Picota FM.
Os compoñentes deste grupo de Redondela son dous primos que levan xuntos toda a vida, os dous cantan e os dous tocan a guitarra. Eles fan versións de temas de rock and roll e xa teñen algunha canción propia, coa ilusión de poder compoñer unha maqueta para participar no próximo festival de maquetas do Millo Verde e por que non, poder ampliar o grupo cun baixista e un batería, porque como eles mesmos afirman : “Picota FM é un grupo que naceu da nada para poder chegar a todo”.Na nosa xeira polo rock popular galego fixemos unha parada na histórica zona da Picota para coñecermos mellor a estes dous mozos de Redondela. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Omar Cadilla e Martín López
“ O noso obxectivo como grupo é pasalo nós ben e que o público se divirta con nós”
Que queda daqueles dous mozos que tocaban en “Relámpago”?
Ben, digamos que somos os mesmos pero con arredor de 10 anos máis.
Que recordos vos evoca aquela época?
Pois recordos preciosos. Cando un lembra os seus comezos en calquera campo da vida as emocións sempre se sitúan en niveis máximos. Tes que pensar,Marcos, que aquela época foi cando comezamos no mundo da música e cando nos chamaron do Millo.
Naqueles tempos eramos uns nenos, que estaban a vivir o que calquera afeccionado ao mundo da música desexa vivir, pero aínda non nos dabamos de conta.
Desde aquela época seguides xuntos?
Si, “Relámpago” acabou pero nós decidimos seguir xuntos e aí naceu “Picota FM”.
E chegou o primeiro grande concerto no Brisa?
Pois sei, en parte grazas a Chopi que foi quen nos chamou.
Que raro Chopi polo medio nalgunha historia
Ha, ha, ha, ha…Chamounos para ver se queriamos telonear a Alfredo Piedrafita, o guitarrista de Barricada, e nós encantados, claro.
Vaia forma de debutar¡¡
Pois si, o Brisa é un lugar máxico para nós. Incluso cando repetimos nese local foi para telonear ao guitarrista de “ La Fuga” Pedro Razkin. Un tipo por certo encantador. Primeiro subímolo nós a el, e logo subiunos ao escenario el a nós.
Picota FM sodes volos dous?
Si ben, de momento si, malia que hai moita xente detrás que nos apoia e que son moi importantes para o funcionamento do grupo como por exemplo os nosos pais, Chiri,Pedro…
Como é iso de “ de momento”?
Ben, ímolo deixar aí, de momento. Cando poidamos dicir algo máis,Marcos, serás o primeiro en sabelo
Digo eu que terá que ser así
Ha, ha, ha..por suposto que si. O trato que lle dás a universo musical de Redondela ben o merece.
Levades xuntos toda a vida. Non vos aburrides de tocar sempre os dous?
Non oh..Levámonos moi ben. Xa nos coñecemos tanto que case non fai falta que falemos para nos coordinar correctamente. Somos un grupo que flúe sen ningún problema. Lembro unha canción á que lle puxemos música un día ás 4:30 da mañá nun garaxe no que fomos acampar nun aniversario.
Algunha vez habería algún conflito, non?
Iso é pouco menos que inevitable…pero nunca foi nada grave nin tóxico.
Cal é o tipo de música que fai Picota?
Facemos versións sobre todo de rock and roll. E estamos traballando en comezar a sacar temas propios. De feito xa temos un tema que levamos tocando bastante tempo, temos algúns máis xa preparados.
En breve teremos LP?
O que si podemos dicir é que igual para o ano nos presentamos ás maquetas do Millo Verde. Aínda que non gañemos ter unha maqueta feita por nós sería estupendo.
Entón o ano próximo ides tocar nas maquetas do Millo?
Esa é a nosa intención, pero aínda non o podemos confirmar. Todo dependerá da velocidade de produción.
Algún soño para o futuro próximo?
Gustaríanos poder elevar o grupo, e contar cun baixista e un batería. Xa temos algo medio apalabrado pero, como che comentamos antes, xa o comunicaremos no seu momento.
Facemos esta entrevista no día que tocades en Ponte Sampaio. Tedes algún outro concerto nas próximas datas?
Estamos pechando actuacións na cultural de San Martiño e na de Nespereira, e pendentes de varios sitios amigos como O Funil ou o Arume de Santiago. A nosa finalidade como grupo e pasalo nós ben, e que o público se divirta con nós.
Nós nas datas que van saíndo tocamos, pero a nosa intención é non ter a máis mínima dor de cabeza con ese asunto.
Rematamos: A continuidade de Picota FM está asegurada?
Esa é a nosa intención desde logo. Somos un grupo que xurdiu da nada para chegar a todo.

Redacción de Redondela




