O pasado 14 de febreiro, como todos os anos desde finais do século XIX ,e novamente desde 1976 tras a terrible paréntese do franquismo, Marín celebrou o seu tradicional e multitudinario Enterro da Sardiña. Sempre se fai o mércores de cinza, este ano coincidiu o 14 de febreiro. E por primeira vez este 2024 celébrase como festa de interese turístico. O Ateneo Santa Cecilia é a institución encargada da organización deste evento. O Ateneo foi fundado en 1952 e ten un valor sobresaínte no amplo tecido asociativo marinense. O Ateneo desenvolve multitude de actividades culturais e o enterro da sardiña é unha das máis importantes. Nós falamos con Celso Méndez, el é o delegado do Ateneo na organización do enterro. Celso aínda que natural de Cotobade leva xa moitos anos da súa vida en Marín , localidade na que exerceu , ata que chegou o momento de gozar da xubilación, a súa profesión de docente .
Celso Méndez delegado do Ateneo Santa Cecilia na organización do enterro da sardiña de Marín.
“Non hai no mundo un enterro da sardiña como o de Marín”
O Enterro é unha das actividades máis importantes do Ateneo?
Si. Nós desenvolvemos moitas actividades culturais: pintura, charlas, exposicións….. Pero o Enterro é unha das tres máis importantes xunto cos maios e a danza de espadas.
A actual edición do enterro é a primeira vez que é festa de interese turístico, verdade?
Si. A nosa danza de espadas xa tiña esta distinción e o enterro é unha festa de interese turístico desde este ano 2024.
Este ano fixestes a presentación do enterro en FITUR?
Si, estivemos presentando a festa en Madrid xunto cos demais entroidos de Galicia. A Madrid foi Lois, o presidente do Ateneo, xunto con outros compañeiros e o que nos contan é que foi unha moi boa experiencia xa que é unha forma relevante de facérmonos ver.
Pero vós xa erades bastante coñecidos en todo o estado?
Si, desde hai uns anos , cando chega o enterro, a maioría das TV estatais conectan en directo con Marín.
O enterro da Sardiña celébrase en distintos sitios do estado pero o de Marín ten unhas peculiaridades que o individualizan .Cóntanos as súas principais características?
Si, non hai outro igual no mundo. O resto de enterros de sardiñas que hai son desfiles de comparsas. O de Marín non. O noso é unha procesión de semana santa irreverente. É unha parodia. A xente vai en silencio, con velas, vanse apagando as luces do pobo por onde pasa o enterro, só quedan as luces das velas, botamos ao mar unha sardiña de verdade e na viaxe de ida hai música fúnebre que muda a música alegre cando facemos a viaxe de volta. Máis ou menos na metade da viaxe hai un sermón e quen o le métese con todo o mundo. A música do enterro é do 1903 e a banda de música vai tocando sempre.
Quen le o sermón?
Normalmente un membro do Ateneo. É como unha cantiga de escarnio. Logo do sermón lese unha ladaíña que data de 1895.
A que hora sae o enterro?
Sempre ás 20:00 chova , vente ou faga o tempo que faga.
Suspendeuse algunha vez?
Só dúas: no ano 21 a causa da pandemia e no ano 22 por mor da traxedia do Vila de Pitanxo.
Sabemos cando se inicia a historia do enterro da Sardiña de Marín?
Nós temos constancia dun artigo xornalístico de 1882 que fala do enterro da sardiña dese ano e que fai referencia a edicións anteriores. É dicir, sabemos con certeza que é anterior a 1882 pero non podemos precisar o ano exacto no que comezou.
Supoño que no franquismo estaría prohibido?
Si, claro, como todos os entroidos. Retomámolo nós no 1976 despois da morte de Franco.
Cando en 1976 recuperastes a tradición do enterro ,despois de catro décadas de prohibición, imaxino que moita xente non tería nin idea de que era o que estabades a celebrar?
Desde logo, eu por exemplo que nacín na década dos 50 non coñecía o enterro. Foron señores maiores, que o lembraban , como por exemplo o pintor Manuel Torres, os que deron o pulo necesario para podérmolo retomar. Cando o sacamos á rúa o primeiro ano todos os participantes eran persoas maiores que se acordaban do enterro.
E no 76, cando fostes ao peirao a primeira vez despois de tantos anos non tivestes problemas?
Pois si, si que tivemos. De feito non nos querían deixar pasar pero ben, como case todas eran persoas maiores , moi coñecidas en Marín, finalmente puidemos facelo. O evento saíu na prensa e ao ano seguinte xa tivemos que pedir permiso ao gobernador civil. E non creas que foi fácil. Aínda non se tiña moi claro se esas cousas se poderían celebrar ou non, e o gobernador civil non dos deu permiso por escrito, pero digamos que nos fixo saber que miraría para outro lado sempre que non houbese problemas.
A vinculación da sociedade de Marín co enterro como é?
Importantísima. Milleiros de persoas asisten ao enterro, non só de Marín senón tamén de outras localidades. De feito cando se iniciou o enterro do loro Ravachol en Pontevedra, puxeron o evento o venres( agora é o sábado) para non coincidir co noso, pois moitos veciños e veciñas de Pontevedra achéganse a Marín o mércores de cinza para gozar do noso enterro.
Na comarca do Morrazo hai algún evento parecido?
O primeiro que houbo foi o noso. Logo, sete ou oito anos despois, comezou o de Moaña 7 que organiza a asociación Nós. En Cangas faise o enterro do Momo e en Bueu o do Paxaro de Mal Agoiro.
A organización do enterro da sardiña é moi cara?
Iso pode custar todo o que un queira gastar. Pero nós facémola barata porque non temos moitos cartos.
Como vos financiades?
O Concello colabora.
Colabora o suficiente?
Se dera un pouco máis non estaría de máis.
O Concello colabora economicamente , coa cesión de materiais e instalacións, pero a organización é vosa , non?
Si, a organización é íntegra do Ateneo.