Araceli Gestido alcaldesa de Cangas

Araceli Gestido alcaldesa de Cangas

A nova alcaldesa de Cangas é unha persoa intelixente, sensible, empática e posúe unha enorme capacidade de traballo. Este mandato non o vai ter fácil pois ten unha situación aritmética complexa. Se a esquerda se comporta de maneira responsable e contribúe á estabilidade política do goberno municipal, o PP nunca recuperará esta vila, pois a maioría social do pobo de Cangas é de esquerdas, e a súa alcaldesa ten unha calidade política e humana tan notable que vai ser alcaldesa ata que ela queira. Nós falamos con ela

O meu obxectivo é traballar sen pausa polo ben común do pobo de Cangas. E non vou apartar a miña mirada nin un centímetro dese camiño”

Como viviches a noite electoral?

Pois con ansiedade porque estivo tan emocionante que non se soubo o resultado ata o final de todo. Estivo todo extremadamente xusto, e claro nese contexto os nervios están a flor de pel.

Viviches o reconto no voso local?

Si.

E que ambiente se respiraba alí?

Xa che podes imaxinar : unha tensión e un nerviosismo superlativo. Estabamos un contexto emocional vibrante ata que finalmente todo estoupou nunha treboada de ledicia , agradecemento á veciñanza e responsabilidade, sobre todo moita responsabilidade, para estarmos á altura do noso pobo.

Supoño que inmediatamente os poriades en contacto coas outras tres forzas de esquerda que forman parte da corporación de Cangas?

Si claro, fixémolo de contado. Lamentablemente non se puido concretar con Alternativa dos Veciños, e si co PSOE e con Esquerda Unida. Non está no meu ánimo nin os reproches nin darlle voltas continuamente ao pasado. Todo o contrario; agradezo aos tres, a alternativa tamén desde logo, o seu voto afirmativo na investidura e a miña vontade e traballar con lealdade só cun obxectivo: O ben común do pobo de Cangas.

Cando fuches a investidura o voto de alternativa non o tiñas pechado, verdade?

Efectivamente fomos á investidura e non sabiamos o que ía votar Alternativa.

Miña nai querida…A vida política de Cangas é trepidante desde o principio ata a fin…..

A ver se somos capaces de crear as condicións de confianza, lealdade e comodidade para que iso deixe de ser así. Cangas ten unha maioría social de esquerdas e non se pode pór en risco de ningún modo.

No momento que es investida alcaldesa cales foron os teus sentimentos?

Unha emoción tan inmensa que non cabía no máis inmenso dos océanos ,un sentimento de responsabilidade enorme e unhas gañas estratosféricas de facelo ben .

O asunto das retribucións do goberno estivo varios meses sen arranxar, incluída a túa, algo moi grave porque unha alcaldesa non pode exercer de maneira adecuada se non cobra. Por que?

Como che dixen antes non é momento nin de reproches nin de mirar para atrás. O asunto está afortunadamente arranxado e agora toca mirar cara adiante, co corazón limpo e con toda a forza do mundo, só pensando no ben común de Cangas. Non penso apartar a miña mirada nin un centímetro dese obxectivo. No pleno onde se aprobaron os salarios tamén se aprobaron os órganos de goberno , que incriblemente estaban sen aprobar. En definitiva : o primeiro pleno funcional do noso goberno , en realidade, vai ser o do 29 de setembro.

Hai algunha posibilidade de que Alternativa se acabe incorporando ao goberno?

Creo que pola súa banda non.

E ti tes a porta pechada?

En absoluto. Pero agora mesmo o camiño non parece que vaia nesa dirección.

Que tal son as túas relacións con Vitoria, a concelleira de Alternativa?

Boas.

E cos dous socios de goberno: PSOE e EU?

As relacións son fantásticas. Hai moita ilusión, gañas de traballar e unha boa vontade absoluta por todas as partes de facer ben as cousas e de facelas con lealdade recíproca.

Pois considerando a historia recente da política de Cangas é moi meritorio pola túa banda alcaldesa

Pola miña banda non, pola banda de todas e cada unha das persoas que formamos o goberno de Cangas. En verdade, Tino, é un pracer para min traballar cóbado a cóbado con todas elas.

Cal foi o motivo da contaminación de Rodeira no verán?, cal foi a actuación do teu goberno? e en que situación está agora?

O motivo foi a rotura dunha tubaxe, foi no verán como puido ser en calquera outro momento. En canto á nosa actuación política:malia que sanidade determinou recomendar non bañarse , nós demos un paso máis e por prevención decidimos prohibir ata que non se arranxase, algo que se fixo en poucos días. Agora mesmo a calidade da auga é excelente.

Nas pasadas festas do Cristo houbo un grave accidente resultado do desprendemento dunha cornixa .O PP local, nas súas redes sociais, dunha maneira imos dicir “ sui generis” parecía suxerir que podería ter existido algunha responsabilidade municipal con expresións literais como “Dende o noso grupo municipal queremos acceder a toda a información dispoñible para coñecer todo o ocurrido e dilucidar se houbo algún tipo de neglixencia por parte dos responsables municipais. Coa vida e seguridade das persoas non se xoga. “ Que nos dis ao respecto?

En fin, hai temas cos que non se debe de frivolizar nin entrar no lexítimo xogo da crítica política. O accidente foi iso : un desgraciado accidente. Todas as festas fanse cos pertinentes seguros e con todas as medidas, protocolos e plans de seguridade necesarios, como non podía ser doutra maneira.

Podemos dicir algo da situación económica que te encontraches no Concello ou aínda é demasiado pronto?

Estruturalmente mala: Non temos RPT, e hai departamentos que están infra dotados e mal dimensionados. Pero a situación económica en si non é tan mala como puidera parecer. Agora ben , necesitamos imperiosamente un orzamento. Estamos a traballar cos do 2020 prorrogados e é un orzamento completamente obsoleto. Agora mesmo temos un obxectivo esencial que é tratar de levar ao seguinte pleno un orzamento e para elo estamos a traballar a marchas forzadas.

Para o pleno de outubro dis?

Non, para o de setembro.

Como para o de setembro, pero se faltan 10 días( no momento de realizarmos esta entrevista)?

Xa che dixen que estamos traballando a marchas forzadas. Agora, por ilusión e por gañas de mellorar a vida da xente non vai quedar. Un orzamento é imprescindible para o adecuado funcionamento do concello.

De verdade que me deixas abraiado, Araceli, debedes estar en niveis máximos de estrés?

Pois si, a verdade é que si.

Estás negociando coa oposición?

Si. O PP e Alternativa xa o teñen. Non espero nada do PP, si agardo un voto de responsabilidade de Alternativa.

Cales son as liñas políticas máis significativas que pretendes desenvolver neste mandato?

Probablemente este, pola complexa aritmética municipal, non poida ser un mandato de grandes proxectos pero si quixera e vou pelexar sen pausa por cumprir os seguintes obxectivos:

Devolver a paz institucional a Cangas e que haxa un goberno sólido, solvente que reme unido na mesma dirección. Ímolo conseguir, estou segura

Aprobar uns orzamentos que nos permitan acadar a estabilidade económica.

Tratar de resolver a inmensa maioría de pequenos problemas que hai e que afectan á xente do común. Camiños que están sen rozar, fochancas sen arranxar, estradas con deficiencias…..Precisamos incrementar o persoal de obras e limpeza viaria para que poidamos atender de maneira áxil e dilixente ese tipo de problemas, que poden parecer pequenos pero que son graves para quen os padece.

Colaborar man con man co tecido asociativo do noso pobo para dotar do adecuado apoio da administración municipal ao seu importantísimo traballo.

Atender as necesidades sociais de quen máis o necesite.

Facer que cada veciño e cada veciña de Cangas sinta que o Concello é a súa casa e que é tratado de maneira xusta e dilixente pola administración.

Quixera tamén concretar o proxecto ágora , cuxo mérito temos que recoñecer ao anterior goberno, que trata de unir vía peonil o casco vello coa alameda vella.

A remodelación da piscina, outra obra mérito de Vitoria, tamén se rematará proximamente.

O PXOM?

Vámolo intentar con todas as nosas forzas ao longo deste mandato.