Hostalaría e comercio guardés reivindican unha comunicación eficaz e sustentábel entre a Guarda e Caminha

Hostalaría e comercio guardés reivindican unha comunicación eficaz e sustentábel entre a Guarda e Caminha

O precario funcionamento do ferry entre A Guarda e Caminha é a razón pola que o sector da hostalaría e do comercio guardés veñen de constituír nunha asemblea celebrada esta semana a Plataforma Conexión A Guarda-Caminha.

Desde a plataforma recén constituída manifestan que hai moito tempo que se está traballando en estratexias de políticas transfronteirizas, afondando na creación das eurocidades e eurorexións; políticas de futuro enmarcadas na axenda europea con resultados ben claros cerca de nós. Eurocidades como Tomiño- Cerveira, Tui- Valença, Salvaterra- Monçao , levan dando pasos dende hai moito tempo, mentres que aquí quedamos fora entre outras razóns por carecer dunha comunicación real e efectiva con Caminha.

A Plataforma esixe o compromiso da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado Español para que conxuntamente co Goberno Portugués poñan en marcha unha comunicación eficaz e sustentábel entre A Guarda e Caminha que recolla tódalas necesidades dos distintos desprazamentos que se precisan. Unha proposta que a súa vez sexa respectuosa cun dos factores diferenciais da nosa zona como é o entorno natural do Esteiro do Miño.