Das débedas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Sobre a cuestión da débeda, recordaba un antropólogo anarquista, nun recoñecido libro editado a pouco da crise do 2008, que, contra o que parece un mandato moral unánime, non se trata por igual a todo o mundo. Podemos ler nese libro que nas cárceres inglesas do século XVIII o trato aos debedores presos respectaba as diferenzas sociais.

Estaban divididas en dúas zonas. A dos ricos e a “zona de comúns”. Na primeira eran habituais os criados ben vestidos, circulaban os bos viños e as prostitutas eran algo habitual. Na banda dos pobres, os presos amoreábanse en pequenas celas e, debido a que daquela os propios presos pagaban os gastos da súa estancia en prisión, moitos morrían “sen que ninguén se apiadase, de fame e tifo”, conforme recolle nunha cita dun informe do goberno inglés da época.

Hoxe en día, non suceden estas cousas, ninguén morre de fame nun cárcere inglés, por exemplo, pero, a diferenza do século XVIII, poboacións enteiras son sometidas, sen a menor conmiseración, a unha radical privación debido a que, mentres tanto, o que era un deber moral tense convertido nunha obriga absoluta garantida polo poder coactivo do Estado.

É dicir, estamos nun tempo no que as débedas son imperdoables. Deixaron de pertencer ao ámbito da moral. Nos libros de historia antiga, en cambio, consta o común que era que as insurreccións populares comezasen coa destrución dos rexistros de débedas e que con frecuencia rematasen coa cancelación das débedas dos pobres e o reparto das terras. A memoria destes feitos fai comprensible que durante moitos séculos, en Europa, a moral prohibise a usura e a acumulación de débedas. Consideraba ilícito aproveitarse da necesidade dos demais para recibir máis cartos dos prestados. No mesmo século XVIII, o papa Benedicto XIV condenou a súa práctica nunha encíclica.

Esta negativa, da Igrexa católica, a aceptar que do diñeiro resulte máis diñeiro deu lugar a presentala como un axente contrario ao desenvolvemento do capitalismo. Pero, o certo é que dentro da teoloxía católica, mesmo antes que a dos reformadores protestantes, temos a que será a distinción clave para converter unha materia moral nun asunto de economía política. A distinción foi que era lícito o interese se proviña dunha “xustificación extrínseca”, algo exterior á obriga contraída entre dúas persoas, que como tal non tiña que ser pagada con diñeiro, nin sequera ter un carácter cuantitativo. Podía ser pagada sen un prazo determinado e entregando algo que non tiñan que ser necesariamente cartos. Agora ben, precisamente o carácter “extrínseco” permitiu cuantificar o risco que o prestamista asumía e polo que podía pedir compensación. Daquela, unha obriga persoal, que un contraía con quen lle axudara, transformouse nunha obriga cuantificable, deixou de ser un asunto persoal e, polo tanto, en algo de natureza “económica”. Dese xeito, os problemas morais convertéronse en problemas aritméticos e, con eles, toda relación persoal adquiriu a forma dunha relación extrínseca.