden extenso”, “sociedade aberta” e de outras maneiras. Mesmo propuxo un neoloxismo, “cataláctica”, tomado dun arcebispo inglés do XIX, sen moito éxito.

En efecto, neses grupos consérvase, di, a moral dos nosos antepasados máis distantes. Refírese aos grupos de cazadores e recolledores. Formados por non máis de cincuenta individuos que vivían xuntos e dependían uns dos outros. Onde cada quen tiña o seu labor e todos compartían un mesmo modo de vida. Entre eles era imperativo o altruísmo e a solidariedade. Esa fase da historia durou moitos miles de anos e a conduta deses homes pasou a nosa herdanza xenética. Hoxe maniféstase por medio dos instintos morais. Importa decatarse que neses grupos non era posible a liberdade individual. As teorías racionalistas do estado moderno postulan que a humanidade primitiva, anterior ao Estado moderno, o que chaman “estado de natureza”, os individuos eran libres e egoístas. Hayek non admite isto de ningunha maneira. O home primitivo era solidario ou gregario.

Pero, o natural non sempre é beneficioso nin bo. En todo caso, en algún momento ese orden natural deu paso á sociedade actual. Ao que seguimos chamando “sociedade”, pero que non pode ser descrito como un orden rexido pola solidariedade e o altruísmo senón por unha nova moralidade que cabe imaxinar xurdiu espontaneamente a medida que se estenderon os intercambios mercantís. Así como o altruísmo cara o interior do grupo non ofrece ningunha vantaxe, cando se trata de comerciar con outros grupos ocorre o contrario. Entón o que se busca e o máximo beneficio, non satisfacer as necesidades dos outros.

De modo que, no relato de Hayek, os instintos morais foron substituídos por regras abstractas. O troco de mercancías, fiado á observación directa das propiedades dos obxectos, polo intercambio mediado polos prezos de mercado que se determinan sen atender a ningunha propiedade real dos obxectos. A medida entón que a sociedade de mercado se xeneraliza o concepto de “social” cambia de significado. Agora social é, para Hayek, aquel comportamento que respecta as regras coas que se rexe o mercado; as da propiedade privada e o respecto dos contratos. Aquelas regras que promoven a inxustiza social, desde o ángulo dos instintos morais primitivos, pero, a cambio, aumentan a poboación e a riqueza.