Salvaterra de Miño, 02 de Agosto do 2026
Antón “Xaque”.
As débiles e antigas fortificacións de Valença e Vila Nova, non eran suficientes para a defensa, Viana e Ponte de Lima non estaban fortificadas, do Porto non se debía esperar resistencia algunha, porque nin defensa nin presidio (guarnición militar) tiña que asegurase a cidade, sendo como era a segunda do reino.
Con todas estas consideracións debíase procurar que o socorro de Monção fose máis con artimañas que con forza, o río Mouro, que entra no Miño unha legua por arriba de Monção e dúas abaixo de Melgaço, tiña un porto mui capaz de introducir por el o socorro. Debíanse fabricar cantidade de barcos, para o que non faltaban madeiras, e cargados de abastecementos e de xente, puidesen levar os mesmos, dando tempo e alento os sitiados, esperando os acontecementos que o exército no Alentexo preparaba para socorrer Elvas, que eran as únicas esperanzas que se tiñan para sustentar aquela praza.
Os barcos podían ser vinte cinco, que polo cómputo que fixera Miguel de Lascol, eran os que bastaban para levar douscentos homes, subministros e municións para un mes. Estes podían fabricarse en Melgaço no termo de quince días, e lanzados de noite á rápida corrente do Miño, mal poderían ser atacados se o Marqués de Viana no tivera noticia deles.
Escoitou Nuno da Cunha esta proposición e antes de votar por ela, dixo que saíran do cuartel de Paredes, para aquel lugar das Choças, onde estaban, co fin de meter en Monção ou Salvaterra un groso comboi, o que se atopaba coa dificultade dos tres fortes e baterías que os Galegos tiñan levantado na parte por onde se pensaba introducir o socorro. Polos recontos que fixeran, contaban con dous mil homes, agardaban oitocentos máis da comarca de Barcelos e Vasco de Azevedo Coutinho algunha xente máis tiña, xente esta que o Visconde tiña tomado pola súa conta mandar conducir. Toda xunta supuñan uns cinco mil Infantes de calidade notoria. As compañías de cabalos poderían montar catrocentos vinte.
Neste suposto, no perigo en que Monção se atopaba e ó que ficaba exposta toda Provincia coa perda da Vila, os do Consello inclináronse por intentar o socorro pola parte de Cortes, ou pola de S. Bento da Torre, levando elementos de fogo para romper a ponte, e se non se puidera conseguir, que camiño poderían intentar, ou que lugar se debía elixir para fortifícalo, calqueera resolución que se tomase debía ser pronta, pola gravidade do aperto en Monção, ponderándose maiormente os pareceres de Fernão de Sousa e a proposta de Nuno da Cunha. O Vizconde, o Conde de Miranda e D. Francisco de Azevedo fixeron un papel en que dicían que estando vivo o Conde de Castell-Melhor o vinte seis do mes precedente, fora do parecer que se fixese un Forte sobre a Praça de Lapela, en canto se xuntaba xente para socorrer os sitiados e que conseguido este intento, se pasaría a remediar o dano do Forte de S. Luís ¿Gonzaga?, que esta era a operación máis útil do que tiñan apuntado, podendo fabricarse cos barcos que había unha ponte, por onde se introducise socorro nas dúas Prazas, e se procurasen cortar os combois que continuamente entraban no exército inimigo. Na presente ocasión, xuntándose cinco mil homes, como o Xeneral da Artillería propuña, eran do parecer que se fabricase un cuartel para a parte de San Bento da Torre, no sitio que parecese máis convinte e que deste cuartel se intentase por todos os camiños o socorro de Monção e se fixese todo o posible por romper a ponte de barcas dos Galegos, e todas estas resolucións debían de ser rápidas, porque os sitiados, conforme os avisos de Lourenço de Amorim, estaban carecendo de todos os medios para se defenderen. E que do resultado deste intento definirían as resolucións que se debían tomar no resto das dificultades que ficaban por decidir, a estratexia máis precisa era xuntarse a Infantería capaz de superar acometidas perigosas e que para este caso se debían aplicar os medios máis proporcionados.
Os Mestres de Campo Ferancisco Péres da Silva, Diogo de Britto Coutinho e o Tenente Xeneral da Cabaleiría Domingos da Ponte foron do parecer que naquel cuartel das Choças se resgardase bo número de xente, sobre catro mil homes, e que con eles se ocupase o aloxamento de S. Bento da Torre, ferigresía de Bela, que ficaba media legua de Mónção e un cuarto de legua da ponte inimiga, queimar a ponte, e conseguido este intento, parecía factible socorrer Monção. Nuno da Cuña apoiado por Fernão de Sousa, mandou preparar as barcas, habendo destas vinte cinco só se fabricaron seis máis, diminuíndo notablemente as posibililades deste socorro.
A vinte seis de Novembro marchou Nuno da Cunha do cuartel das Choças, deixando guarnecidos uns Fortíns con Infantería auxiliar, para seguranza dos fornos que cocían o pan do exército. Adiantouse Francisco Peres da Solva co seu Tercio e dúas Compañías de cabalos. Seguíalle o Tenente Xeneral da Artillería Miguel de Lascol con oitenta carros de municións e varios accesorios e o cabo de tres días tomaron cuartel no lugar da Valinha entre os dous ríos Mouro e Valadares, cubrindo o primeiro a fronte e o segundo a retagarda. Encomendou Nuno da Cunha a preparación dos seis barcos a Ioão Filgueyra y Gajo, que se encontraba no exército como particular. Ioao Filgueyra axudado da grande expedición do Tenente de Mestre de Campo Xeneral Ioseph de Sousa Sid. A catro de Decembro fixo que ficaran preparados para poder navegar. En canto durou esta acción, traballaron os Galegos por perfeccionar os fornillos con que determinaban voar o Fortín do Montinho. Atacaron o seis de Novembro, puxéronlle lume as minas pero surtiron pouco efecto, deu o asalto a xente que estaba preparada para este fin, sendo a brecha do fortín valerosamente defendida polos sitiados, retiráronse con grandes perdas os atacantes máis, inda así, volveron facer outro ataque contra un Fortín oposto ó de S. Francisco, do que tamén foron rexeitados. Satisfacéronse os inimigos con outro asalto polo mesmo lugar do antecedente, retirándose con igual infortunio.
Continuará…
Fonte: Portugal Restaurado, parte II, libro III, Luís de Meneses, Conde de Ericeyra, Lisboa.


