A Banda de música popular de Tui

banda_de_musica_tui

Nace no ano 1881, promovida polo alcalde de aquel momento. Non está claro se naceu como banda municipal ou xa como banda popular. O que si se sabe é que xa había bandas de música en Tui con anterioridade,de feito temos constatado a existencia en 1841 dunha banda de música provincial de Tui, cando esta localidade era capital de provincia.

A banda non tivo unha actividade ininterrompida pois nas épocas nas que existiron conflitos bélicos tivo que suspender a súa actividade aínda que a maior parte dos seus 141 anos de vida si puideron facer gozar aos e as tudenses da súa música. Na actualidade diríxea un rapaz moi novo, Eloi, un músico que aínda non ten 30 anos e é natural de Rebordáns. Nós conversamos con el

Eloi Carrera director da banda de música popular de Tui

O concello non se porta con nós todo o ben que debera”

De onde es ti Eloi?

Son nativo de Rebordáns, do barrio do Foxo e na actualidade resido en Guillarei

Cal é a túa formación?

Estudei o grao musical en Tui, no conservatorio, con Adolfo Besada.E logo a formación superior fíxena no conservatorio de Vigo.Logo teño varios máster de pos grao tamén relacionados coa música

Adolfo foi tamén director da banda de música non?

Si, foi ao director que substituín eu. El retirouse a finais do 2018 e eu comecei a dirixir a banda a principios do ano seguinte.

Pero ti pareces moi novo para ser director dunha banda tan importante como a de Tui?

Ben, xa estou bordeando a fronteira dos 30.O que acontece é que eu entrei moi novo na banda, con 10 anos, sendo un neniño e xa levo case 20 anos neste marabilloso mundo

Onde naceu a túa afección pola música?

Non teño ningún antecedente na familia. Foi un pouco por casualidade que comecei de neno con esa actividade e finalmente o meu camiño e o da música acabaron fusionándose ata seren inseparables.

Que instrumento tocas?

O trombón, agora eu dirixo, non toco. E estou a formarme no eido da dirección

Cantos compoñentes ten a banda de Tui?

Sobre 45 máis ou menos, aproximadamente a metade homes e a metade mulleres. O talento non depende do sexo

Son todos de Tui?

Non, temos músicos e músicas de moitas partes:Portugal, Tomiño, Salceda, Porriño, Ponteareas…

De que idades?

O abano é moi amplo. O máis novo ten 10 anos e o máis maior ten 67

Como captades os músicos?

O boca a boca é o que soemos facer

Ti vives profesionalmente da música?

Si, pero non da banda .Vivo da música porque dou clases en distintos lugares. Un membro da banda de Tui non vive diso, ten que ter o seu traballo para poder vivir. Nós cobramos por tocar , desde logo, pero o que se cobra na banda non dá para vivir

Cada canto tempo ensaiades?

Todos os venres en Guillarei,no antigo centro cultural. O local está moi ben, pero ten un pequeno problema que é o da insonorización que agardemos poder solucionar rápido

Por que en Guillarei e non en Tui?

Ata o 2019 estivemos no conservatorio de Tui, pero a raíz da pandemia botáronnos aínda que eu creo que o da pandemia foi en realidade unha escusa

E logo tendes malas relacións co concello?

Eu creo que ven de lonxe. En calquera caso nós emitimos un comunicado no que expresamos a nosa non conformidade coa decisión de botarnos de Tui.

Pero non lle vexo moito sentido eu a iso. Que interese pode ter un goberno municipal en que unha banda do seu municipio saia do núcleo da localidade e teña que ir a unha parroquia?

A banda non é municipal, é unha banda de Tui pero non depende do Concello. É unha banda popular. O concello non ten moi boa relación con nós. Eu creo que non se porta con nós todo o ben que debera.Cando nos botaron do conservatorio non nos ofreceron ningunha alternativa e fixeron promesas que logo non cumpriron.

Que tipo de público asiste aos voso concertos?

De todo tipo, ido depende dos concertos. Por exemplo o ano pasado que celebramos o noso 140 aniversario fixemos un concerto de rock sinfónico que acolleu desde persoas moi novas ata xente xa moi madura.

E o tipo de música que máis interpretades?

Procuramos abranguer todo tipo de música

Obxectivamente pódese dicir que a banda ten calidade?

Si, sen dúbida ningunha

Rematamos Eloi, o teu futuro irá polos camiños da música sempre?

A miña intención é que si, non son capaz de imaxinarme facendo algo diferente.