Ao longo da miña vida formei parte de moitos e variados contextos .Un deles, ao que por distintas razóns non me quedou máis remedio que pertencer, estaba formado por persoas de talante maioritariamente conservador, coas que se podía convivir sen o máis mínimo problema fora dalgúns momentos de incomodidade nos eventos comúns. Pero entre elas había un home que ten todo o perfil de fascista. É un fanático que ten o mesmo problema que todos os fanáticos: confunde a política coa moral e fai valoracións morais sobre o que só son opinións políticas. O home ten un pensamento de extrema dereita, e canto máis lonxe estea o suxeito valorado da súa forma de entender a realidade máis inmoral é aos seus ollos: “ Puta comunista” “ Rata “ “ Perro Sánchez” “ Terrorista” “ Chusma que non merece vivir” eran excrecións biliares habituais nas súas diatribas, cando en calquera conversa colectiva aparecía o tema da política.
Que facía a súa familia cando o suxeito en cuestión vomitaba o seu lixo mental?
Nada, absolutamente nada. No mellor dos casos miraba para outro lado e no peor dos supostos ríanlle as ocorrencias como se fose algo normal, ou buscaban a xustificación moral recorrendo aos clásicos tópicos de “ e ti máis”, “ todos son iguais”, “ os outros tamén o fan”…
Que acontece cando non se combaten ese tipo de condutas?
Acontece que se volven normais. Sucede que ese tipo de chalados séntense impunes para agredir e tratar de humillar a quen non pensa como eles. De momento quédanse na agresión verbal. Pero, tal como xa nos ensinou a historia en moitas das súas fases, a agresión verbal sempre é o paso previo á física.
A normalidade das condutas fascistas afecta a persoas concretas.
Si, a persoas concretas coma ti, amiga e amigo lector, e coma min. Persoas que teñen fillos e fillas, nais e pais, soños e ilusións, medos e angustias exactamente igual ca nós.
Por moito que nós non sexamos a persoa afectada, non pensemos que somos inmunes ao virus do fascismo. Non, non o somos. Hoxe tócalle a Lucía Santos, candidata do BNG de Marín, e mañá pode tocarnos a calquera de nós.
Lucía Santos.
Lucía é a responsable do BNG de Marín desde hai arredor de 10 anos. Se non me falla a memoria as eleccións do 27 serán as terceiras ás que se presente encabezando a candidatura nacionalista. Nas eleccións do 19, o BNG obtivo unha soa acta na corporación marinense, ela mesma.
Lucía fixo un traballo enormemente meritorio,nun contexto moi difícil, e nas eleccións do 23 o Bloque de Marín cuadriplicou representación e pasou a ter 4 concelleir@s.
O grupo municipal nacionalista bordouno este mandato realizando política de altura, ata o punto de que se presume outra importante suba en votos e en actas nas municipais do 27, de maneira que incluso poderían soñar con arrebatarlle a alcaldía ao PP.
Como foron eses anos de Lucía como responsable do BNG de Marín.
Normais, sen ningún tipo de episodio de especial gravidade fora dalgún insulto ou comentario groseiro, que de cando en vez tiña que aturar nas redes sociais.
E agora?
Dun tempo a esta parte a situación mudou substancialmente a peor. Pouco antes do día da Patria deste ano, Lucía comezou a recibir centos de mensaxes nas súas redes sociais. O día 1 de agosto cando falei eu con ela calculaba que serían arredor de 600, en forma de graves insultos explícitos e ameazas directas tanto a ela como á súa parella: “ Puta, retrasada,métete la bandera por el culo que igual te gusta, subnormal, mereces una hostia en los dientes…..”
Así ata 600 veces en 15 días.
O acoso a Lucía é un episodio puntual?
Non, non o é. Responde a unha campaña coordinada contra o BNG en xeral, que tamén sofre ese tipo de condutas e contra outros candidatos e candidatas do BNG en distintas zonas do país.
Por que?
O contexto global de auxe da extrema dereita no mundo inflúe, desde logo que si. E o contexto particular do estado español, cunha dereita que leva 8 anos tratando de ilexítimo o goberno do estado ao que insulta gravemente un día si e outro tamén, provocan este tipo de cousas.
E se falamos do panorama mediático español que convida aos líderes fascistas a excretar ás súas porcalladas intelectuais en horario de máxima audiencia entendemos esta clase de episodios, ou outros igualmente graves como os casos de futbolistas millonarios que non se cortan en amosar o seu desprezo público ao presidente do goberno, ou que nunha celebración dun éxito deportivo desde o balcón do concello inciten ao público, con alegría e naturalidade, a chamar fillo de puta a Pedro Sánchez.
As razóns de fondo.
Non son morais. Os deficientes intelectuais e tarados que fan este tipo de cousas, chamar puta nunha rede social a unha muller que non coñecen de nada, non pintan un carallo .Eles son os parvos útiles. Ollo, eso no quere dicir que non sexan perigosos, sono en grado superlativo. Son utilizados por persoas moi intelixentes, probablemente moi amables e educadas nos seus respectivos contextos, que o único que queren é o poder. Todo o poder para eles. Estes últimos son que mandan e si que pintan moito.
E velaí temos o quid da cuestión: A dereita española carece de solidez democrática. Todo está ben mentres manden eles, pero cando perden o poder, ou cando teñen medo de perdelo,recorren a todo tipo de estratexias para acadalo. Incluso perder a cabeza e propiciar este tipo de comportamentos disparatados.
Os agresores.
Non teño nin idea de quen son. Só coñecemos o caso dun descerebrado, que se identifica como membro de Vox Marín, que nun océano de solidariedade e afecto cara a Lucía nas súas redes sociais escribiu “ Quien siembra vientos recoge tempestades”.
Logo borrou, ou borráronlle o comentario non o sei. Pero quedou retratado como unha persoa desprezable. En verdade cústame crer que haxa unha soa persoa en Marín capaz de votar a un perfil que xustifica o acoso colectivo a un ser humano.
Pero eu pregúntome que tipo de persoa pode actuar desa maneira. Os que agriden a outras e outros terán fillos e fillas,parellas, nais e pais, amigos e amigas. É que non lles dará vergonza?
Que pensaría de min a milla filla, a miña nai o meu pai os meus amigos e amigas, se se me dese por chamar en público: Puta, subnormal, retrasada…. a calquera candidata do PP de calquera concello galego?
Supoño que non me van facer o máis mínimo caso, pero se a algún dos agresores se lle ocorre ler este artigo apelo con toda a humildade a que lle dea unha pensada á súa vida. Os nosos actos non os podemos cambiar, e no futuro o fillo ou a filla dalgún deses agresores vai ter convivir co feito de que o seu pai era un acosador que chamaba puta polas redes sociais a mulleres que non coñecía de nada, só porque non pensaban como eles.


Que fixo o PP de Marin?
Nada, absolutamente nada. Ben, case nada. María Ramallo pendurou unha breve mensaxe nas súas redes sociais condenado as agresións a Lucía na que condenaba, si, pero tamén dicía que esa realidade a sofren todos. Como se ela fose tamén agredida. E claro, ao espallar a agresión a outros presuntos agredidos o que fai é minimizar o impacto en quen si sufriu a agresión en realidade. O certo é que a día de hoxe, 1 de agosto, nin ela nin ningún concelleiro ou concelleira popular de Marín tiveron a delicadeza de escribir ou chamar a Lucía para amosarlle a súa solidariedade e respecto.
Que fixo Facebook?
Lucía denunciou na rede social algún dos perfís que a insultaron, a ela e á súa parella,máis gravemente, e a resposta dos responsables da rede social foi que non pensaban actuar contra eses perfís porque non incumprían ningunha norma de comportamento da empresa. Unha vez máis vemos como as redes sociais están controladas por oligarcas, que as usan como instrumento ao servizo das forzas políticas que defenden os seus intereses.
Como está Lucía?
Tranquila é serena. É imposible que a un ser humano normal algo así non lle toque, pero eu vina moi forte, agradecida e emocionada pola marea de afecto e solidariedade que está recibindo das persoas que a aprecian e de moitas mulleres e homes decentes que non a coñecen pero que non poden evitar escandalizarse ante unha forma de proceder tan sumamente noxenta.
Porque isto amigos e amigas é o fascismo. Xa está aquí, entre nós. E ou somos capaces de derrotalo democraticamente ou máis cedo que tarde vainos tocar a todos
Que pode facer a sociedade civil?
A min ocórrenseme dúas cousas: En primeiro lugar expresar con toda a contundencia que son capaz,en público e en privado, toda a miña solidariedade e respecto a Lucía e a Xurxo, o seu compañeiro. Non só porque son vítimas, que tamén, senón porque neste caso en concreto dáse a casualidade de que os coñezo aos dous e sei positivamente que son dúas persoas dignas que calquera persoa que se tomase a molestia de coñecer , inevitablemente ía terminar por apreciar e respectar.
E por último o que debemos facer é non contribuír a normalizar o fascismo de ningún modo. Cando ese cancro se cruce no noso camiño hai que combatelo, sinalalo e aplicarlle un cordón democrático.
Xogámonos moito: A liberdade,a paz,a democracia e a dignidade para as maiorías sociais.
Non ao fascismo.

Dirección A Nova Peneira

