Ocorréseme que do mesmo xeito que falamos de danos materiais poderíamos falar dos danos que determinadas ideas, conviccións, empeños ou prexuízos producen no sistema de ideas dunha sociedade. E así como dicimos catástrofe natural poidamos dicir catástrofe intelectual.
As catástrofes son sucesos naturais inesperados que producen grandes perdas materias e humanas. Un terremoto, unha seca prolongada, etc. Agora ben, o carácter de “inesperado” é, desde logo, cada vez menos definitorio pois remite a presenza humana. Unha seca ou unha explosión volcánica nun territorio despoboado non son un desastre porque non producen ningunha desgraza humana. Máis, por outro lado, é coñecido que hai presenza humana en case todo o territorio do planeta. De modo que ao mesmo tempo teremos que admitir a cada vez maior frecuencia das catástrofes e, con ese incremento, a súa natureza cada vez máis humana e por iso a miña ocorrencia de chamalas intelectuais.
Algo semellante ao que estou dicindo é o que os científicos teñen nomeado co termo “Antropoceno”. Cuñaron, non sen discusión, o termo para indicar que é a actividade humana a forza que desde a revolución industrial vén modelando a superficie do planeta. Un exemplo claro deste fenómeno vémolo na pandemia en curso producida pola alteración humana dos equilibrios naturais das especies.
Outro exemplo desta acción antropocénica témolo na guerra de Ucraína, mellor, a invasión imperialista do territorio da moderna república de Ucraína polas tropas rusas. A estas alturas da pandemia queda claro que as previsións de que a catástrofe sanitaria, económica e ecolóxica actuase de alerta de cara a unha maior racionalización das actividades humanas que, no posible, reducise o deterioro da cortiza terrestre eran previsións puramente ilusorias. Pero non eran falsas.
En efecto, sabemos tamén hai tempo que a razón humana é escrava das paixóns, por dicilo ao xeito do gran filósofo escocés David Hume, un dos pais intelectuais desa ficción teórica que chamamos “libre mercado” e coa que os intereses económicos deberían ocupar o lugar das crenzas culturais, o cálculo obxectivo o lugar das paixóns diferenciadoras. Así foi, o cálculo económico acabou coa sociedade feudal e a escravitude, pero hoxe sabemos que tamén liberou as forzas que teñen o planeta nunha situación de extrema vulnerabilidade.
Esa liberación, polo que se ve, ten producido danos intelectuais permanentes. Son danos na razón científica, precisamente en nome do cálculo económico. É dicir o cálculo económico é o que proporciona as forzas que inesperadamente destrúen o planeta. E ao tempo negan a propia racionalidade científica. Unha forma simple de ver isto é tomar nota de como a propaganda usa o epíteto de “tolo” contra Putin, cando non hai dubida de que o seu comportamento obedece aos mesmos principios de cálculo que usan as forzas de EUA co fin de preservaren cadansúa parte no pastel. Ningún deles admitiría cuestionar eses principios, como si faría un científico.